Oito debuxantes galegas que coñecemos grazas ao Inktober
Cada mes de outubro desde hai uns anos Instagram celebra o #Inktober, un reto que convida os participantes a publicar cada día deste mes un debuxo feito a tinta. Ultimamente o reto foi derivando cara a outros tipos de debuxo, tamén dixital, ou mesmo hackeado e burlado polos usuarios, pero cada ano seguen sendo varias as ilustradoras galegas que se animan a participar no #inktober, cadaquén á súa maneira. Imos botarlles un ollo.
Cada mes de outubro desde hai uns anos Instagram celebra o #Inktober, un reto que convida os participantes a publicar cada día deste mes un debuxo feito a tinta. Ultimamente o reto foi derivando cara a outros tipos de debuxo, tamén dixital, ou mesmo hackeado e burlado polos usuarios, pero cada ano seguen sendo varias as ilustradoras galegas que se animan a participar no #inktober, cadaquén á súa maneira. Imos botarlles un ollo.
- 01
Helena Antelo (Heleacla)
Esta deseñadora e ilustradora sumouse ao Inktober e di non poder dedicarlle máis de media hora ao día. 30 minutos que dan moito de si, como podemos ver no seu feed, poboado de personaxes animais, humanos ou fantásticos en escenas cotiás moi coloridas. O traballo de Heleacla pódese seguir en Instagram e noutras redes, na canle de ciencia animada Eres Curioso ou tamén mercar en Etsy e Redbubble.
- 02
Candela Piñeiro
Ilustradora e deseñadora compostelá, Candela Piñeiro é outra das galegas máis activas promocionando o seu traballo en Instagram. Nas súas stories podemos ver como abordou do #Inktober este ano e o proceso de creación das imaxes que vai publicando no seu feed durante este mes, seguindo as ideas que para cada día suxiren os impulsores deste reto.
- 03
Laprislázuli (Amparo Fernández)
Amparo Fernández defínese como unha ilustradora á que lle gusta facer cousas tristes con cores alegres. Interésalle a arte como terapia e falar de saúde mental e de sentimentos a través das súas ilustracións, por iso para este inktober seguiu unha lista chamada #inkmotional: en cada debuxo representa unha emoción, como a ansiedade, a paciencia, a nostalxia, a perda ou a esperanza. En Etsy podemos mercar láminas e outros obxectos co seu traballo, e tamén mantén un canal de Youtube onde nos achega ao seu proceso creativo.
- 04
Kitschlover
Inés Casarejos é Kitschlover, unha autora ben coñecida no mundo da autoedición en Galicia. Este ano o seu proxecto para o Inktober (ou Fanztober) é facer un fanzine sobre plantas comestible: cada día temos o debuxo dunha planta: cardos, estrugas, orellas de frade, dentes de león e outras herbas que podemos apañar nos campos e nos camiños para facer unha ensalada.
- 05
EnaV
A serie desta debuxante luguesa para o Inktober vai sobre ratas que se adaptan ás distintas palabras clave do reto de ilustración. Os textos que as acompañan son en galego e ela é a única autora que quixo iniciar o hashtag #inktobergalicia, con pouco seguimento, polo de agora.
- 06
Sonia Piñeiro
Esta debuxante pontevedresa púxose como reto no inktober perfeccionar a súa técnica debuxando na tablet e seguiu unha lista baseada en series, películas e videoxogos. Nas stories podemos ver o procesoo de creación de varios destes debuxos.
- 07
La chica de la pisa
A debuxante de Palmeira Antía Alberte (a metade do dúo Blanca & Tinta canda Laura Cruxeiras), creoulle unha conta a unha das súas personaxes: La chica de la pisa, protagonista dunha baralla feminista que esgotou as vendas no Instagram este ano, e da que agora podemos ver unha nova viñeta cada día.
- 08
Yupiyeyo (María Álvarez Hortas)
A debuxante de cómic María Álvarez Hortas, autora de Hay alguien ahí?, un cómic online e fanzine onde contaba as súas peripecias persoais “como lesbiana e como ser vivo”, aborda este ano de novo o inktober con debuxos de viñetas e personaxes feitos fresquiños do día. Como en teoría debera ser o reto este.
- 09
Roberta Vázquez
Incluímos de propina este debuxo que publicou en Instagram Roberta Vázquez. A debuxante compostelá afincada en Madrid non dá feito con tanta encarga do mundo editorial e revisteiro, e ademais acaba de publicar o seu cómic Socorro (Apa Apa Comics, 2019), así que o seu inktober reduciuse a unha soa publicación que o di todo.