O dez de agosto de 2019, Evelyn Hernández saía en liberdade tras pasar tres anos, catro meses e trece días nunha cárcere salvadoreña, acusada de homicidio agravado por un parto extrahospitalario con complicacións. Convertíase así na primeira muller en conseguir unha anulación da súa sentenza, tras ser condenada a 30 anos de prisión por un aborto espontáneo en 2017, nun dos países máis restritivos do mundo coa interrupción do embarazo.
Este precedente abre unha fenda de esperanza para moitas outras mulleres que, como Evelyn, son vítimas dunha lexislación que penaliza todos os casos de aborto sen excepcións. Baixo o título En deuda con todas, a Asociación Galega de Comunicación polo Cambio Social (Agareso) estrea o día 16 de decembro en NUMAX (Santiago de Compostela) un documental para denunciar esta situación e para presionar para que se consiga un cambio real na lexislación salvadoreña.
Unha das lexislacións máis restritivas do mundo
A inicios dos 90, tras 150 anos sen cambios, o estado de El Salvador decidiu modificar a lexislación e a Constitución en relación ao aborto. O que comezara en 1994 como un anteproxecto que buscaba eliminar figuras obsoletas como o aborto honoris causa (ou aborto para salvar a ‘honra’ da muller) abriu un debate no país sobre esta práctica, avivado polas posicións máis conservadoras, e que tería como consecuencia a penalización total da interrupción do embarazo no ano 1998.
“En 1997, na Constitución estaba despenalizado o aborto terapéutico, o euxenésico e o ético, que é aquel onde o embarazo é resultado dunha violación, explica Sofía Villalta, xinecóloca e coordinadora na Unidad de Salud Sexual e Reproductiva do Ministerio de Saúde salvadoreño ata 2012. “Pero despois dese momento penalizouse totalmente o aborto e incorporouse na Constitución que se debía protexer ao embrión desde o momento da concepción”, engade.
“Foi unha modificación intempestiva, en cinco meses. (...) E foi a Igrexa católica a que xerou un chamado que rematou atendendo a dereita conservadora do noso país”, conta Oswaldo Feusier, profesor de Dereito Penal da UCA. Na súa investigación comparativa Pasado y presente del delito de aborto en El Salvador, o profesor explica que foi en parte a campaña por parte de grupos contrarios ao aborto (como o partido conservador ARENA, a Conferencia Episcopal de El Salvador ou xerarca da Igrexa católica, Fernando Saenz Lacalle, entre outros), a que acabou mudando o parecer da Asemblea Lexislativa, ata o punto que non só prohibiron o aborto en tódolos casos, senón que, anos despois, incluso blindaron a decisión. “Nos últimos 20 minutos da última sesión plenaria da Asemblea (...) para o período 1994-1997, aprobouse o acordo de modificación do artigo un da Constitución (...) [para] agregar un inciso intermedio segundo o cal o Estado Salvadoreño reconoce como persona humana a todo ser humano desde el instante de la concepción”.
Vivindo baixo esta lexislación
Tras a aprobación da nova lexislación e a modificación da Constitución, a situación para moitas nenas, adolescentes e mulleres salvadoreñas converteuse nun pesadelo. No ámbito legal, trátanas de homicidas desde o primeiro momento no que se descubre o aborto, e en moitas ocasións déixanas en prisión preventiva ata un ano. “Cando se persigue, se criminaliza, se xudicializa e se condena ás mulleres estase a exercer unha violencia de Estado. É unha contradición, porque quen defende a penalización, en realidade defende o maltrato as mulleres, a humillación, o trato indignante, a violación de dereitos...”, denuncia Morena Herrera, activista feminista e defensora dos DDHH.
Porén, o ámbito legal non é o único eido no que sofren. Tamén son vítimas dun estigma social que fai que, moitas veces, se vexan abandonadas ata pola súa familia e seres queridos. E iso hai que lle sumar o eido da súde, onde moitas morren porque os médicos esperan a que o feto deixe de latexar antes de facer nada ata en situacións de risco extremo.
Un caso así aconteceulle a Xiomara Argueta, xineco-obstetra que sufriu un embarazo ectópico que case remata coa súa vida. Porén, Xiomara sabe que é unha das afortunadas. “Eu tiven sorte porque son do grupo das profesionais. As mulleres pobres son as que sempre sofren dano.”, conta. Engade ademais que en rematar ou non no cárcere por un aborto, o diñeiro xoga un papel fundamental. “Habería que investigar iso, porque no meu país non hai unha muller que teña diñeiro no cárcere”, denuncia a profesional.
“Cando se persigue, se criminaliza, se xudicializa e se condena ás mulleres estase a exercer unha violencia de Estado. É unha contradición, porque quen defende a penalización, en realidade defende o maltrato as mulleres, a humillación, o trato indignante, a violación de dereitos...”, denuncia Morena Herrera, activista feminista e defensora dos DDHH.
Para Roxana Delgado, da Mesa de Salud Sexual e Reproductiva no Foro Nacional de Salud, é interesante facer esta reflexión de que son esaas mulleres, pobres e de ambientes desestruturados, as que se ven principalmente afectadas por unha regulación tan restritiva como esta. “As mulleres con mellores condicións sociais teñen os medios para saír do país e practicarse un aborto con sistemas de saúde que lle garanten tamén que se faga dun xeito adecuado”, engade.
