Amantis. A vida dixital que non se apaga

Como inflúe o mundo dixital na persoa que somos e na que queremos ser? Amantis, de Tamara Canosa e Xacio Baño, crea un espazo no teatro para tratar de responder a esta pregunta da que derivan moitas outras. Unha obra que se achega á xeración Z para mirar o mundo desde a súa pel. Estréase o 14 de maio, ás 20.30h, no Teatro Colón da Coruña. 

Amantis xorde das inquedanzas que agromaron en Tamara Canosa ao converterse en nai: «O meu neno ten dous anos e medio. A ver, si, fáltalle moito para ser adolescente pero é como que xa empezas a ser consciente do lugar que ocupa no mundo e el comeza a selo tamén. Decateime de que as nais e pais feministas que temos fillos temos que buscarnos a vida porque todos temos moi claro que hai que empoderar ás rapazas –incluso o capitalismo, pois disto hai todo tipo de merchandising e contos– pero para que os rapaces aprendan a ceder, esperar, non conquistar ou non ocupar todo o espazo non hai nada. E esta obra xorde da vontade de entender os rapaces da Xeración Z, de intentar poñernos na súa pel para comprendelos».

«Amantis non fala dun rapaz deconstruído. Todo o contrario.»

Tamara Canosa ve grandes diferenzas, en termos de igualdade, entre a súa xeración e a dos nados seguido dos millennials. Pero distingue sen dúbidas o motor do cambio: internet. «Estes rapaces están educados coa pornografía. A súa educación sexual e o seu imaxinario sexual, con todo o poder e a importancia que ten isto no desenvolvemento da personalidade e na adolescencia. Ademais, dunha pornografía mainstream, heteronormativa, cun sexo masculino dominante que obvia o pracer feminino, e con corpos determinados. Por aí, para min, hai un paso atrás en como os rapaces se relacionan entre eles; pero tamén para as rapazas, que tamén reciben todas estas mensaxes», debulla.

Roque Ruiz, actor protagonista de 'Amantis' © Rebordelos

Amantis é un espectáculo unipersoal no que o actor Roque Ruiz interpreta a M, un mozo que quere ser aceptado e amado e que, nese camiño, amosará as diferencias das xeracións de nativos dixitais coas anteriores a través do uso das redes sociais, os selfies ou o sexting. Despois do éxito de Liberto, a iniciativa cultural de Canosa e Baño, Rebordelos, busca con esta obra unha vía de aprendizaxe para as persoas da súa xeración e, á vez, un espello no que a mocidade poida mirarse e –así o agardan– recoñecer(se). «Con esta peza o que queriamos era aprender. Amantis non fala dun rapaz deconstruído. Todo o contrario. Quixemos representar un rapaz que recibe todo isto e o asume, para abrir os ollos e intentar entender os seus mecanismos», salienta a directora. 

«Sabemos que empregan as redes para excitarse e para excitar. Moi a favor. Non tratamos de darlles esa versión de que é súper perigoso. Falamos dos usos inadecuados, pero atendemos a súa linguaxe, e mandar un selfie como xogo erotizante está súper integrado na súa xeración e case case na miña. Hai un tratamento da propia imaxe nos nativos dixitais que está moi vinculado á presión dos filtros, de estar sempre perfecto, de como o algoritmo me favorece que explote a miña imaxe de determinada forma e non doutra... Todo iso inflúe nas decisións que toman, polo que inflúe tamén nas persoas que son e que van ser», engade.

«Sabemos que empregan as redes para excitarse e para excitar. Moi a favor. Non tratamos de darlles esa versión de que é súper perigoso. Falamos dos usos inadecuados, pero atendemos a súa linguaxe, e mandar un selfie como xogo erotizante está súper integrado na súa xeración e case case na miña.»

Esta obra tamén nace para chamar a atención sobre o tremendamente complexo que é ser adolescente hoxe. «Non hai un botón de desconexión. O que che estea pasando non se pode apagar e non está nas túas mans o control da túa vida e da túa intimidade», afirma Tamara Canosa, quen incide en que «se a adolescencia é algo, é vulnerabilidade» e lembra como no seu momento un dos seus maiores medos era que os seus irmáns lesen o seu diario. Dalgunha maneira, o que antes estaría naqueles diarios con cadeado, hoxe está nas redes sociais. 

Para crear Amantis houbo un proceso de escoita da rapazada, por iso «a proba de lume» da obra será cando ao alumnadodos institutos se sente no patio de butacas. Están xa en contacto con varios concellos para organizar estes pases, aínda que a peza terá o percorrido habitual por teatros para público xeral, pois está pensada para a xente que normalmente acode ao teatro (que non é a mocidade precisamente). 

O actor Roque Ruiz formou parte tamén do proceso de creación, pois Tamara Canosa e Xacio Baño escribiron a obra e prepararon a estrutura dramática despois de contactar con el para o papel. Unha vez tiñan a base, seguiron construíndo e enriquecendo o espectáculo a partir dos ensaios. «Non pensamos en Roque porque o personaxe se pareza el, todo o contrario. Este é un personaxe que está facendo un personaxe, é un rapaz que quere ser outra cousa. Por iso me interesaba que se afastase del», conta.

 

'Amantis' estréase o sábado 14 de maio no Teatro Colón da Coruña. As entradas xa están á venda na web do teatro

 

© Rebordelos
Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.