Isabel Garrido. Caneos e paixón enriba do escenario

«Querer contar, querer facer, ser vista». Isabel Garrido ten unha pulsión interior que a leva cara a adiante. Unha forza que a subiu aos escenarios desde moi pequena para facer teatro e que a levou a participar no seu primeiro proxecto audiovisual profesional con 21 anos. Agora, que acaba de estrear a obra Recortes, caneos e outras formas de driblar e mais a película La manzana de oro, fálanos da súa paixón.

 

«Eu de pequena quería ser ou peiteadora, ou actriz, ou reporteira do Caiga Quien Caiga. Despois dinme conta de que tocar o pelo mollado na bañeira dábame moito noxo, así que prescindimos de peiteadora. Cancelaron o Caiga Quien Caiga, así que só me quedaba o de actriz. Tamén é verdade que era un programa moi político, pero con moita teatralidade e creo que iso era o que me atraía de nena, aínda que tamén fun moi política xa de nena. É un pouco tópico, pero eu sempre quixen ser o centro de atención: a protagonista, a que falase, á que se lle escoitase máis... O último que tiña –e teño– é vergoña», asegura.

Isabel Garrido (A Coruña, 1998) naceu no barrio dos Castros, onde di que coñecen máis á súa nai que a ela. Fai teatro desde os nove anos, cando comezou en Casa Hamlet con Santiago Fernández, Manuel Lourenzo e Chus Álvarez. Estivo na compañía de teatro clásico amateur Noite Bohemia, coa que xa xirou fóra de Galicia, e estudou na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia. Pola interpretación sente «unha paixón máis alá do lóxico», pola que leva anos loitando.

Isabel Garrido na estrea de 'Recortes, caneos e outras formas de driblar' © Aigi Boga

Estaba no cuarto curso da ESAD cando debutou no audiovisual coa serie El desorden que dejas, unha produción de Vaca Films para Netflix creada por Carlos Montero. Fixera moitas probas antes e en todas dixéranlle que non. Pero fíxose co papel de Nerea, unha rapaza á que se sentía moi próxima emocionalmente pola cercanía en idade. «Supuxo un antes e un despois na miña carreira, ademais, é unha serie que me gustaría moito ver aínda que eu non estivese nela. A nivel profesional abriume portas, deume máis visibilidade para poder facer máis castings e optar a outros traballos», conta Isabel.

«Non ter feito nada en audiovisual e de pronto facer un principal para unha serie de Netflix e que as túas compañeiras sexan Inma Cuesta e Bárbara Lennie, pois é un soño»

Para ela unha experiencia «criminal»: «Non ter feito nada en audiovisual e de pronto facer un principal para unha serie de Netflix e que as túas compañeiras sexan Inma Cuesta e Bárbara Lennie, pois é un soño». Na derradeira secuencia que gravou de El desorden que dejas tiña que berrarlle a Inma Cuesta. A súa personaxe, de feito, pasa toda a serie enfadada coa de Cuesta. Unha casualidade con moito impacto para Isabel, que se reafirmou nisto de ser actriz despois de ver a Cuesta na película La novia, de Paula Ortiz.

Isto non é ningún segredo porque Isabel non tardou moito en contarllo a Inma Cuesta cando coincidiron na rodaxe da serie por terras de Celanova: «Non calo a boca e collín, a segunda vez que a vin, e díxenllo. Estabamos no bufé, facendo as dúas a ensalada, e díxenlle ′mira Inma, teño que contarche que eu son actriz por ti, por La novia...′. Estaba nerviosísima. Pasei a rodaxe tensa e nerviosa de principio a fin. Ela deume as grazas, díxome ′ai, que linda′ e tal, pero claro, a saber cantas veces lle dixeron isto xa...».

Nerea, a súa personaxe, sofre moito, non llo fan pasar ben e está a descubrir o feminismo cando unha das súas referentes (a personaxe que interpreta Bárbara Lennie) a traizoa. «Identifícome porque eu son moi sentida, son moi de chorar por todo. A Bárbara despois dunha escena sempre lle dicía ′non sei se quero casar contigo ou ser ti′», lembra. Conta que a experiencia con ambas actrices foi para non esquecer, pero o seu maior apoio nesa rodaxe foi Roque Ruiz –protagonista da obra Amantis–. «A parte de ser un actor marabilloso é unha persoa incrible. El tampouco fixera nunca audiovisual e íamos como irmáns a todas partes. Telo a el foi unha alegría. El era máis relaxado e eu moi tensa, así que comíamos un do outro», destaca.

Por este papel foi finalista nos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual como Mellor actriz de reparto. A pesar de que ela non andaba prensando en premios: «Foi sorprendente estar aí porque teño que recoñecer que eu nin me lembraba de que podía estar seleccionada nuns premios. Para min o premio é traballar e poder facer o que fago. O premio é o día a día». A súa rutina desde hai varias semanas é subirse ao escenario do Salón Teatro de Santiago coa obra Recortes, caneos e outras formas de driblar, dirixida por Tito Asorey a partir dunha investigación de Nacho Carretero, unha coprodución de Ainé co Centro Dramático Galego (CDG) que estará en Compostela ata o domingo 23, participa no FIOT de Carballo o luns 31 e seguirá a súa xira por Ourense (5 de novembro), Vigo (12 e 13 de novembro) e moitos teatros máis.

