Enxurrada de videoclips, parte 2

Se nos primeiros tres meses do ano se estrearon unha morea de videoclips galegos ben bos, de marzo para acó a cousa non foi a menos, así que aquí está a parte 2 desta enxurrada de videoclips que está a ser o 2019. A este paso está claro que teremos que facer polo menos outra entrega antes de que acabe o ano.

Foi en marzo cando publicamos a nosa escolma Enxurrada de videoclips, parte 1. Arriscamos un pouco poñendo parte 1  porque parecía que ía haber máis dunha entrega, e abofé que acertamos. Desde aquela os grupos galegos publicaron outro feixe de bos vídeos e deunos para facer outra selección. Desta volta escollemos dez e volvemos presentalos en orde alfabética. Disfrutádeos. 

 

Berta Franklin. "Doce aquí"

Esta marabilla visual fíxoa o propio guitarrista da banda, Jesús Iglesias. Unha viaxe onírica e hipnótica que acompaña este tema dos de Lugo. Berta Franklin, unha banda en constante crecemento da que se espera novo disco (xa están tocando temas novos) e que semella vai ter moito recorrido.

 

Blanco Palamera. "Aire"

Blanco Palamera xa son coma da casa despois do vídeo que lle gravamos hai pouco. Volvemos traelos aquí por este "Aire", que dirixen a medias con 999K, un vídeo que segue a liña artística do seu disco debut Promesas e tamén dos anteriores videoclips. Unha chulada.

 

Boyanka Kostova. "Diego Tristán"

Hector Ramos Balboa dirixe este vídeo de homenaxe ao George Best de La Algaba. Camisetas Rox, Perdomo, bufandas da época e vestiarios 90s conforman o imaxinario deportivista de Boyanka Kostova. Un vídeo aparentemente sinxelo pero moi efectivo para darlle imaxe a este trallazo da banda compostelá. Nunca Diego Tristán pensou que o seu nome daría para tanto retrouso.

 

Chicharrón. "Non creo nada do que venden"

A factoría Prenom volve facer outra vez un videoclip fantástico. Dirixe Mar Catarina e dunha praia e dous personaxes saca toda a emoción que envolve este "Non creo nada do que venden", un dos mellores temas do Cancións clínicas de Chicharrón.

 

Esposa. "Nube branca"

"Nube branca" é o tema que serve de adianto do novo EP de Esposa. Esta feito a medias por Pepa Prieto Puy e Gael Carballo. A compostelá Pepa Prieto é un dos novos talentos do cómic e a ilustración galega e Gael Carballo é un realizador de Ourense que xa ten experiencia en traballar en videoclips. Xuntos compoñen esta peza de animación tan bonita.

 

Eufemiano y Lalo. "Helsinki 79"

Este videoclip forma parte da curtametraxe Helsinki 79, da que xa falamos amplamente aquí. Esta historia dirixida polo realizador vigués Pablo Fontenla agachaba este temazo composto tamén por el. No vídeo temos ao propio Fontenla de actor, xunto con Moncho Bazarra, e varios secundarios de luxo. E todo nun clip visualmente moi coidado que non deberías ver porque senón xa vas estar cantaruxando a canción todo o día.

 

Familia Caamagno. "Castromil"

O regreso dos de Sigüeiro contén esta perla de powerpop coa que fixeron este videoclip, dirixido por outro dos realizadores galegos de máis sona, Xaime Miranda. Aquí propón unha historia de terror e amor adolescente ao máis puro estilo Stranger Things, e coa que descubrimos a Eleven galega, a actriz Ada Alonso.

 

Ortiga. "O solar"

O de Ortiga está sendo un éxito incrible aló por onde vai. O novo proxecto de Manuel González, O Chicho do Funk, fai bailar a todo o mundo e aquí apoiase nun vídeo feito polo artista xerezano Santiago Gonzalo, alias Bronquio, coa axuda de Teresa Rodríguez e Alejandro Sánchez. Canción do verán?

 

Os Putos. "Absenta"

A banda das Rías Baixas presentou este videoclip da canción "Absenta", incluída no seu primeiro traballo Putos, Putos, Putos. O vídeo foi dirixido por Fernando Cameselle e é toda unha superprodución do punk galego, cunha chea de actores e ata tres localizacións diferentes.

 

Terbutalina. "Muiñeira da costa"

O tema novo de Terbutalina ademais de ser moi chulo é moi meritorio: indaga novos camiños para a banda e fainos saír da zona de confort a eles e aos seus fans. O videoclip de Prenom é outra peza incrible dirixida por outro dos mellores realizadores galegos de videoclips, Rubén Domínguez. Bravo!

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.