Supernova. Sete óperas primas no Curtocircuíto

Eire Cid, Breogán Xague, Fernando Areal Alvite, Víctor Soho, Alejandro Rodríguez, Noa Costas Martín e Rubén Suárez son as artistas que participan na sección Supernova do festival Curtocircuíto de Compostela, que se celebra do 1 ao 9 de outubro

 

O Curtocircuíto é unha desas citas que todas as cinéfilas teñen no calendario. Nesta 19ª edición, que se celebra do 1 ao 9 de outubro en Santiago, vanse proxectar un total de 57 pezas, a maioría delas estreas en Galicia, que combinan descubrimentos do festival cunha selección dos filmes máis destacados da tempada. Para ir sincronizando axendas, toda a programación pódese consultar aquí.

En VINTE queremos centrarnos na sección Supernova, protagonizada por curtas das creadoras e creadores máis novas e que inician a súa andaina no audiovisual. É un apartado fundamental do Festival Internacional de Cine de Santiago, pois moitas das cineastas que teñen pasado por aquí agora xa participan nas seccións competitivas do certame impulsado pola Concellería de Acción Cultural do Concello de Santiago e dirixido por Pela del Álamo.

Supernova permite que nos acheguemos a óperas primas e que as cineastas emerxentes atopen un oco nos circuítos cinematográficos profesionais. ″O festival quere empregar esta sección para que cineastas emerxentes aprendan a presentar, defender e acompañar os seus filmes e, para isto, encargarase de que entre o público haxa sempre programadores, produtores e realizadores máis experimentados que poidan cuestionar as propostas e enriquecer os coloquios″, sinalan desde a organización. A cita é o sábado 8 de outubro, ás 20.30h, no Teatro Principal.

Unha destas curtas que se van presentar no Curtocircuíto é Manifesto, de Eire Cid (Vigo, 1991). Unha peza de ficción que conta a historia dunha moza que se ve obrigada a estar consigo mesma ao ficar encerrada no seu cuarto. Cid fundou xunto á tamén cineasta Bea Saiáns a produtora Cru

Fotograma da curta 'Manifesto', de Eire Cid © Eire Cid

DEMASIADO*JOVEN*PARA*MORIR é a obra de ficción experimental que presenta Víctor Soho (Vigo, 1999) na que, tras a morte do seu amigo, afogado no mar, o protagonista decide vingarse da única maneira posible: matando o océano Atlántico. «No meu caso a curta sucedeu por dous motivos claves: acababa de saír da ECAM, estaba coa produción da longa, era o verán da COVID post-confinamento e quería facer unha curta o máis libre e rápido posible, algo que na rodaxe fora moi lúdico e de explorar a posibilidade de cámaras coas que non puidera traballar antes (como unha GoPro), así que pensei nun formato de rodaxe cun único actor, sen son e con tres cámaras simultáneas e distintas entre elas (un operador cunha Hi8, outro cunha handycam e outro co móbil) e que fora máis de gravar accións físicas que de gravar diálogo (gustábame meterme na auga cun actor, velo improvisar na praia os movementos, etc).

'DEMASIADO JOVEN PARA MORIR', de Víctor Soho © Víctor Soho

O outro motivo foi que, tanto antes da pandemia como durante e pouco despois, fíxenme un ciclo de obras de artes marciais e de categoría III de Hong Kong (que son obras moi masculinas de acción) e sorprendíame como dentro desa masculinidade moi canónica existía espazo para un sentimentalismo moi melodramático cando entraba o tema da amizade (ademais, interesábame como eran lidas por certa xente como non-heteronormativos, como pasa tamén con outras obra de acción de amizade pura hexemónica masculina como Top Gun). Neste proceso escribín unhas notas sobre a vinganza e a forma na que funcionaba como tropo nestas obras, como a vinganza era unha forma de manter viva a persoa morta, xa que mentres sucede a vinganza non hai loito real, a súa presenza segue estando presente e só é cando a vinganza remata que un ten que afrontar a perda. Entón, pensei que a vinganza máis coherente para facer que ese sentimento non se perdera era vingarse de algo inmatable e aí ocorreuseme a ironía de matar o océano Atlántico como vinganza, relacionar ese cinema de acción coa amizade e a rodaxe libre que quería facer (rodouse en 4 horas sen preparación previa)», debulla para VINTE Víctor Soho.

