Matria. Por qué esta curta é unha das obras máis importantes do cinema galego recente

© Sombriza Films

Pase o que pase este sábado en Sevilla, onde ‘Matria’ compite por levar un Goya á mellor curtametraxe, esta peza pasará á historia do noso audiovisual. Polo que conta, por como o conta, polas súas protagonistas, polo seu percorrido en festivais e porque detrás está unha nova xeración de cineastas sensibles e comprometidos socialmente, con Álvaro Gago á fronte. 

Unha muller érguese cando aínda é noite para coller a bicicleta e saír a traballar á conserveira. Non está ben, desmáiase pero ten que atender o traballo igual. Ese día ten que lembrarse de mercar un agasallo para a súa neta. Tamén ten ir facer de comer para o seu home. Despois ten que volver traballar e aturar os berros da xefa. Sen ter a penas ningún respiro, intuímos que os seus días son máis ou menos sempre así. 

En pouco máis de 20 minutos Matria fai un relato realista da vida de moitas mulleres galegas. Faino usando a ficción pero cun achegamento documental no que a historia que se conta é moi parecida á vida real da súa protagonista, Ramona, interpretada por Francisca Iglesias Bouzón. Esta muller na realidade era a persoa encargada de coidar o avó do director Álvaro Gago, que deste xeito quixo facer un retrato das mulleres que se encargan de traballar na industria, na casa propia, nas casas alleas e no coidado dos demais.  

Gago homenaxe a protagonista sen erixila en superheroína, como tan de moda está ultimamente retratar as mulleres do rural galego. Non gaba un matriarcado falso no que as mulleres teñen o poder: na realidade as mulleres teñen as cargas.

Puido ser unha ollada benintencionada e paternalista como a de Alfonso Cuarón en Roma, onde quixo homenaxear a unha empregada do fogar na súa casa; mais aquí a ollada de Gago non pousa dozura nin nostalxia nin tanta impostación na posta en escena. É unha ollada dura, fría nas cores pero cercana no achegamento da cámara, máis próxima ao cinema dos irmáns Dardenne ou de Abbas Kiarostami que ao que logra epatar en Hollywood (ou Netflix). Esta ollada, que é a nosa, acompaña a Ramona nas carreiras que fai dun lado a outro para termar das obrigas e da súa precaria saúde ademais de aturar a pasividade do seu home ou a violencia verbal da súa xefa, Eulogia. 

Faino ademais sen erixir a protagonista en superheroína, como tan de moda está ultimamente retratar as mulleres do rural galego. Non gaba un matriarcado falso no que as mulleres teñen o poder. Na realidade as mulleres teñen as cargas. Claro que teñen moito mérito, e a película o que fai é, ante todo, recoñecer ese traballo. Pero esa morea de cargas coas que malia todo tiran para adiante (que remedio) non as convirte nas matriarcas que a sociedade ás veces idealiza. Fano con mal humor, con dor de ósos e con todo o dereito do mundo a non falar moito (tampouco lles deixan), a botar xuramentos cando o fan e a non sorrir ata que por fin atopan un momento de paz. E esa unha das principais preguntas que suxire a película: a que chamamos realmente matriarcado? Á pura supervivencia nunha sociedade capitalista e nas que os privilexios non recaeron precisamente á beira das mulleres?  

Malia todo Álvaro Gago escolleu a canción Matriarcas de Guadi Galego para retratar e homenaxear neste fermoso vídeo de making of as mulleres da conserveira que participaron na rodaxe da curta. 

O caso é que esta historia tan local rodada en Cambados con xente real foi quen de cruzar o planeta e triunfar nunha chea de festivais, empezando por un dos máis importantes do mundo, o de Sundance, onde hai agora un ano Álvaro Gago recollía o Gran Premio do Xurado. Despois dese fito inédito no noso cine chegaron máis premios: na Seminci, en Aguilar de Campoo, no Indie Lisboa, no Alcine, no Holyshorts de Hollywood, en Sardinia, en Montpellier, en Serbia, en Texas… e tamén na casa. No Festival de Cans apañou case todos os premios: o do xurado, o do público, o dos veciños e o da mellor actriz. Tamén gañou o Mestre Mateo. E agora, xa case como fin de traxecto, agarda a posibilidade de levar o Goya. 

Álvaro Gago e Francisca Iglesias recollendo o Mestre Mateo á mellor curtametraxe o ano pasado. © Óscar Corral / Academia Galega do Audiovisual

Se así fose, Matria volvería facer historia: sería a primeira curta galega (e en galego) de imaxe real que gaña este premio. En animación o coruñés Alberto Vázquez xa o conseguiu dúas veces con Birdboy (2011) e con Decorado (2016). Nestas curtas traballou ademais o animador cangués Khris Cembe, que este ano é finalista á mellor curta de animación con Soy una tumba, como xa contamos en VINTE

Se 'Matria' acada este sábado o Goya será a primeira curta galega (e en galego) de imaxe real que gaña este premio.

Insistimos: pase o que pase, Matria xa é unha das películas máis importantes da nosa historia. Non só polos premios e polos indiscutibles méritos artísticos do director que fixo equipo con nomes tan notables como o de Lucía C. Pan na fotografía, Xacio Baño colaborando na montaxe, Xavi Souto, Miguel Barbosa e Diego S. Staub no son, Silvia Fuentes na produción e Anxos Fazáns ou Lucía Estévez axudando en labores de dirección. Vista así, Matria é todo un manifesto xeracional do novísimo cinema galego e do seu espíritu de colaboración.  E ademais un manifesto feminista nun ano tan importante para este movemento. Convén vela máis dunha vez para non caer na autocompracencia porque de matriarcado, malia a ironía do título, aquí temos moi pouco. 

Álvaro Gago xa prepara unha nova curtametraxe titulada provisionalmente 16 de decembro, que se rodará en marzo en Vigo protagonizada pola actriz Cristina Iglesias (Fariña, Eroski Paraíso). Nela que o cineasta pretende continuar con esta liña de desmitificación dos estereotipos de xénero e abordar temas como a identidade e a liberdade sexual, tal como avanza nesta reportaxe do programa ZigZag da TVG. 

 

Entrevista a Álvaro Gago en Praza.gal: "Quedan moitas historias de mulleres por contar no cine"

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.