Márgenes. Hai dous filmes galegos de estrea que podes ver online e de balde

Fotograma de '7 limbos'. © Xas Films

Acaba de arrancar a IX edición de Márgenes, un festival dedicado ás novas narrativas audiovisuais procedentes de América Latina, España e Portugal e que ten a súa principal sede en Madrid pero tamén na rede, onde se poden ver os filmes de balde durante un tempo limitado. Sempre poñendo atención no máis novo do cinema galego, este ano compiten na sección oficial dous filmes que non debemos perder e que ademais podemos ver na casa e de balde: 7 limbos, de Berio Molina e Alexandre Cancelo, e De barrio, de Xurxo Chirro. 

Sete grupos de enmascarados percorren diferentes paisaxes. Nas súas cortizas llevan fósiles debuxados, a presenza dunha identidade descoñecida. Cos seus movementos golpean o chan das cidades, fican quietos esperando o ruído da ruína e capturan o vento coas súas vestimentas. 7 Limbos é unha viaxe sonora polas veaduras do espectral.

Así se presenta 7 limbos, do que xa dixemos en VINTE que é un dos filmes máis abraiantes que poderedes ver este ano. E mesmo, no noso criterio, un dos filmes máis importantes desta década que logo remata, pois é a culminación de anos de traballo e experimentación por parte dunha xeración de artistas que se moveron sempre nas marxes do institucional, procedentes de colectivos como Alg-a ou Escoitar.org

Ademais a idea dos mazos batendo no chan e nos sumidoiros procurando o eco das tripas da cidade recódanos a furia que se albisca para a década que vén, coas cidades como espazo performativo se non da revolución, si da expresión da frustración colectiva. O ideal sería vela (e sobre todo escoitala) en pantalla grande pero estando na rede temos outra vantaxa, que é a de revisitala e fixarnos en todos os detalles e accións que compoñen esta experiencia audiovisual inclasificable. Está dispoñible, de balde e previo rexistro na plataforma, neste enlace ata o 8 de decembro

De barrio é a última longametraxe de Xurxo Chirro. Como xa fixera en Vikingland, o cineasta da Guarda volve botar man de arquivos domésticos para construír un filme sobre o barrio da Cruzada, ondo se criou. “No medio dun clima de festas, unha anciá enmudecida, Benedicta, convídanos a coñecer o pasado de ese espazo que xa está a anos luz de distancia, en recordos brumosos que enchen a pantalla de nostalxia por formas de vida que quedaron fóra de campo, sendo arrasadas polo suposto progreso”, reza a sinopse.  

E segundo contan na web de Proxecto Socheo, de onde parte o proxecto en colaboración con O Faiado da Memoria, “despois de moitas tentativas Xurxo Chirro foi quen de materializar un proxecto que tiña en mente desde o inicio da súa traxectoria cinematográfica. A idea era facer un filme sobre o barrio da Cruzada, un enorme fresco sobre o lugar onde naceu e se criou. Mais sempre cando se aproximaba a este territorio sentimental as cousas mudaban. Foi acumulando material sen atinar coa súa vertebración. Finalmente o fío condutor foi unha veciña maior, Benedicta Rodríguez Sobrino, que coas súas lembranzas convértese nunha metáfora do propio barrio onde xa só quedan lembranzas do que foi”.

O filme, producido por Beli Martínez, vén de presentarse no FIC de Xixón e no Festival de Cine de Mar de Plata, en Arxentina. Estará dispoñible neste enlace da web de Márgenes desde o 24 de novembro ata o 8 de decembro

 

‘Longa noite’ e ‘Arima’ proxéctanse esta fin de semana na Cineteca de Madrid

Outra das seccións de Márgenes, neste caso de carácter presencial, é Escáner, onde se poden ver os mellores filmes que xa pasaron por outros festivais e que aínda non chegaron ás salas. E nela atopamos dous filmes galegos e en lingua galega. É o caso de Longa noite, de Eloy Enciso, que estivo nos festivais de Locarno, Mar de Plata e Sevilla, e que se proxecta este serán na Cineteca de Madrid. Mañá presentarase en Santiago de Compostela, dentro de Cineuropa, e nos dous casos estará arroupado por boa parte do seu equipo artístico. O filme chega ás salas comerciais o 5 de decembro da man de NUMAX Distribución

Pola súa parte Arima, a ópera prima de Jaione Camborda, vén de recibir o premio á mellor dirección na sección Nuevas Olas do Festival de Sevilla e xa se puido ver en Cineuropa. Proxéctase este sábado na Cineteca dentro do festival Márgenes e agardamos a súa estrea para o ano que vén. 

Tamén che interesa

  • Outras películas de Oliver Laxe que podemos ver na rede

    A chegada da triunfante ‘O que arde’ ás salas comerciais suscita o interese de moito público por ver, tal vez por primeira vez, o resto da súa filmografía. A boa nova é que a maioría deslas están dispoñibles online. Se ben o mellor espazo para velas é unha sala escura, non hai moita excusa para non coñecer a fondo o traballo do noso cineasta máis prestixioso. 

    Cinema

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.