'Abismo', de Rubén Suárez © Rubén Suárez

«Álex esperta dun pesadelo só para atoparse que na súa propia casa continúan os sucesos terroríficos en forma de visións e ruídos delirantes e turbadores. A raíz desta situación aterradora, atópase nun penoso incidente do seu pasado que volveu atormentalo». Esta é a sinopse coa que se avanza o que sucede en Abismo, a curta coa que participa en Supernova Rubén Suárez

Para ver o mar ás veces é mellor pechar os ollos é a proposta de Breogán Xague (Vigo, 1999) ao que tamén coñecemos pola súa faceta como músico e escultor, que gravou a costa industrial de Cangas do Morrazo ou o acto de xogar unha partida nun videoxogo como vías para narrar un pesadelo sobre ser incapaz de volver a casa tras marchar a vivir ao estranxeiro. «Levaba xa un tempo sentindo que me encorsetaba demasiado na forma na que trataba o mar. Teño varias instalacións e esculturas que buscan entender os espazos industriais da costa galega a través dos propios procesos do mar, buscando alí un tempo cíclico que puidese relacionar coa lingua que se fala neses lugares e coas cancións populares que produciron e seguen a producir. A cuestión é que nelas usaba moitos datos oceanográficos e sentía que algo se me perdía no camiño. Comecei con esta curta para probar que pasaba se me deixaba ver máis claramente a min mesmo no meu traballo relacionado có mar. Dalgún modo quería expoñerme un pouco e penseina como unha videoinstalación», conta a VINTE. 

'Para ver o mar', de Breogán Xague © Breogán Xague

«Ao chegar de casa a Estocolmo polo Nadal o ano pasado tiven o pesadelo que narra a curta. Escribín á mañá seguinte o texto. Comecei a mirar as fotos e vídeos que sacara de Cangas as últimas veces que volvín. Interésame moito tamén tratar con imaxes que nunha orixe non teñen intención de ser artísticas. Esa especie de tomas que se gravan máis por diversión ou por ter un recordo, é dicir, empregar o propio acto de facelas máis cá elas mesmas. Algo que fixen tamén có PES (Pro Evolution Soccer 2012). Relaciono xogar ó PES con cando estiven na casa e tamén sinto que é algo certamente privado. Na corentena xogaba un pouco ás agachadas e comecei ter a idea de gravalo para facer algo relacionado coa idea de casa. Así foron xuntándose todos os elementos e decateime de que necesitaba dun mecanismo para o texto que me permitise unilos. Empreguei o mosaico que queda na fábrica de Massó. Levo véndoo dende que teño memoria e asocio ese espazo á casa, sen que por iso deixe de ser un ex-espazo da industria do mar. Miña familia por parte materna ven do Hío, parroquia de Cangas, e tivo sempre relación co mar e coa zona. Para min o título Para ver o mar ás veces é mellor pechar os ollos (que saco de contexto dun libro de Etel Adnan) ten q ver con reflexionar acerca da idea que eu teño de base do mar, con como viuse sempre condicionada por saber que unha parte da miña familia viviu del e con mirar atrás. O mar en Cangas non é unha paisaxe bonita e xa, é unha fonte de traballo moi fonda. Por iso ás veces temos que deixar de miralo para tentar tratalo mellor», afonda Breogán Xague.

'O que queda', de Alejandro Rodríguez © Alejandro Rodríguez

En O que queda, de Alejandro Rodríguez (1995), a través da superficie dunha pantalla, adentrámonos nunha galería dun teléfono móbil. Unha voz introdúcenos ao seu contido e desmémbrao, dando paso a un ensaio fílmico que cuestiona o valor das imaxes que xeramos diariamente, reflexionando sobre as relacións que se establecen entre memoria e arquivo.

