Helsinki 79. A curta que conecta Benidorm, Finlandia e un dúo musical español

O realizador vigués Pablo Fontenla dirixe este falso documental que conta a historia esquecida detrás dun one hit wonder de finais dos anos 70 en Finlandia. Co propio Fontenla como actor, e rodada en finés, a curta chega acompañada do videoclip do mesmo nome.

"Boas tardes Galicia!". Deste xeito empezaba a presentación da curtametraxe Helsinki 79 o pasado xoves 16 de maio nos Multicines Compostela de Santiago. E con ese inicio xa se podía intuír por onde ían ir as tornas: toda a peza está impregnada do particular sentido do humor do seu director Pablo Fontenla.

Fontenla, realizador e cámara moi coñecido no audiovisual galego, meteu en Helsinki 79 moito do seu imaxinario. Os Monty Python, o cine clásico, os Irmáns Marx, e todo o que teña que ver co kitsch aparece dunha ou doutra maneira na película. E todo ese humor está sempre envolto polo documental, ou neste caso, polo falso documental.

A historia está protagonizada por Eufemiano e Lalo (Pablo Fontenla e Moncho Bazarra), un dúo musical español que actuaba a finais dos anos 70 polos clubs de Benidorm. Case sen querelo un tema seu convértese nun éxito en Finlandia e anos despois, o fillo de Hans Nÿkanen, o produtor do tema, decide investigar trala morte de seu pai a orixe dos músicos españois e a especial relación que o seu proxenitor mantivo con eles.

Pablo Fontenla (Eufemiano) e Moncho Bazarra (Lalo), protagonistas de Helsinki 79. © Helsinki 79

A través de entrevistas de arquivo e das películas caseiras que se conservan do produtor a peza vai descubrindo a historia de Eufemiano e Lalo e como xeracións de fineses quedaron marcadas por ese himno nórdico.

Helsinki 79 é unha curta atípica dentro do noso audiovisual. Está feita en finés, protagonizada polo seu director, rodada en tres cidades europeas diferentes e ten un tema propio composto especificamente para a peza. Un proxecto no que Fontenla puxo máis de 2 anos de traballo e "moitos máis cartos dos que debería", e no que involucrou a un feixe de amigos do audiovisual. A curta merece varios visionados xa só polas aparicións de coñecidos que hai nela.

Con feituras de cine americano, por momentos Helsinki 79 leva ao espectador á sensación de estar vendo unha película dalgún dos grandes directores dos anos 70. Mención á parte merece tamén todo o traballo gráfico de Edi Vieito, que resulta finalmente outra peza fundamental do proxecto polas constantes animacións e ocorrencias que hai nel.

Ademais da película en si, Helsinki 79 deixa outra sorpresa. O tema homónimo composto polo propio director é, ante todo, un excelso tema pop cantado en finés, no que Fontenla deixa ver a súa beatlemanía. A curta polo de agora só se poderá ver en festivais, onde semella que terá bastante recorrido, pero o videoclip da canción xa está na rede e ofrecémoscho en primicia aquí.

Matías Tarrío

Matías Tarrío

Redactor de VINTE. Gústanme os discos e as filloas con rixóns.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.