“Esta vida pide outra” é o lema Cris Iglesias (A Coruña, 1993), unha actriz chea de enerxía e amor polo escenario que nunca esquecerá o 2019 como o ano no que consolidou a súa carreira traballando en cine, teatro e televisión. Como tampuco esquece o barrio onde se criou, a Agra do Orzán. Regresamos con ela á rúa Barcelona para retratala nese universo obreiro que acolleu milleiros de persoas procedentes do rural galego e tamén de moitas partes do mundo.
Mentres posa para a nosa fotógrafa Tamara de la Fuente diante de comercios pechados, bancos de sentar ou vellas cabinas telefónicas, hai vellas que pasan e lle berran de todo, coma se a coñecesen ou, máis ben, coma se exercesen o dereito a interactuar en alto con calquera cousa que pase na súa rúa. O espazo público na Agra do Orzán é sagrado: é onde conflúen os seus 30.000 habitantes para facer vida fóra dos seus estreitos pisos construídos nos anos 60 e 70. E o que facemos con Cris é unha sesión de fotos na que ela xoga, brinca, corre, saúda e interactúa coa veciñanza.
Puxémoslle un look que xoga tamén a isto, combinando un glamouroso mono de cor rosa chicle de Elsavadeboda cun chaquetón de pelo vermello que lle prestou a súa amiga a actriz María Vázquez. E con dous chichos que a devolven a esa infancia na rúa Barcelona de finais dos anos 90, cando xogaba e escoitaba as Spice Girls dando chimpos pola rúa. Ben podería ser iso, unha Spice Cascarilleira. Aínda que a rapazada que a ve ao saír do instituto ten outros referentes e queda mirando, dicindo entre eles “Ei, a Rosalía?!”
O gusto pola escena e os focos teno Cris Iglesias desde pequena. Na súa familia ninguén se dedicaba ás artes, a non ser seu irmán, que si que tocaba nun grupo. Pero si que a levaban a ver espectáculos teatrais e de música, mesmo a levaban á ópera. Así empezou a facer teatro no colexio, desde os 6 anos, e despois empezou a estudar música no conservatorio (fixo ata sexto de percusión) e tamén baile moderno e contemporáneo. Despois “tiven a sorte de que cando ía facer o bacharelato comezaba a modalidade de artes escénicas, música e danza. E puiden facer o bacharelato no conservatorio, aí xa tiña claro que quería facer arte dramática”. O seguinte paso foi a ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Vigo), onde descubriu un mundo moito máis libre que a férrea disciplina do conservatorio.
Descubriu tamén alí que a lingua galega podía ser a súa principal ferramenta de traballo. Era a lingua que falaban os seus avós e na que ela, como boa esponxa que é, se manexaba con soltura aínda sendo unha neofalante. E é a lingua na que se produce a maior parte do teatro, televisión e agora tamén cine neste país. Así e todo ao rematar na ESAD quixo probar sorte en Madrid e apuntouse ás probas da RESAD. Pero agardábaa outro destino en Galicia, o que para ela si que foi a entrada a todo un máster: o obradoiro de prácticas de creación escénica que Chévere organizou durante unha fin de semana en Teo, para buscar unha actriz nova que protagonizase a súa nova peza teatral: Eroski Paraíso.
Así Cristina pasou a darlle vida a Álex, a rapaza que estuda cine e Barcelona e regresa a Muros para facer unha película sobre os seus pais e como se coñeceron na discoteca Paraíso, que agora é un Eroski. A obra é a máis popular até agora da carreira de Chévere: acadou máis de 40.000 espectadores, colgou o “non hai entradas” no teatro do Matadero de Madrid e triunfou noutras cidades como París, ademais de xirar durante 3 anos por case toda Galicia. Que un fenómeno así sexa o teu primeiro traballo como profesional como actriz ten que marcarte para a vida. E así é, porque na entrevista Cris Iglesias non para de mencionar a Chévere e de agradecerlles a Patricia de Lorenzo, Xesús Ron e Miguel de Lira todo o que aprendeu, e tamén a necesidade de traballar desde o compromiso social e coa lingua galega.
