A influencer Blondiemuser volveu facelo. Este luns a creadora de contido galega subiu un vídeo ás súas redes onde explicaba o impacto que o proxecto da empresa celulosa portuguesa Altri pode ter para a zona onde prevé instalar unha factoría, en Palas de Reis. Apenas 17 horas despois, xa tiña máis de 70.000 visualizacións, máis de 300 comentarios, 9.300 ‘likes’ e fora 700 veces compartido en Tik Tok. E en Instagram tamén superara xa os 300 comentarios, os 3.700 likes e foi preto de 1.300 veces compartido ao día seguinte da súa publicación.
Máis alá de que estas cifras se multipliquen cara á viralidade propia da influencer, os 300 comentarios reais que seguen á publicación sobre Altri amosan o interese crecente polo tema, que se manifesta dividido entre detractores do macroproxecto e defensores dos posibles beneficios económicos que a empresa pode traer para Galicia.
O obxectivo de Paula Vilaboy, @blondiemuser, bióloga de formación, é “facer ruído” e parar o proxecto. Para iso insta tamén desde o seu Instagram a entrar no perfil @plataformaulloaviva e participar na oposición á instalación da planta industrial.
A influencer replica o feito cando fora a crise do pellets –no pasado Nadal- e axudou a poñer enriba da mesa (das redaccións do medios informativos e mesmo das autoridades) un problema ambiental que xa levaba tempo denunciando a asociación ecoloxista Noia Limpa.
No seu vídeo, a creadora de contido ambiental, con 1,8 millóns de seguidores en Tik Tok, pon o foco no consumo de auga, que segundo explica, serán 46 millóns de litros ao día, «o mesmo que os habitantes todos da provincia de Lugo», asegura. Ademais, alerta de que se botarán cada día 30 millóns de litros de augas residuais tratadas ao río Ulla e emitirá en grandes cantidades gases contaminantes como azufre ou óxido de nitróxeno. Engade que Altri acumula multas por contaminación e o proxecto, que se vai situar nunha área colindante a unha zona de Rede Natura da serra do Careón, afectará especies protexidas.
«Eu vexo que chega unha empresa que vai destruír a nosa biodiversidade, vai contaminar augas, vai facer o que lle dá absolutamente a gana, vai crear monocultivos de eucalipto, vaise beneficiar economicamente diso e, aínda por riba, deixamos que o faga», lamenta Blondiemuser.