Metro Cadrado. Microteatro cómplice co público

Cartaz da obra 'Actriz, chora' © Cacharela Teatro

′Actriz, chora′, ′Xeografía dos corpos′, ′Menú-do-día′, ′Viaxar é un pracer′, ′Homeless′ e ′Cinecleta, cinema doméstico a pedais′ son os espectáculos de micro-escenas da sección Metro Cadrado do FIOT de Carballo. As artes escénicas aprópianse do despacho do alcalde, dunha zapatería ou do Mercado Municipal os vindeiros sábados para achegarse á cidadanía.

 

Metro Cadrado é o espazo para o micro dentro do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), que se celebra ata o 31 de outubro. «A finalidade última é que o teatro transcenda os espazos habituais e se integre na vida cotiá, que de repente unha persoa se atope cun espectáculo e entenda que o teatro ten sentido en calquera lugar e pode aportar algo á nosa vida en calquera momento», explica Carmen Castro, directora artística do certame.

No FIOT levan seis anos sacando adiante esta convocatoria para quen teña ideas para representar microteatro por diferentes localizacións de Carballo. Este ano presentáronse 36 propostas das cales seis foron seleccionadas por un xurado profesional. «Ofrecemos un formato pequeniño, asequible económica e artisticamente, porque a escenografía –por dicilo así– poñémola nós: en lugar de levar unha zapatería ao teatro, levamos o teatro á zapatería. Creamos esta proposta coa finalidade de chegar a artistas emerxentes que queiran darse a coñecer ou para xente con máis traxectoria que quere experimentar propostas distintas. Entendemos que o noso labor non é só programar e presentar espectáculos á cidadanía, no FIOT temos un compromiso coa creación; por iso facemos coproducións, encontros profesionais e apostamos por estes formatos do Metro Cadrado», argumenta Carmen Castro.

Irene Lorenzo e Alba Nogueira remataron os seus estudos na ESAD de Galicia en 2018 e comezaron traballar e axiña chegou a pandemia. Irene tivo tempo de participar en espectáculos infantís e contacontos e Alba tirou polas súas inquedanzas musicais co seu alter ego A Riso. «Saes da carreira e a realidade da profesión imponse», salienta Irene para explicar a peza que ambas idearon para o concurso do Metro Cadrado: Actriz, chora. Unha obra que as volveu conectar e que lles permitiu achegarse as trabas que atoparon en común neste tempo. «Quixemos falar dos problemas que se repiten, non só para nolas dúas, senón para outros compañeiros e compañeiras. Esta convocatoria permitíanos crear unha peza libre na que só tiñamos que adaptarnos a uns espazos, e ademais podiamos introducir as redes sociais. Queremos confrontar as artes en vivo coa urxencia das novas tecnoloxías, por iso faremos un pequeno streamingdurante a peza», conta Irene.

«Encantaríanos seguir desenvolvendo a peza e poder continuala, ou incluso ampliala despois de presentala no FIOT», afirma Irene, que lembra como a frustración inicial do parón pola pandemia tamén as levou a saber mellor o que querían facer. «Rematas a carreira cunha percepción do que che gustaría interpretar e dá igual que estiveras estudando en Madrid ou Barcelona, ou que quedaras en Galicia, ao final sempre te atopas con xeitos de que o teu traballo quede un pouco minusvalorado por temas económicos ou a rapidez que se precisa para facer un produto artístico. Compartir eses momentos deunos moito material para esta peza», engade.

Actriz, hora represéntase o sábado 29 ás 13.00 h, 13.30 h, 19.00 h e 19.30 h na sala de reunións Atener Solucións Técnicas (Rúa Camiño do Bosque, 6) de Carballo.

'Xeografía dos corpos', da compañía Ánxela Blanco © Compañía Ánxela Blanco

Xeografía dos corpos, é unha proposta de danza e circo que explora o vínculo singular que conforman dúas persoas, dous corpos. O vínculo como aquilo que une as dúas marxes dun río, o que conecta dous territorios, unha ponte inmaterial. «Esta peza dirixida por min, xunto con Simone Romanó, procura o estado de xogo entre as intérpretes que empregan os palitroques –un trebello de arquitectura deseñado por Víctor Echave– para conformar un mundo de posibles: o túnel, a montaña, as casas...sen perder ese fío íntimo que medra onde hai pracer e a lentitude suficiente para contemplalo, acolalo e nutrilo», explica Ánxela Blanco.

