Enxurrada de videoclips, parte 1

Só levamos tres meses deste 2019 e a cantidade e calidade dos videoclips galegos que se estrearon é algo extraordinario. En VINTE escollemos os que máis nos gustaron polo de agora, sabendo que veñen outros tantos en camiño e que a colleita a final de ano vai ser excelente.

Este ano sacan (ou sacaron) novo disco algúns dos mellores grupos galegos. Parece que se puxeron de acordo e a medida que se achega a temporada de festivais estamos asistindo a un feixe de estreas. Canda elas moitas bandas traen videoclip novo, para alegría dos fans. No primeiro trimestre deste ano xa van unhas poucas e temos vídeos de todos os estilos e de moita calidade. Escollemos os 8 que máis nos gustaron polo de agora (en exhaustiva orde alfabética, nada de listas esta vez).

 

Aries. “Un gran puente”

Isabel Fernandez Reviriego, Aries, é unha das xoias pop que temos por aquí. Dicimos temos porque coa chea de anos que leva afincada en Vigo xa é unha galega máis. O 26 de abril presenta novo disco, “Juramento Mantarraya”, e acaba de sacar como adianto este videoclip. Nel os artistas visuais cataláns Laura Subirats e Arnau Coll utilizaron máis de 500 vídeos que ordenaron cromaticamente. Unha celebración das cousas do día a día que poden, se deixamos que o fagan, facernos máis felices.

Baiuca. “Olvídame” (feat. Aliboria)

O fenómeno no que se está a converter Baiuca susténtase aquí nas imaxes de Adrián Canoura. O talento de Canoura era algo sabido e aquí factura outro prodixio que xa vai camiño das 11 mil reproducións. Creatividade visual ao servizo de Baiuca para mesturar o tradicional con todo o que se poña por diante. 

Berta Franklin. 'Somos incendio'

Este vídeo non é da factoría Canadá, aínda que o pareza. É de Prenom, e de Rubén Domínguez outro realizador de altura. Lume e incendios para Berta Franklin no que é o debut discográfico dos de Lugo. Corpos sen cabeza ou cabezas sen corpos?

Blanco Palamera. 'Sola con mi voz'

Blanco Palamera son Manuel Blanco e Xoán Domínguez, un dúo de composteláns afincados en Madrid. Apuntan a ser este ano unha das revelacións da escena underground estatal co seu recente debut “Promesas”. Adrián Canoura fíxolles este videoclip tan chulo. Trip-pop relaxante para poñer en bucle e que non acabe.

Dios Ke Te Crew. 'Melancolía'

De Xaime Miranda poderíamos poñer varios clips porque é un especialista do xénero. Se escollemos este é tamén pola importancia da banda. Dios Ke Te Crew están de volta, o colectivo de Ordes regresa 8 anos despois do seu último LP “Humanose”. Melancolía é o segundo adianto de “O ciclo da serpe”, que presentarán o día 11 de maio na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Bases ao máis puro estilo DJ Shadow, letras contundentes e unha minipelícula de 3 minutos e medio para contarnos o desastre que ven.

Oh! Ayatollah. 'Hoxe'

Xaime Miranda outra vez. Despois dos excelentes resultados noutros videoclips de Oh! Ayatollah (o de Mi Re La foi glorioso) e de chegar case ás 10000 reproducións en Youtube con Nunca máis e Volve a canción protesta, Xaime ofrece esta vez un vídeo aparentemente máis sinxelo. Dicimos aparentemente porque xa sabemos como son de difíciles os planos secuencia. Aquí temos unha festa arty-universitaria nun piso, alcol barato (ou leite), xente sen mochila emocional e mañás ao día seguinte sen resaca. Todos desexando ter 22 anos outra vez. Eles si que os teñen, e Xaime Miranda cáptao perfectamente.

Os Amigos dos Músicos. 'As crónicas' 

Os Amigos dos Músicos están a piques de regresar con novo disco e como adianto temos este videoclip. Outra Galicia é posible e outra paisaxe é posible, e tamén outro estado mental. Sábeno ben en Prenom, e sábeo neste caso Ruben Domínguez, que entrega un vídeo marabilloso e luminoso en consonancia coa canción da banda ourensá. 

Thee Blind Crows. 'Loco Chamanes'

Gero Costas e Romina Doce, coa súas Producciones Mutantes, teñen xa moita experiencia en videoclips. Terbutalina, Bala (con “Omertá” gañaron o premio do xurado en Cans) e Thee Blind Crows son algúns dos seus clientes. Desta volta repiten con Thee Blind Crows e métennos de cheo nunha festa chamánica. Velocidade, ritos, posesións e rock and roll. O espírito dos Blind Crows (agora co baixo do ex-Terbutalina Samuel París) resumido en en pouco máis de 2 minutos.

Máis videoclips

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.