En escena con Xosé Touriñán en 'Recortes' © Aigi Boga

O de Recortes, caneos e outras formas de driblar estaba case predestinado para Isabel, pois buscaban actrices con coñecementos futbolísticos e ela é dianteira no Marte da Coruña, na categoría de fútbol sete. «Non son boísima, pero coincidiu que comecei xogar hai un ano e pico e pásoo moi ben. Este casting caeu do ceo para min. Ía nerviosísima, vomitando entre probas, e ao final resultou que as probas foron súper divertidas. Tito [Asorey] fíxonos sentir equipo desde o principio aos que estabamos no casting. Cando me colleron flipei bastante», confesa.

«Existen xa moitos textos de mulleres escritos por homes e creo que non é o momento para facer iso»

Esta obra ten moita esixencia física e vocal porque o ritmo é frenético desde que comeza ata que remata a obra. «Acabamos rebentados pero paga a pena», salienta Isabel. O tempo na butaca pasa voando pola a enerxía que transmite o elenco. Non hai personaxes, en realidade son os propios actores os que contan historias. «Como nos dixo Tito, bastante ficción hai no mundo real, eu no teatro o que quero ver é verdade», apunta. O espectáculo cuestiónase constantemente a si mesmo, pois son cinco actores –Xosé A. Touriñán, Sergio Zearreta, Manuel Cortés, Christian Escuredo e Xoán Fórneas– e unha soa actriz. Hai unha reivindicación do fútbol feminino desde o monólogo da xogadora, que Isabel puido axudar a escribir: «Existen xa moitos textos de mulleres escritos por homes e creo que non é o momento para facer iso. Considero que é necesario que nós escribamos as nosas propias reivindicacións».

Estrea de 'Recortes, caneos e outras formas de driblar' no Salón Teatro © Aigi Boga

«Tanto como actriz como como persoa tes que ter uns límites, saber con que te sentes cómoda e saber dicir que non. É algo que a min tamén me custa porque son muller e son nova, e iso social e politicamente ponme nun lugar onde historicamente tiven que compracer e dicir que si. Hai unha loita interna dunha mesma que é importante non só como actriz, porque ao final son unha persoa e estou medrando e creando a miña personalidade e o meu carácter. Son consciente de que me queda moito por aprender de min mesma e de que estou medrando cos traballos que estou facendo», debulla Isabel.

«Son consciente de que me queda moito por aprender de min mesma e de que estou medrando cos traballos que estou facendo»

Despois do seu paso por El desorden que dejas, Isabel Garrido tivo pequenos papeis en series como Élite ou Acacias 38, e vén de estrear no Festival de Cine de Ourense (OUFF) a película de Jaime Chávarri La manzana de oro. Un papel ao que chegou despois de chamar a atención do director coa súa interpretación de Nerea. «Ao final, voume ter que crer que merezo estar aí», di Isabel. Nesta comedia interpreta a Susana, unha influencer lesbiana que é peiteadora en Alcobendas, unha personaxe arquetípica coa que o pasou moi ben.

Isabel saltouse moitos aniversarios, quedadas e festas na adolescencia para ensaiar, repasar textos e actuar. «Estaba segura de que me ía dedicar a isto, para min era unha obsesión. Pero agora estou aquí, e estou de xira co CDG e con Ainé e digo: cheguei. Hai que loitar polas paixóns. E eu tiven moita sorte porque miña nai, desde que lle dixen que quería ser actriz, desde o principio me dixo que adiante e a traballar moito», celebra, como tamén agradece as conquistas das xeracións que veñen detrás dela e que pode ver ao pasar pola porta do que fora o seu instituto. «No meu instituto non había ningunha muller que non fose hetero e anos despois, aquí estamos. Pero agora paso paso por diante e vexo rapazas bicándose na entrada. Canto tempo pasou? Estamos dando pasos de xigante, e menos mal. É necesario que as novas xeracións, tamén no teatro galego, poidamos dicir que somos lesbianas», asegura.

 

[A fotografía da portada é de Carlos Villarejo]

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • Metro Cadrado. Microteatro cómplice co público

    ′Actriz, chora′, ′Xeografía dos corpos′, ′Menú-do-día′, ′Viaxar é un pracer′, ′Homeless′ e ′Cinecleta, cinema doméstico a pedais′ son os espectáculos de micro-escenas da sección Metro Cadrado do FIOT de Carballo. As artes escénicas aprópianse do despacho do alcalde, dunha zapatería ou do Mercado Municipal os vindeiros sábados para achegarse á cidadanía.

    Escena
  • Amantis. A vida dixital que non se apaga

    Como inflúe o mundo dixital na persoa que somos e na que queremos ser? Amantis, de Tamara Canosa e Xacio Baño, crea un espazo no teatro para tratar de responder a esta pregunta da que derivan moitas outras. Unha obra que se achega á xeración Z para mirar o mundo desde a súa pel. Estréase o 14 de maio, ás 20.30h, no Teatro Colón da Coruña. 

    Escena

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.