Bosquexo. Unha convivencia para debuxar ao aire libre no Xurés

Durante unha semana de xullo a aldea de Senderiz (Lobeira, Ourense) énchese de cadernos, de lápices e de olladas de profesionais e afeccionados a debuxar que participan en Bosquexo, un dos festivais de debuxo ao natural máis singulares do mundo. Este luns 15 abren unha nova convocatoria. Bulide, que as prazas voan. 

A séptima edición de Bosquexo celebrarase do 23 ao 30 de xullo cun programa cheo de actividades para inspirar os trazos nos cadernos dos participantes, desde xincanas ata obradoiros, encontros con veciños do lugar, concertos… Desde a súa primeira edición en 2014 máis de 100 artistas pasaron por este evento que organiza Miguel Porto, autor de cómic e profesor de debuxo e cor en varios proxectos educativos, en colaboración cos anfitrións Edo e María, que xestionan Sende, un espazo rural rehabilitado nesta aldea destinado a fins creativos e educativos. 

Neste vídeo os organizadores e algúns participantes comentan a experiencia nunha das últimas edicións de Bosquexo: 

A celebración deste festival é unha boa excusa para achegarse ata Sende, o espazo de coworking e coliving que puxeron a andar hai uns anos a viguesa María Rodríguez e o serbio Edo Sadikovic en Senderiz, unha aldea con menos de 20 veciños na parroquia de San Xes de Vilariño, do concello ourensán de Lobeira, na serra do Xurés. Fixérono rehabilitando unha casa que ofrecen a ‘nómadas dixitais’ de todo o mundo para que traballen desde alí, e pola que pasaron xa perto dun milleiro de persoas de case 50 nacionalidades. 

O que lle ofrece Sende a quen queira botar alí un tempo é descanso, comida sá e da zona, auga da fonte e escoitar os paxaros e outros sons da natureza, para apagar o Spotify e traballar máis concentrado, con menos estrés, se cadra menos horas pero de xeito máis produtivo. 

A vocación internacional do proxecto e a súa singularidade fixeron que Sende aparecese en moitos medios como un dos lugares máis cool onde traballar. E así foron achegándose a esta aldea ourensá persoas que traballaban en grandes empresas como Google, Disney, The Guardian, Marvel ou Boeing, ou organizacións como Unicef e Amnistía Internacional. O que lle ofrece Sende a quen queira botar alí un tempo é descanso, comida sá e da zona, auga da fonte e escoitar os paxaros e outros sons da natureza, para apagar o Spotify e traballar máis concentrado, con menos estrés, se cadra menos horas pero de xeito máis produtivo. Unha fantasía para executivos que viven en grandes cidades, e algo que tal vez non acabamos de valorar quen temos o medio rural máis perto. 

Momento de descanso en Senderiz. © Sende

Desde o seu inicio en Sende tiveron claro que estar lonxe do asfalto non significa necesariamente aillarse e por iso fomentan a convivencia, tanto entre a xente que os visita todo o ano (sempre en grupos reducidos) como organizando actividades como encontros, hackathons ou o propio Bosquexo, que se celebra no verán ou tamén na súa edición Magosto en outono. Calquera persoa á que lle guste debuxar e queira botar 7 días vivindo unha experiencia diferente en Senderiz pode apuntarse a partir deste 15 de abril. O prezo, con pensión completa toda a semana, é de 230€. Se non podedes achegarvos o que podedes é seguir a súa actividade nas redes. 

View this post on Instagram

Dibujando en las pozas #bosquexo

A post shared by Sende (@sende) on

View this post on Instagram

#bosquexo2016

A post shared by Sende (@sende) on

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.