Ánxela Blanco leva 16 anos como profesional das artes escénicas e segue considerándoas un reto tamén fóra do creativo. «Na península non se dan as condicións mínimas para considerar as artes escénicas unha profesión digna en termos de cobertura social e económica –a diferenza de Francia ou Bélxica, onde contan cun réxime de artistas particular que garante os mínimos do estado de benestar–. Poderiamos dicir que levamos moitos anos sachando en pedra. Tal vez para compensar esta dureza o meu discurso e práctica artística, que nalgún momento podería estar enmarcado na danza social ou política, estase desprazando na procura do pracenteiro, do suave, do solar... sen deixar por elo de abordar opresións colectivas ou cuestións dunha certa fondura», razoa.

«Xeografía dos corpos ten que ver con resistir ao esfarelamento desta sociedade posmoderna e aparentemente preapocalíptica, ten que ver con seguir sachando sen mancarse», engade. Ánxela participa doutras iniciativas sectoriais ou comunitarias como a PAM (plataforma das artes do movemento), os encontros Paraíso da Illa de San Simón do colectivo rpm, en festivais como o Cartografía en movemento de Lugo, ou habitando A Casa Vella, un espazo familiar de residencias artísticas no rural de Amiadoso. «Sen dúbida, estes escenarios amorosos e de excelencia fan posible que o sector da danza galega siga vivo e, permétome dicir, sendo referente», asevera.

Xeografía dos corpos represéntase o sábado 22 ás 13.00 h, 13.30 h, 19.00 h e 19.30 h debaixo da ponte do Parque do Anllóns de Carballo

‘Menú-do día’, do Colectivo #ChamizoBelloVila © ChamizoBelloVila

Vai facer un ano da agresión homófoba que sufriu Alberte Bello en Vigo e que agora quere poñer sobre o escenario con Menú-do-día. «A día de hoxe para min, como persoa e como profesional, esta peza foi sanadora. Independentemente de que sexa dura, porque fala de todas as cousas que estamos vivindo desde o colectivo lgtbi desde hai tempo, percibo en min a sensación de que eu xa o saquei de dentro e quero amosar que isto pasa. Poñemos ao público nunha situación dura, pero a obra ten unha poética de resiliencia. Temos que cambiar o mundo», afirma. 

«Estou aquí para poder dicir e contar o que nos pasa e poñer enriba das táboas o meu traballo e, como son unha persoa á que non lle gusta a violencia, creo que a mellor violencia que temos os artistas é facer o noso traballo e expresarnos a través da cultura e das artes», destaca Alberte. 

Alberte Bello, David Vila e Diego Chamizo formaron o colectivo #CHAMIZOBELLOVILA despois de participar xuntos nun curso de Ana Esmith (Miss Beige) no que curiosamente se traballaba sobre a felicidade. Esta obra é o froito da participación no festival de teatro mínimo ambulante celebrado na Fundación Luis Seoane da Coruña, agora está en Carballo e o martes 18 participará no 67 graos escénica, dentro do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), no Teatro Principal. Decláranse agradecidísimos a todos os festivais que os apoiaron e celebran saír das marxes e poñerse no medio cunha obra que xa preparan ampliar para levar aos teatros o ano que vén.

Menú-do-día represéntase o sábado 15 ás 12.00 h, 13.00 h, 18.00 h e 19.00 h no Mercado municipal de Carballo

Fernando Pujalte e a súa Cinecleta © Fernando Pujalte

Cinecleta, cinema doméstico a pedais é o espectáculo co que Fernando Pujalte leva a cabo a recuperación fílmica de gravacións desde os anos corenta aos oitenta, cinema doméstico en Super 8 que emprega para facer memoria na súa filmoteca ambulante. «En 2016 incorporei a Lilicleta a todo isto e naceu a Cinecleta, e seguín na busca deste material en domicilios particulares, en rastros ou incluso no lixo. Despois, todo isto o presento nun formato teatralizado participativo, facendo como un taller sobre como se filmaba e a xente se podía ver por primeira vez na pantalla», conta. 

