Compartir desde o rural. Da tradición oral ás redes sociais

Co patrocinio de

Para Lucía Rodríguez as redes sociais son unha especie de cápsulas que gardan o presente para os que veñen detrás. Por iso as considera case herdeiras da tradición oral e optou por investigar para o seu traballo final de máster sobre como se conta o rural desde o rural na rede. 

 

«A escritora María Sánchez di no seu libro Tierra de mujeres que é importante falar desde o rural porque sempre o discurso vén da cidade. E ten moita razón porque, ao final, quen nos goberna está na cidade. Este verán coa vaga de incendios se mirabamos os medios convencionais o que pasaba era que nos ensinaban a foto de cando ía un político de visita. Foi grazas ás redes sociais que se coñeceu a testemuña da xente real que estaba sufrindo esas cousas. E quizá ao ver iso tamén me convencín de tirar por aquí co meu traballo de investigación».

Lucía Rodríguez (Navia de Suarna, 1999) leva tempo coa teima de visibilizar a vida no rural galego nas redes sociais. Coa intención de dinamizar a comarca dos Ancares puxo en marcha o proxecto do Argueiro dos Ancares, para crear comunidade entre a veciñanza da zona oriental de Lugo, e participa no proxecto colectivo da mocidade galega na rede O Ferrado. Co Argueiro comezou publicando no Facebook, pero agora tamén está no Instagram. En cambio, foi nesta rede social na que se quixo centrar agora para observar como se conta o rural desde o rural na rede. Falamos con ela sobre o seu traballo final de máster As redes sociais e o seu papel na conservación de culturas en risco de desaparecer

«Está claro que Instagram, Facebook, Twitter ou TikTok non van salvar ás culturas que están destinadas a perderse no esquecemento, pero si que poden ser unha ferramenta creadora de conciencia que axude a que a xente vexa o valor do que lle rodea. Que se atrevan a preguntar a historia das paisaxes que ven os seus ollos, a vida da súa familia e que constrúan o seu relato para que non se perda», sinala Lucía Rodríguez no seu traballo. 

Lucía ve as redes sociais como unha maneira de conservar as historias que a todas nos van chegando pola tradición oral: «Nas redes temos a opción de converter as historias nun álbum con fotos, pero tamén con voz e espazo para contar por escrito. Témolo todo. Pero tendemos a dicir cousas negativas das redes, e quizá non as esteamos aproveitando para sacarlle partido ás oportunidades que nos dan».

Por iso, Lucía conta que contactou con persoas e colectivos que xa coñecía –e outros que foi descubrindo– que están a ensinar a tradición, a cultura, a lingua e as formas de vida presentes no rural, que ve en risco de desaparición. Para a súa investigación analizou o publicado en 13 contas de Instagram nas que hai desde artistas e fotoperiodistas ata unha influencer que se sae do habitual. «Cada un mostra unha parte desa Galicia rural. É como se cada conta fose unha cápsula dunha realidade distinta», apunta. 

Para a súa investigación, Lucía Rodríguez analizou o publicado en 13 contas de Instagram nas que hai desde artistas e fotoperiodistas ata unha influencer que se sae do habitual.

Á parte de contar a experiencia desde O Argueiro dos Ancares, falou co fotoxornalista ourensán Brais Lorenzo; co arquitecto e fotógrafo centrado nos retratos no rural Vicente Fraga; cos responsables do aloxamento rural Cabanas de Ancares, que divulga as tradicións da súa contorna; coa artista plástica Aroa Outón, que se inspira nas mulleres do rural para as súas obras; coa influencer Laura Vallejo, que ensina o seu día a día como operaria de montes; co colectivo de xente nova O Fiandón Berciano, que recupera tradicións; coa veterinaria e escritora María Sánchez, que ten publicado moito sobre a vida no campo; co artífice da conta Un Gallego Aventurero, que se encarga de divulgar lugares máis ou menos descoñecidos; coas creadoras de Eu Son Tradi, unha sorte de arquivo dixital de música e baile tradicional; cos responsables da marca Mel Casa da Torre, que mostran o oficio da apicultura desde Cervantes (Lugo); co grupo de xente detrás de Oficios Vivos, que se dedican a recuperar e explicar como eran os oficios tradicionais; e coa Fala da Avoa, que difunde refráns e frases da cultura popular galega.

Quen está detrás da conta Un Gallego Aventurer, con máis de 12.000 seguidores en Instagram, opina que as redes sociais «son un bo escaparate para ensinar que existen máis lugares que os típicos que aparecen nas recensións de Google e que a través delas axúdase á visibilización de territorios descoñecidos e créase conciencia sobre o abandono ao que está sometido o rural e os coidados que necesita». Pola súa banda, como recolle Lucía Rodríguez no seu traballo, a artista Aroa Outón considera que «as redes sociais perpetúan a idealización das vidas da xente que habita pobos e aldeas pero que, no caso de Galicia, achegan moita información e realidade. Cre que son un espello que reflicte a vida do rural, as súas condicións e que tamén axuda á difusión da lingua galega».

Instagram é a rede social predilecta da xeración millennial que, segundo este traballo, está interesada en seguir contidos relacionados co mundo rural, tamén desde as cidades. «A maioría de seguidores de O Argueiro dos Ancares están comprendidos entre os 25 e 34 anos polo que non se pode cualificar os gustos da xente pola súa idade. Ademais, un dos lugares desde onde máis seguen á páxina é desde Madrid, unha provincia que de rural ten máis ben pouco. A capacidade de influencia deste tipo de contas é bastante alta xa que moitas veces, os seguidores atrévense a compartir os seus recordos nos comentarios das publicacións e, nalgunha ocasión, mesmo mencionaron o perfil cando se animaron a escribir a súa propia historia», debulla Lucía Rodríguez no seu traballo.

«Non sei se é que eu agora mostro máis interese sobre o tema do rural, pero cada vez vexo máis xente compartindo contidos nas redes en galego. Nos últimos dous anos medraron as contas que falan disto na nosa lingua», salienta Lucía, que ve un maior achegamento por parte da xente nova ao mundo rural. 

Con este traballo para o máster que realizou en Barcelona, Lucía quería dar a coñecer o rural que coñece pero non só a través da súa experiencia, mirando e recompilando tamén o que está a facer outra xente. «O tribunal díxome que co meu traballo descubrira un mundo completamente descoñecido para eles. Quedo con iso, fíxome moita ilusión», asegura. 

 

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • O Ferrado. O centro galego da mocidade é dixital

    Un proxecto colectivo. Un punto de encontro para a mocidade galega na rede. Un espazo que acolle todas as opinións e os puntos de vista. Un sitio web aberto á participación da rapazada que queira compartir e construír. A demostración de que «hai relevo xeracional». A versión contemporánea do manifesto Máis Alá! de Manuel Antonio. Todo isto é O Ferrado

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.