«Teño constantemente a man unha cámara, no meu teléfono móbil, e creo que iso cambiou a forma na que concibo gardar recordos. Penso constantemente na miña relación coas imaxes, no que capturo, por que o fago, que significan… Non sei se a imaxe ten valor por si mesma ou si só significa a través de quen a fai, pois imprime nela, de forma invisible, os pensamentos e emocións vixentes nese preciso momento. É a través dunha foto antiga dos meus pais que se dispara toda esta reflexión, que pretende afondar sobre o arquivo persoal dixital e a nosa experiencia a través desas imaxes», apunta Alejandro Rodríguez sobre esta peza documental que presentou na última edición do festival Play-Doc de Tui.

'Sedimento', de Noa Costas Martín © Noa Costas Martín

«Unha concepción máis ampla de termos coma memoria, herdanza e legado faise necesaria para o entendemento dos diferentes procesos sociais que se dan na Galiza a día de hoxe; e tamén para a busca dunha identidade e definición da xente que participa neses procesos. Poñemos a vista no territorio e entendemos estes termos tamén dende unha perspectiva máis persoal e ligada á atmósfera íntima e privada». Noa Costas Martín presenta no Curtocircuíto a curta documental experimental Sedimento.

'Carlos foi vivir ó mar', de Fernando Areal © Fernando Areal

Carlos foi vivir ó mar é a curta de ficción que presenta Fernando Areal Alvite (Ponteareas, 1994), a quen tamén coñecemos como teclista do grupo Mundo Prestigio. Así avanza a sinopse deste historia: «Carlos é un home de mediana idade que debe superar unha ruptura sentimental e adaptarse ao seu novo fogar, incapaz de reiniciar a súa vida. Entre os desafíos que se lle presentan destaca unha tarefa imprescindible: a de atopar subministro de auga potable. Este será o reto principal que abordará o relato e que serve para representar a busca simbólica dunha nova oportunidade».

Hai moito que ver nesta edición do Curtocircuíto, por iso tamén vos deixamos por aquí a selección de filmes da sección Planeta GZ, que mestura obras da realidade máis emerxente e rompedora do cinema galego. «Aínda que domina o ensaio e o cinema documental, de novo atopamos nesta sección a riqueza e pluralidade que caracteriza o audiovisual galego: desde a ficción tradicional ao cinema-hipótese. Unha das bandeiras de Curtocircuíto», salientan desde o festival.

  • Amarillo atlántico, de Carla Andrade
  • Memory, de Nerea Barros
  • Videogramas #4, de Jaione Camborda
  • The Liquid Crystal Display System and the Subversive Pixels, de Álvaro Chior
  • Una ventanita, de Carlos Fernández López
  • Proxecto X, de Sol Mussa
  • Elefante, de Alberte Pagán
  • Rompente, de Eloy Domínguez Serén
  • Tatuado no ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo
  • Así vendrá la noche, de Ángel Santos Touza

Tamén che interesa

  • 'Rompente’. Outros camiños da xeración Z desde O Barbanza

    O cineasta Eloy Domínguez Serén adéntrase na ficción con 'Rompente'. A curtametraxe, que se estrea no Festival de Málaga, conta unha historia que se achega á realidade da xente nova na comarca do Barbanza e na Costa da Morte, onde moitas parellas repiten os roles dos seus pais e nais para saír adiante.

    Cinema
  • Estreamos 'Nosa señora', vídeo do álbum co que debuta Breogán Xague

    O pintor e escultor Breogán Xague (Vigo, 1999) sorpréndenos cun album de debut que non é sinxelo de etiquetar pola súa querencia pola experimentación máis brava. Pode ser que se fechásemos nun local de ensaio a Aphex Twin, a Dj Shadow, ao Hevi e, como non, a Emilio José saise unha proposta semellante a este XAGUE1, o primeiro disco dunha triloxía sobre a emigración no que “a voz que fala volve á súa terra sabendo que vai volver marchar”.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.