Esta xente de lonxe decidiu aprender galego usando TikTok e Twitter

Co patrocinio de

© TikTok

Non son de aquí nin viñeron vivir a Galicia, mais decidiron aprender galego coas ferramentas que tiñan á man en internet. Karina, Jokin, Rena, Diego e Mónica utilizan redes como Twitter para mellorar as súas habilidades no noso idioma e poñelo en práctica con falantes nativos. Mesmo hai usuarias como Leandra, desde Portugal, que agora se dedica a aprenderllo a outra xente en plataformas como TikTok.

Levan moito tempo existindo na rede ferramentas para aprender galego, pero nos últimos meses obsérvase unha nova tendencia: a do crecente número de persoas que están usando as redes para compartir a súa experiencia estudando o noso idioma. Unha das máis coñecidas en Twitter é a costarriqueña Karina Espinoza. O ano pasado atopou a lingua de casualidade cando, na corentena, un amigo lle falou de Galicia e da lingua, ata agora descoñecida para ela, e comezou a aprendela o pasado mes de febreiro. Ao principio non lle foi doado pois non atopaba recursos lingüísticos suficientes a través de aplicacións de aprender idiomas. Foi entón cando decidiu tomar a iniciativa e comezar a consumir contido audiovisual en galego.

Karina foi compartindo o seu proceso por Twitter e foi moi ben recibida pola comunidade galegofalante, que mostrou ilusión por atopar a alguén tan lonxano que estivese aprendendo activamente. Neste vídeo de Somos Cultura explica a súa "historia de amor" co galego. 

 

Tamén Jokin Pedreño, falante habitual de euskera, trasladou a súa aprendizaxe de galego ás redes ao non ter contacto con ningunha persoa que o falase no País Vasco, onde vive. «As redes son o único contacto que teño coa lingua», afirma. Un autoproclamado ‘friqui dos idiomas’, decidiu comezar co galego porque, aínda que a súa familia materna provén da área de Vigo, con ningún dos seus membros pode practicar. Jokin aprende gramática cos recursos do Portal da Lingua Galega, mais onde verdadeiramente practica é nas redes, polo que decidiu facer vídeos en TikTok para mellorar a fala, e a chiar en Twitter para poñer a proba a escrita. Vai mostrando as cousas que aprende, curiosidades que xorden da comparación entre o galego e o euskera, e incluso explica cales son os elementos que maís se lle atrancan, como a colocación dos pronomes ou as conxugacións.

As reaccións ante o seu contido foron diversas. Gran parte dos usuarios recibírono con alegría e animárono a seguir, tamén lle deixaron comentarios negativos: «especialmente en TikTok moita xente cuestionoume por falar con gheada e seseo, tiven que dar moitas explicacións». Comentarios aos que contesta de forma decidida, desmontando mitos e prexuízos sen perder o ton de humor.

@jokinp.gz

Responder a @peluca_de_colores

♬ som original - O Jokin

Outra xente axúdalle con dúbidas lingüísticas. Jokin fai duetos en TikTok con usuarios destacados da plataforma como Esther Estévez, do  espazo ‘DígochoEu’ da TVG, Olaxonmario ou Nee Barros. A súa actividade permitiulle coñecer moitos outros galegofalantes e a finais de agosto ten previsto vir a Galicia a poder, por fin, practicar a nosa lingua. 

 

A sevillana Rena tamén lle atopou utilidade a Twitter no seu proceso de estudo do galego. Levaba toda a vida querendo aprendelo pero non foi ata que coñeceu a súa moza galega que comezou a estudalo de forma autodidacta. Cre que hoxe en día as redes sociais son a mellor forma de aprender un idioma. «Hai moita xente para compartir as cousas novas que vas coñecendo. Teño seguidores que saben que estou aprendendo, encántalles ler o que poño e contéstanme en galego. Uso moitísimo Twitter para escribir na lingua e conversar con falantes». Tamén utiliza as redes para consultar as súas dúbidas, tanto con usuarios normais como con organismos como a RAG.

Rena, que sempre estivo interesada no galego, conta que aínda está comezando e que lle custan especialmente a pronuncia e a sintaxe. De momento continúa a practicalo por redes, na casa coa súa moza, e lendo e compartindo a súa experiencia por Twitter.

 

Diego Barbancho, de Alcalá de Henares e estudante do grao en Linguas Modernas en Madrid, tivo o seu primeiro contacto co estudo da nosa lingua a raíz de amigas galegas que fixo na universidade. Decidiu tomar máis en serio este estudo no seu Erasmus en Francia grazas, de novo, ao feito de facer novas amigas procedentes de Galicia. «Comenteille a unha amiga se me podía ensinar e empecei a falar con ela todos os días en galego», explica. Agora continúa a súa aprendizaxe en redes, especialmente en Twitter, onde mantén conversas para continuar practicando. «Parecíame coherente manter o uso do galego tamén nas redes sociais porque é un espazo adecuado para permitir a súa dífusión. Quero reforzar a presenza da lingua na rede a través das miñas conversas ou compartir publicacións», comenta. Tamén comparte os seus obxectivos e as metas que vai alcanzando.

Diego cre que as redes sociais son moi útiles para aprender linguas, polo carácter motivador que supón poder interactuar con outros falantes, e pensa que Twitter é o espazo onde máis doado é atopar galegofalantes novos. Ademais el non é o único do seu círculo social que está interesado na nosa lingua. A súa amiga Mónica, de Fuenlabrada, comezou a chiar en galego inspirada pola actividade na rede de Vera, de Moaña e compañeira de universidade dos dous.

 

A brasileira-portuguesa Leandra, residente en Braga, coñeceu o galego e quedou namorada do idioma e de Galicia. Ademais de aprendelo ela mesma quería expandilo e utilizou as redes sociais para iso. Desde xaneiro deste ano emprega a súa conta de TikTok para divulgar a lingua e a cultura galega entre os seus seguidores, maiormente brasileiros, moitos dos cales non sabían da súa existencia.

Leandra contesta os comentarios dos usuarios curiosos que lle preguntan pola lingua: moitos deles están gratamente sorprendidos de canto se parece á súa maneira de falar, e anímaos a estudala. A maioría deles móstranse interesados polos seus vídeos e por continuar aprendendo galego.

 

Iria Curros

Iria Curros

Estudante de Xornalismo na USC. Sempre buscando algunha historia que contar. Agora aprendendo en VINTE.

Tamén che interesa

  • Twitch. O big bang dos ‘streamers’ en galego

    Estamos xusto no momento no que o universo de canles que fan streaming en galego se empeza a expandir. Falamos con Agos Reigosa, a persoa detrás de Twitch en galego, sobre o presente e o futuro da creación de contido nesta plataforma e os esforzos para que Twitch recoñeza o galego como idioma oficial. Tamén coñecemos as opinións da CRTVG, que o próximo mes lanzará a súa propia canle, e dos streamers Xeración Vós, Iria Ribadomar, Eu Son Marta e Reisvas. 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

  • TikTok en galego: unha cuestión de identidade, acento e palabras malsoantes

    Estivemos explorando o uso do galego en TikTok, e por extensión as distintas expresións da nosa identidade nesta rede. Nunha primeira ollada comprobamos como o discurso dos seus usuarios e usuarias galegas por agora non é quen de superar os tópicos e o neofolclore que se impón a nivel estatal. De feito, a maior parte deles comunican para a esfera en castelán, non hai aínda unha comunidade de contido en galego coma noutras redes sociais. 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.