'Zanka Dialna. A rúa é nosa' é un documental realizado polos voluntarios de Agareso (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios)sobre como é vivir en Marrocos sendo muller. Explotación, abuso e desigualdade agochados en voces que agora teñen o poder de cambiar as cousas
“Tes que calar, non imos dicir nada porque a xente vería mal a familia”. Esa foi a reacción da súa nai ao enterarse que o seu exmozo a violara. Dous meses e medio despois descubriu que estaba embarazada e para evitar a vergoña da familia trasladouse a vivir cunha señora ata dar a luz. “A matrona díxome «Como podes abandonar ao teu bebé? Estás chorando, non podes perdela». Eu respondín «Non teño outra solución»”. Aínda sabendo que quería quedar coa súa filla, cedeu á presión familiar, polo menos naquel momento, pois tan só unha semana despois acudiu ao orfanato para tratar de recuperala. Pero a pequena xa fora adoptada por outra familia.
Prefire que as cámaras só graven a súa silueta e manter oculto o seu nome, para que compartir a súa historia non altere o seu desenlace. Tras un longo proceso de busca, a nai continúa en trámites legais coa familia para tratar de recuperar o contacto coa súa filla máis de dous anos despois de tela visto por última vez. Para isto conta co amparo da asociación 100% Mamans, especializada en axudar a nais solteiras, un dos colectivos máis estigmatizados do país. A sociedade acúsaas de prostitutas, para as súas familias son unha deshorna e, a nivel legal, elas e os seus fillos atópanse completamente desamparados xa que, sen un pai, mesmo inscribir a crianza no rexistro civil é unha odisea.
Ser muller en Marrocos é sinónimo de loitar se queres gozar dos teus dereitos, xa sexa como traballadora ou como simple cidadá. Leticia Francisco, Uxía Pérez e Marcos Fernández foron os alumnos seleccionados para trasladarse a Marrocos no mes de xuño do ano pasado xunto con dous voluntarios máis da asociación. Desta viaxe naceu Zanka Dialna. A rúa é nosa, un pequeno traballo documental que busca dar voz ás mulleres marroquís e visibilizar as diferentes frontes de loita que teñen abertas tanto a nivel social como legal e laboral.
“Os que fixeron as leis en Marrocos son machistas. Todas as leis son en favor do home e non da muller. A muller marroquí está explotada na casa, na empresa, en todo”. Así denuncia a situación unha das protagonistas, que loita día a día por mudar un réxime inxusto. Marrocos dalles as costas ás duras historias que afrontan as mulleres, arroupando un contexto patriarcal que as sitúa por debaixo dos homes. Isto maniféstase, por exemplo, no terreo laboral, onde as mulleres aceptan os traballos máis precarios e reciben, en caso de acadar un posto similar ao obtido polo home, unha remuneración que ronda menos da metade da que poden beneficiarse estes. Nesta liña da precariedade, ademais de afrontaren “os traballos que os homes rexeitan”, segundo as palabras da presidenta da Union de L’action Femenine, as mulleres tamén son expostas a xornadas máis duras e pésimas condicións.
Mais a explotación que sofren as mulleres nas xornadas de traballo non remata aquí. Ademais de soportar acordos laborais inxustos, son tamén vítimas de abusos sexuais por parte dos patróns. Estes ofrecen melloras nos pésimos termos baixo os que obrigan a traballar as súas empregadas a cambio de privalas dos seus dereitos e da súa autonomía como mulleres. Por outra banda, están aquelas mulleres ás que se lles nega un oco nestas xornadas de traballo e precisan dun emprego para sobrevivir. Elas son explotadas na prostitución por unha “mafia” que se aproveita desta situación de vulnerabilidade, sobre todo no caso das mulleres analfabetas. Mentres, a sociedade condena todas estas historias con olladas que rexeitan o sufrimento de aquelas que foron vítimas de abusos e violacións.
Froito tanto da explotación laboral como dunha sociedade onde o goberna o machismo, moitas mulleres deben exercer como nais solteiras sen ningún tipo de recoñecemento legal para os seus fillos e fillas. O dereito marroquí non acepta a filiación paterna do fillo se non existe matrimonio, pois isto suporá un adulterio. Neste caso, a filiación atribúese en exclusiva á nai, pois, polo feito do embarazo, esta considérase lexítima en calquera caso: sexa a través do matrimonio, por motivo de relacións sexuais mantidas por erro ou por violación. No caso do pai, establecerase polo recoñecemento deste da súa paternidade. Condicionar esta premisa á vontade do home obriga á nai a responsabilizarse por enteiro da vida do seu fillo, ao que se lle priva do dereito a unha identidade coñecida.
Así mesmo, ademais de desamparadas pola lei, as nais solteiras viven xulgadas pola propia sociedade. Incluso os familiares máis próximos rexeitan a estas superviventes, que loitan día a día por sacar adiante aos seus fillos sen ningún tipo de apoio. Moitas delas ven, con todo, unha saída en colectivos como o mencionado 100% Mamans, unha agrupación que ofrece acompañamento xurídico, social, sanitario e profesional a todas aquelas mulleres que precisen dun refuxio para facerlles saber que non están soas na súa loita.
As mulleres alzan a voz nesta curtametraxe documental na defensa dunha ensinanza digna que promova a sensibilización, un traballo digno no que non cabe maltrato, un salario igualitario que non acolla a explotación como condición, unha identidade para as súas fillas sen pais, dereito á opinión, á libre expresión e a saír á rúa como, cando, onde, cantas veces e con quen queiran. Zanka Dialna é unha escoita a historias agochadas que teñen o poder de cambiar as cousas e que hoxe, máis ca nunca, se senten co poder de facelo.