Os xogos casuais na redes viven un momento dourado, especialmente os relacionados coas palabras. Xogar co móbil en solitario, en grupo ou con alguén en remoto, vai formando parte das nosas rutinas e é tan divertido como compartir o resultado por whatsapp ou nas redes.
Boa parte do éxito de xogos como o mini crucigrama do New York Times, con millóns de seguidores e mesmo usuarios de pago, o Spelling Bee ou Wordle, o fenómeno que arrasa estes días, ten que ver con que só se pode xogar unha vez cada día, o que vai creando unha mestura entre adicción e rutina que nos dá a dose xusta de dopamina que precisamos para ter ese momento lúdico e despois seguir coa nosa vida sen perder moito tempo.
Wordle, o xogo de adiviñar palabras de 5 letras en ata 6 intentos, ademais popularizouse estes días porque permite compartir o resultado en Twitter usando emojis e sen desvelar a palabra que andamos abuscar. E tamén porque é unha aplicación sinxela gratuíta que non pide rexistro nin contén publicidade. Non ten máis pretensións que entreter a xente que gusta dos xogos con palabras, como quixo facer o seu creador, o programador Josh Wardle (vexan o xogo de palabras) como agasallo persoal para a súa parella.
Quen levamos o que vai de 2022 enganchados dándolle ao caletre para recordar palabras de cinco letras en inglés estamos encantado con saber que desde hai uns días temos tamén versión para palabras en galego. E a xente estalle collendo o vicio, tanto de xogar como de compartir. Só hai que seguir o cancelo #WordleGalego en Twitter para ver unha chea de xente que o fixo este luns pola mañá. O adaptador do xogo á nosa lingua foi Abraham Martínez García.
Mais o Wordle non é nin moito menos o primeiro xogo online en galego que utiliza as palabras como materia prima. O Portal das Palabras, unha iniciativa da Real Academia Galega e da Fundación Barrié que xa leva anos producindo contido diverso para divulgar a nosa lingua, contén sete xogos que ofrecen novas partidas de xeito periódico, no que podemos poñer a proba o noso coñecemento de léxico e ortografía. Con distintos niveis de dificultade, podemos tamén compartir o resultado nas redes e contar o tempo que tardamos en xogar cada tirada.

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega ten tamén publicado xogos en liña con moito predicamento entre docentes do país, como unha versión do Trivial en galego, Letrad@s.gz, O xogo da Curuxa (unha versión xo xogo da Oca) e Catapalabras. Na actualidade fai falta rexistro na web da AS-PG para acceder a estes xogos.
E, por suposto, desde este Nadal temos tamén funcionando Vinte Preguntas, o gran trivial da cultura popular galega, desenvolvido por VINTE co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Catro roldas de 5 preguntas, e ata 4 xogadores que poden participar ao mesmo tempo fan deste xogo unha boa alternativa para botar un anaco entretidos, tanto en solitario como en grupo. Os gamers do AmongUs en galego xa probaron a xogar xuntos no seu grupo de Discord.
Lembrade que VINTE PREGUNTAS está aínda en fase beta e recibe as correccións dos seus usuarios no correo vinte@praza.gal. En breve lanzaremos novos paquetes de preguntas, actualizando o contido, pois a cultura pop galega corre que se mata. E tamén novos xeitos de socializar o xogo, pois o exemplo do Wordle ben nos está a aprender que a sinxeleza, pouco compromiso, a graza para compartir e a dosificación das partidas son claves para triunfar no mundo do xogo casual na rede.