Este proxecto comezou en bares por toda Galicia. «Encántame saír das canles habituais, tamén o teño feito en domicilios de particulares que me avisan porque teñen cintas pero non lles funcionan os proxectores. Isto pódese facer en calquera espazo, nos museos ou ao aire libre. É un formato de cercanía, moi familiar, no que sempre se producen momentos moi interesantes», detalla Fernando. 

Cinecleta, cinema doméstico a pedais represéntase o sábado 15 ás 13.00 h, 13.30 h, 19.00 h e 19.30 h no estudio de fotografía Criss Becerra (Rúa Poñente, 28 baixo) de Carballo

Cartaz de 'Homeless', de Mónica Paradela © Mónica Paradela

Homeless créase especialmente para ser representada no escaparate dunha tenda deportiva, unha peza onde asistimos ao auxe e caída dunha deportista de élite. Un cristal entre a actriz e o público, que funciona como un espello, que visibiliza a realidade social das persoas sen fogar. É unha creación de Mónica Paradela, que tamén a protagoniza, co texto e a dirección de Antón Coucheiro.

«É un tema que sempre me removeu, xa non falo artisticamente senón na vida, desde pequena. Como podía ser que houbese persoas pola rúa que o resto da sociedade como que non vía? E, a pesares de non ver ou parecer que non, moitas veces a xente afástase con temor. Dende fai anos quería falar deste tema en escena, sentir que dalgunha maneira podía facer algo por cambiar esta realidade e o Metro Cadrado, coa particularidade dos espazos para a representación, aportoume ese lugar para poder falar disto», debulla Mónica Paradela. 

Homeless represéntase o sábado 22 ás 13.00 h, 13.30 h, 19.00 h e 19.30 h no escaparate da tenda Zocas (Rúa do Hórreo, 7) de Carballo

'Viaxar é un pracer', de Dani Blanco e Antón Coucheiro © Assircópatas

Viaxar é un pracer naceu na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), dentro do teatro lido que programa o certame. «A partir dunhas improvisacións Antón Coucheiro escribiu un texto sobre o turismo, pero como estes textos de micro teatro nunca se representan decidimos mandalo ao Metro Cadrado para poder facelo», sinala Dani Blanco, intérprete da obra xunto a Antón Coucheiro, ambos da compañía Assircópatas.

É unha peza de teatro do absurdo, na liña de Beckett e Ionesco, que aborda de maneira satírica a presión turística actual. «Parece que cando tes vacacións tes que ir a algún lado ou, pola contra, non estás a desfrutar delas. Ao final, isto é unha crítica a como se acaba masificando todo, como pasa en Compostela ou aquí en Cangas, co alugueiro e esas derivadas. Entón, sucede nunha realidade utópica na que a Consellería di que é obrigatorio viaxar a casa doutra persoa, que tamén ten que viaxar e deixar a súa casa baleira para que veñan os visitantes, un pouco como sucede aquí no Morrazo no verán», relata Dani Blanco, cunha ampla traxectoria escénica desde a improvisación teatral e o circo e que tamén forma parte do colectivo de narración oral galega Noga.

Viaxar é un pracer represéntase o sábado 29 ás 13.00 h, 13.30 h, 19.00 h e 19.30 h no despacho do alcalde de Carballo (Praza do Concello, s/n)

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • 'As que limpan'. As Kellys soben ao escenario

    «Por favor, arranxe o cuarto». Un cartel pendurado no manubro da habitación dun hotel. Unha muller invisible que fai o traballo. As que limpan é a nova obra de Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, as creadoras detrás da compañía A Panadaría, que coproducen esta peza da man do Centro Dramático Nacional. «Parece que estas mulleres forman parte da paisaxe e poñelas enriba do escenario era necesario», din.

    Escena

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.