Cora Novoa. Da melodía á escuridade

A artista ourensá Cora Novoa, recoñecida Dj e produtora de música, comparte con VINTE os seus primeiros pasos creando música con sintetizadores e como observa a acollida da música electrónica no noso país. Prepara un novo álbum para este ano e fálanos do seu último EP, Rituals, editado co selo alemán Second State.

 

«Sempre tiven moita paixón pola música porque na miña casa sempre soaron xéneros diversos, desde a salsa á música clásica, moito jazz, rhythm and blues, e se escoitaba moitísimo Radio 3. De feito, comiamos coa radio acendida. Isto todo é culpa do meu pai, así funme abrindo e empapando destas músicas». Cora Novoa (Ourense, 1984) está considerada como unha das Djs máis importantes da escena actual, conta co seu propio selo, Seeking The Velvet, pero a súa humildade faille repetir que para ela o único que importa é que a música que fai lle chegue á xente.

Apadriñada por Catalunya, aquí desenvolveu a súa carreira no eido da música electrónica e do deseño sonoro. Medrou ao abeiro de festivais de relevancia como o Sónar e foi atopando o seu espazo, baixo as súas condicións, nunha escena na que, polo que di, aínda queda moito camiño por andar para chegar á igualdade entre homes e mulleres. Cora traballa nun disco que publicará este ano e publicou en decembro un EP, Rituals, que lle permitiu debutar no prestixioso selo Second State de Berlín.

Portada do EP 'Rituals' (2022) © Second State Audio

«Xa digo que son galego-catalá porque levo uns trece anos aquí. Catalunya deumo todo, estou onde estou grazas a eles máis que por infraestrutura. É que en Galicia non sentín o apoio institucional ou cultural que tiven aquí. É unha pena que teño, pero ao final ao circuíto de discotecas e clubs –que hai pouquiños, pero hai– si que vou, pero a nivel institucional en Catalunya teño moito apoio e en Galicia non tanto», razoa a artista ourensá.

«En Galicia non sentín o apoio institucional ou cultural que tiven aquí. É unha pena que teño»

Para ela, isto non ten que ver con que faga música electrónica, é unha cuestión de apoio á cultura. «Ao final, Barcelona é unha cidade moi cosmopolita e moi europeizada. En Alemaña a música electrónica é parte do seu folclore, e para min parte do folclore de España tamén ten que ver coa electrónica porque temos a Ruta do bacalao e moitos xéneros musicais que se empaparon nisto, o que pasa é que a nivel institucional e gobernamental se teñen encargado de crucificar e non gabar todas as cousas boas que pode ter un xénero musical. Se ti culturizas a xente apoiando todos os xéneros musicais enriqueces unha infraestrutura e incitas a que se formen novas bandas, festivais, fanzines... cousas que enriquecerían o tecido cultural de Galicia. Pero esta non foi a miña experiencia», lamenta.

Resulta imposible non pensar nos prexuízos que aínda poden quedar arredor da música electrónica, mais para Cora Novoa «calquera festival, sexa de música electrónica ou non, vai ter unha presencia de drogas». A ourensá considera que «estigmatizar un xénero musical por prexuízos así é algo triste». Porén, aínda que se fai unha comparación con outros países considera que na Península seguimos «a anos luz», si celebra que «en Catalunya apoian toda arte e cultura, consideran que a diversidade musical enriquece a súa escena».

Cora Novoa estudou informática en Ourense e, no medio dos seus estudos, descubriu que existían programas para facer música cos que non precisaba a ninguén máis para crear. Na adolescencia tocaba a frauta traveseira, polo que a música xa lle gustaba. Cando rematou esta titulación trasladouse a Madrid para facer un ciclo de son, sabía que quería traballar disto pero non pensaba en ser artista. Traballou como técnica de son como autónoma mentres, en paralelo, avanzaba na súa carreira como produtora. Ata que unha axencia a fichou: «E decidín deixalo todo por probar, pero ao principio non gañaba case nada. A vida do autónomo no mundo creativo musical é moi difícil, incluso cando xa tes unha carreira establecida e tes un nome. Non é sinxelo, e hai momentos críticos nos que tiraría a toalla, pero é a miña paixón e a miña vida».

«É que sempre estou alerta, se un son me gusta o gravo, o sampleo e o levo ao meu estudio para traballar con el»

É das persoas que sempre está á escoita, un gingle na televisión ou na radio, a música dun centro comercial... «É que sempre estou alerta, se un son me gusta o gravo, o sampleo e o levo ao meu estudio para traballar con el. Tamén me gusta moito deseñar os meus propios sons, por iso traballo moito con sintetizadores modulares: xero os sinais e vou gravando, vou esculpindo o son». Sobre isto, recomenda o documental Sisters with transistors, que viu no festival WOS de Compostela –co que colabora facendo curacións e dando charlas–, porque mostra a un grupo de pioneiras do deseño sonoro ás que se intentou tapar para que non se soubera que había mulleres neste eido.

«Levamos con moita carga de diferencia polo machismo moitas décadas, precisamos máis marxe para acadar a igualdade real. Eu son positiva, sei que falta moito traballo, pero as cousas están mudando. Vense máis artistas mulleres, pero quen toma as decisións nas grandes discográficas son homes. Non coñezo moitas directoras de festivas nin bookers [quen se encarga da contratación de concertos], cada vez hai máis pero en xeral son todo homes e iso nótase: ten que haber diversidade en todo na vida para que estea equilibrado», defende.

Cora Novoa © Viridiana Morandi

O primeiro EP que asina co selo Second State, que é de dous produtores que se chaman Pan-Pot, aos que coñeceu grazas a unha residencia artística na que estivo no tempo da pandemia da COVID en Berlín. Así naceu este Rituals, que está misturado por Nur Jaber, picadiscos habitual da discoteca berlinesa Berghain. «Gústame moitísimo traballar con conceptos, neste caso o simbolismo que hai detrás do tema dos rituais engánchame moito. Ao final, un ritual é unha práctica simbólica social e gustábame esta comparación co clubbing, cando te vas a unha rave ou simplemente de festa a un club. Todo o que rodea a isto: a roupa que vistes, a forma de bailar... É algo moi catártico que une, penso que o os clubs unen, dá igual de onde veñas. Por iso o quixen sintetizar nestas cancións», conta.

O seu último EP, 'Rituals', supón «entrar na escuridade» na que se move agora, con «sons máis industriais»

A ourensá valora que a figura da produtora e produtor musical está máis enxalzada a día de hoxe. «Bizarrap, que é música urbana, é un bo exemplo, ou Alizzz, que empezou facendo música electrónica e agora fai pop. En festivais xa é normal que o 80% das actuacións sexan con produtores, leven músicos ou non. Aquí entendo que aínda poida chocar, como por exemplo toda a xente que criticou a xira de Motomami de Rosalía. Haters sempre vai haber, pero o circuíto mudou e hai máis propostas, iso non quere dicir que os músicos non sirvan para nada, só que hai máis propostas distintas», explica Cora Novoa.

Para quen se queira achegar á súa música desde cero, ela recomenda que a mellor maneira é comezar polo seu segundo álbum, Fight Love Faith, que é máis pop. Así, desde a súa parte máis melódica, despois se pode pasar a Rituals, que supón «entrar na escuridade» na que se move agora, con «sons máis industriais». «Creo que a vida dunha artista ten que ir evolucionando. Quen sabe, igual dentro de cinco anos volvo outra vez á melodía. A vantaxe que temos as que nos dedicamos a profesións creativas é que temos diante un lenzo en branco, e penso que debemos aproveitalo», salienta.

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Máis Vinte

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.