'As que limpan'. As Kellys soben ao escenario

«Por favor, arranxe o cuarto». Un cartel pendurado no manubro da habitación dun hotel. Unha muller invisible que fai o traballo. As que limpan é a nova obra de Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, as creadoras detrás da compañía A Panadaría, que coproducen esta peza da man do Centro Dramático Nacional. «Parece que estas mulleres forman parte da paisaxe e poñelas enriba do escenario era necesario», din.


Co regusto da boa acollida de Elisa e Marcela, as responsables de A Panadaría estrearon en Tui a nova montaxe, As que limpan. Un reto que afrontan desde o feminismo, o compromiso social e a denuncia da fenda de xénero. Xa de xira, estarán os días 24 e 25 de marzo no Teatro Principal de Compostela e o 27 no Auditorio Lois Tobío de Gondomar. Estrearán a obra en castelán en Valencia a comezos de abril, e chegarán o día 20 ao Teatro María Guerrero de Madrid, onde teñen programadas máis de vinte funcións para as que case non quedan entradas. En maio volverán a Galicia e xa teñen datas en Monforte, A Coruña, Lugo e Mos.

«É necesario falar deste tema, estas mulleres son invisibles. Unha das queixas repetidas delas é que están limpando e a xente que pasa polo corredor do hotel nin as saúda. Parece que forman parte da paisaxe, que non existen, e poñelas enriba do escenario era necesario. Para nós son unha inspiración. Conseguiron organizarse e facerse visibles cando tiñan todo en contra», conta Areta Bolado

Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman representando 'As que limpan' © Pilar Abades

No caso das camareiras de piso, segundo os datos que recolleron na preparación da obra, o 98% son mulleres. «Fan un traballo imprescindible para a vida, pero non é valorado igual que outros. Coincide que son os traballos feminizados os que teñen esta problemática. Nós preguntámonos se ese traballo está tan mal valorado porque somos mulleres, ou porque somos mulleres facemos este traballo mal valorado», salienta Areta. 

O Centro Dramático Nacional (CDN) convidounas a facer unha coprodución coa mesma liberdade coa que acostuman crear as súas obras. Coincidiu co confinamento pola pandemia, polo que iniciaron o proceso a distancia. «En conversas entre as tres xurdiu este tema, para nós era importante falar das mulleres e da fenda de xénero que hai nos traballos de limpeza e coidados. Parecíanos que a loita das camareiras de piso dos hoteis era moi interesante para contar unha historia concreta, pero que á vez falase de moitas outras mulleres», lembra Areta. 

«Nós preguntámonos se ese traballo está tan mal valorado porque somos mulleres, ou porque somos mulleres facemos este traballo mal valorado»

«Apostamos por facer un teatro popular, ao que pode acceder un público moi amplo, precisamente porque queremos que estas reivindicacións cheguen a todo o mundo. Sorprendeunos a chamada do CDN, é un respaldo e un recoñecemento ao noso traballo moi importante. Para nós era importante estrear aquí en Galicia, e en galego por suposto, e facer un pouco de xira por aquí antes de marchar a Madrid. Non puxeron problemas, de feito en Madrid imos facer as dúas últimas funcións tamén en galego, sobretituladas. Así que moi ben», celebran.

Unha escena de 'As que limpan', unha coprodución entre A Panadaría e o Centro Dramático Nacional © Leticia T. Blanco

Un primeiro paso no proceso de documentación para esta obra foi un repaso pola novas publicadas na prensa sobre a loita das Kellys e das camareiras de piso. «Tamén accedemos a varios estudos, ben feitos por sindicatos ou por investigadoras, nos que vimos estatísticas de todo tipo sobre o ámbito dos traballos vinculados coa limpeza e os coidados. Despois, fixemos unha serie de entrevistas con traballadoras galegas e do resto do Estado, así como coas asociacións de camareiras de piso que se crearon nos últimos anos», detalla Areta Bolado.

Coñeceron anécdotas con certas doses de humor, pero que non deixaban de ser moi duras de enfrontar en primeira persoa.«Nas entrevistas vimos que hai unha precariedade laboral brutal, tanta que en moitos casos é explotación. O 70% das camareiras de piso teñen enfermidades e están medicadas tanto para a ansiedade como para outras doenzas, moitas das cales xa conseguiron que se lles recoñezan como enfermidades laborais, pero outras non. Todo iso repetíase unha e outra vez: o traballo a contrarreloxo, os corredores infinitos dos hoteis... Estamos falando de xente que igual ten que facer 50 camas ao día. Son traballos con moitos momentos repetitivos, moitas cargas de peso e moita presión tamén», explica.

«O 70% das camareiras de piso teñen enfermidades e están medicadas tanto para a ansiedade como para outras doenzas, moitas das cales xa conseguiron que se lles recoñezan como enfermidades laborais, pero outras non.»

Por iso, as personaxes que encarnan levan o nome de mulleres coas que estiveron en contacto durante a creación da obra. Como Isabel, que foi unha das súas informantes no Grove. Moitas destas colaboradoras xa puideron ver a obra, mais tamén están a coñecer agora a outras mulleres que agardan por elas ao remate da función para compartir as súas impresións. «Para nós é unha alegría tremenda que nos digan que o espectáculo recolle todas as súas demandas e os seus problemas. E ademais que o fagamos así, con humor e con crítica. De momento non tivemos queixa», destaca Areta.

'As que limpan' estará un mes en Madrid e regresará á xira galega © Leticia T. Blanco

Introducir o humor na obra era un reto: «Moitas das situacións que contan elas son tan duras que non sabiamos ben como atoparlle o humor, pero elas axudáronnos moito. Rin moito das situacións polas que pasan e para nós tamén era importante meter certas doses de humor para darlle unha volta ás cousas. É certo que no espectáculo tamén hai momentos máis emocionantes nos que se ve a dureza que supón estar hipermedicada, ter esa carga de traballo e chegar a casa –comomoitas outras mulleres con outras profesións– e aínda ter unha segunda xornada».

O seu proceso creativo é particular, despois de empaparse da realidade que queren contar, Areta, Noelia e Ailén van directas á sala de ensaio: «Non escribimos o texto previamente. Chegamos ao ensaio, comezamos traballar na estrutura da peza e, a partir de aí, facemos improvisacións todas xuntas. Imos recollendo o texto e refacendo, engadindo novas propostas e material... Dámoslle moitas voltas». Elas encárganse da creación do espectáculo, da dirección e da interpretación. E no caso de Ailén Kendelman, tamén da música. 

Para representar As que limpan houbo ano e medio de traballo, que culminaron a tempo de chegar aos teatros co alivio das restricións pola COVID. «Nótase moito, sobre todo na comedia, cando o teatro está cheo. Tivemos moita sorte neste comezo da xira porque tivemos case todos os teatros cheos e así a xente contáxiase e participa máis. Nós tamén gozamos máis cando hai moita xente. Aínda que vaiamos soas ao teatro, sempre é unha experiencia compartida», celebra Areta Bolado. 

 

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • N.E.V.E.R.M.O.R.E. A catástrofe e os seus ruídos

    A nova proposta escénica de Chévere titúlase N.E.V.E.R.M.O.R.E. e preséntase como unha viaxe emocional á catástrofe do Prestige. Logo da súa estrea en Madrid, esta fin de semana inician en Compostela a súa xira por teatros galegos. Berta Dávila xa a puido ver e cóntanos por qué non a podemos perder. 

    Escena

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.