Os traballos que fixo no último ano van nesta liña: Liberto, o debut da actriz Tamara Canosa na dirección teatral que adapta un texto de Gemma Brió para contar a historia dunha nai que perde o seu fillo 15 días despois de nacer. A obra opta a 7 premios María Casares (que se entregan o 27 de marzo), entre eles o de mellor actiz secundaria para Cris Iglesias. O elenco fórmano ela, Rocío González e Lucía Aldao, e no resto de equipo temos outras mulleres como Luisa Romeo, María Vázquez ou Rut Balvís. Con esta a súa primeira produción, a compañía Marelas Teatro busca un teatro para a transformación social e cun discurso feminista que busca "darlles voz ás infrarrepresentadas".
En 16 de decembro, curtametraxe de Álvaro Gago tras dirixir Matria, Cris protagoniza unha historia sobre a violencia estrutural que sufrimos as mulleres só polo feito de selo. Este traballo valeulle o premio á mellor actriz protagonista no festival ALCINE, algo que lle fixo moita ilusión por ser o seu primeiro premio traballando en cine.
E podería non ser o último pois o vindeiro 7 de marzo outórganse os Mestre Mateo e Cris Iglesias é finalista na categoría de mellor actriz protagonista, canda nada menos que Candela Peña (Hierro), Benedicta Sánchez (O que arde), e Patricia de Lorenzo, compañeira de reparto na adaptación cinematográfica de Eroski Paraíso. Non o ten fácil, mais tampouco contaba con esta candidatura, toda unha sorpresa para ela. A personaxe de Álex Formoso, coa que tanto aprendeu nas táboas, queda para sempre rexistrada no cinema, cunha madurez que aguanta con solvencia moitos primeiros planos, mirando a cámara, baixo a ollada sempre interesante de Jorge Coira na dirección.
Se dunha obra de teatro fixeron unha película, a saga Fariña, que xa tivo o seu libro, serie de televisión e mesmo cómic (sen contar a realidade, claro) levouse esta temporada ao teatro, nunha produción liderada por X.A. Touriñán e Nacho Carretero, autor do libro, coa dirección de Tito Asorey e María Vázquez, Marcos Pereiro, Sergio Zearreta e o propio Touriñán no reparto, canda Cris Iglesias, que tamén repite: fora na serie de televisión Leticia Charlín, a sobriña do famoso vello narco.
Aquela foi a súa primeira personaxe importante en televisión (fixera algúns papeis pequenos en Serramoura ou Urxencia Cero), e este ano volve á pequen pantalla interpretando a inspectora Gabriela Ferreiro en Auga Seca, a serie de Portocabo coproducida entre Galicia e Portugal, e que se está a emitir esta temporada na TVG e na RTP.
Cando fixemos a reportaxe fotográfica polo barrio Cris Iglesias acababa de cumprir 27 anos. Despois dun 2019 tan movido que lle pide ao 2020? Pois polo menos seguir coa sorte de poder traballar en Galicia en proxectos que lle acheguen cousas máis alá do puro traballo interpretativo, e nos que ela tamén poida achegar o entusiasmo que desborda, sumado a unha experiencia pouco frecuente nalguén da súa idade.
Reivindica tamén o entusiasmo da súa xeración: “hai xente moitísimas ganas no mundo do teatro e do audiovisual en Galicia, tanto na interpretación como nos outros departamentos”. E destaca con respecto ás xeracións anteriores que “que tal vez estamos máis afeitos a traballar en equipo, gústanos traballar co outro, e iso é un gran avance”. Tanto que non teñen reparo á hora de chamar e pedir axuda ou consello a compañeiros maiores: “se cadra somos unha xeración bastante protexida e aproveitámonos diso, somos esponxas”, confesa, engadindo que “poder tirar de xente da profesión que está aquí preto é unha sorte, aprender deles e que se deixen”.
É, pois, con esa mestura de descaro e humildade, e sempre co agradecemento por diante, que Cris Iglesias asume a responsabilidade de seguir loitando por sacar adiante o teatro e o audiovisual en Galicia. “Cando os maiores xa non traballen temos que estar nós aí e loitar polo que eles tanto loitaron”, asegura, mentres remata o almorzo para saír á rúa disposta a comer o mundo, empezando pola Rúa Barcelona.
A rapaza da rúa Cuba (con vestido negro e bolsazo de Elsavadeboda)
Fotografía:
Tamara de la Fuente
Maquillaxe e peiteado:
Esther Souto
Agradecementos:
Co patrocinio de:
DELEITE. Mira o vídeo da serie "Vinte almorzando" que complementa esta reportaxe.