“Cando se persigue, se criminaliza, se xudicializa e se condena ás mulleres estase a exercer unha violencia de Estado. É unha contradición, porque quen defende a penalización, en realidade defende o maltrato as mulleres, a humillación, o trato indignante, a violación de dereitos...”, denuncia Morena Herrera, activista feminista e defensora dos DDHH.
Sobre isto tamén Morena Herrera puntualiza que hai que ter en conta que as mulleres que acabaron en prisión non planificaron o aborto, senón que tiveron un problema obstétrico, o que evidencia que son eses mesmos factores -mulleres novas, pobres e con situación de fraxilidade familiar- os que condicionan que a muller remate ou non no cárcere. Por outra banda, advirte que hai que ter en conta que a lexislación contra o aborto é consecuencia dunha política moi conservadora na que a vida dun embrión prevalece sobre a vida da muller embarazada, e que se penaliza de maneira máis dura un aborto que unha violación, mesmo no caso de tratarse dunha nena ou unha adolescente.
E isto non é trivial cando se observan as porcentaxes de nenas e adolescentes embarazadas, así como as porcentaxes de violacións de El Salvador. Só no ano 2016, en El Salvador rexistráronse 1.844 violacións a nenas e adolescentes. Tamén, un 20% das mulleres encintas teñen menos de 20 anos, e o suicidio con matarratas, ou outros produtos químicos, é a causa de morte do 57% das mulleres embarazadas, moitas menores. Aínda así, a lexislación cébase con elas, ignorando por completo que en moitas ocasións son os homes achegados, moitas veces familiares ou persoas nas que a nena ou adolescente confía, os que violan e embarazan a estas mulleres. E das escasas 4621 denuncias por agresión sexual que se fixeron en 2019, tan só 488 acabaron en condenas.
“Só sinalan ás mulleres, pero os homes? Sempre nos culpan a nós. Eu fun violada, despois fun ao cárcere, e el fóra, facendo a súa vida”, comenta Alba, unha das ex-privadas de liberdade por un aborto. “A eles nunca se lles castiga”, denuncia con outras das súas compañeiras.
‘Las 17 y más’
‘Las 17’ é como se coñecen a estas mulleres presas por un aborto. Recentemente saltaron ao ámbito internacional a través dunha campaña pola súa liberdade. Con ela, amosaron a vulneración de dereitos que padecen as mulleres salvadoreñas ao enfrontárense a máis de 30 anos de prisión, acusadas de homicidio por un aborto espontáneo ou unha emerxencia obstétrica.
Comezaron sendo ‘Las 17’, pero axiña se evidenciou que había máis. Moitas non contaban o motivo que as levou ao cárcere por medo a represalias por parte doutras presas, xa que o estigma por abortar está profundamente arraigado na sociedade salvadoreña. Actualmente, a maioría viven aínda encerradas no CDM (Centro de Detención Menor), esperando a que a xustiza cambie e se lles conceda a liberdade. Elas son as caras e nomes detrás dunha lexislación que, baixo o pretexto da defensa da vida, odia, castiga e condena ás mulleres. Sara, Teodora, Jacqueline... contan as súas historias de pesadelo, como foron maltratadas mentres se desangraban tras un aborto espontáneo, como a policía case non permitía que se llas atendera en urxencias, e como foron condenadas a 15, 30 ou ata 50 anos de cárcere por perder o seu bebé sen poder facer nada por evitalo.
A loita feminista
Desde colectivos como La Radio de Todas ou Hip Hop en Femenino loitan para que, non só a situación de ‘Las 17 y más’, senón de todas as mulleres de El Salvador, mude. “Os cambios e responsabilidade ímolos lograr se as mulleres loitamos. Ninguén nos regalou nada e creo que temos que seguir xestando cambios desde a sociedade civil, organizacións sociais, comunitarias e xuvenís”, sentencia Morena Herrera. En ‘La Radio de Todas’, teñen claro que hai que loitar para que o cambio chegue realmente. “Como movemento so podemos enfadarnos e transformar esta rabia en accións, esta indignación en posibilidades de cambio. Temos que saír á rúa e pelexar. Seguir ao lado das mulleres e das nenas”, di Mariana Moisa, xornalista nesta radio feminista.
“O sistema quere que non coñezas os teus dereitos para que non os defendas”, comentan desde o Colectivo Hip Hop en feminino. “Como din, a unión fai a forza. Non imos ir tres a berrar diante da Asemblea, pero creo que ese é o noso papel agora, influenciar ou empoderar para que todas veñan con nós”. Tamén, desde o cárcere, ‘Las 17 y más’ pensan seguir loitando e agradecen o apoio.
A Asociación Galega de Comunicación polo Cambio Social (Agareso) estrea o documental “En deuda con todas”, onde se recolleron todas estas declaracións, para denunciar esta situación e poñerlle cara a esas mulleres que están sufrindo baixo esta lexislación salvadoreña que vai en contra dos dereitos humanos das mulleres deste país.
“O estado está endebedado coa muller salvadoreña. Somos mulleres reais, non somos un conto de fadas. Eu agora tomo o micrófono coas miñas compañeiras. E agora gritamos nós por nós”, di Teodora Vásquez, ex-privada de liberdade e actualmente activista e traballadora da TNT. “O compromiso e coas mulleres salvadoreñas e por elas imos loitar”. E nós darémoslle voz para que o fagan. E para axudar a que ninguén máis teña que pasar polo que elas pasaron.