#Tintubro. Comeza o mes de debuxar cada día na rede

© #planetasrarismos

Dúas ilustradoras lanzan por segundo ano a versión galega do ‘Inktober’, o reto para compartir diariamente un debuxo en Instagram a partir dunha lista de conceptos durante o mes de outubro. 


 

As ilustradoras Thais Forján e Helena López (@planetafor e @cousasrarismas en Instagram, xuntas baixo o cancelo #planetasrarismos) presentan a segunda edición de Tintubro, un evento dirixido a creadoras e creadores que desexen compartir as súas ilustracións en Instagram durante o mes de outubro. O reto consiste facer un debuxo diario a partir dunha lista de conceptos. Nesta segunda edición engádese a opción de participar de xeito semanal, agrupando os conceptos do listado en torno a catro temas.

En 2009 Jake Parker iniciou #Inktober (mestura das palabras tinta ink e outubro, october, en inglés) un challenge para converter o mes de outubro no mes da creatividade e o debuxo. Co tempo, #Inktober converteuse nun evento viral e unha excusa para crear hábitos de debuxo e mellorar as habilidades artísticas de todas as persoas participantes.

En 2021 celebrouse a primeira edición da versión galega de #Inktober, o Tintubro, que contou coa participación da incipiente comunidade de ilustradoras e ilustradores galegos. Desde a organización agardan que esta comunidade medre e se consolide nesta segunda edición.

Que é preciso facer para participar no Tintubro?

O reto está aberto a calquera persoa que desexe participar, non é preciso ter formación específica ou ser profesional da ilustración.

A partir do 1 de outubro hai que subir a redes, coas etiquetas, #tintubro e #planetasrarismos unha ilustración inspirada polos seguintes termos, se participamos diariamente:

© #planetasrarismos

ou estes se participamos semanalmente:

© #planetasrarismos

Neste vídeo Thais Forján e Helena López presentan a segunda edición do Tintubro e respostan a preguntas frecuentes.

Tamén che interesa

  • Oito debuxantes galegas que coñecemos grazas ao Inktober

    Cada mes de outubro desde hai uns anos Instagram celebra o #Inktober, un reto que convida os participantes a publicar cada día deste mes un debuxo feito a tinta. Ultimamente o reto foi derivando cara a outros tipos de debuxo, tamén dixital, ou mesmo hackeado e burlado polos usuarios, pero cada ano seguen sendo varias as ilustradoras galegas que se animan a participar no #inktober, cadaquén á súa maneira. Imos botarlles un ollo.

    Gráfica

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.