¿Rock & Grelos? A primeira historia do rock galego

© Edicións Lea

Ten faltas de ortografía tan antolóxicas que levarían ao suicidio a calquera lingüista, a edición é cativeira, ten unha portada horrible e é unha historia incompleta. E aínda así é valiosísimo. Hoxe traemos a VINTE outro libro esquecido e dámosche 6 razóns para lelo. Son estas:

 

1. É a primeira historia do rock galego

Na actualidade hai moi poucos libros sobre música pop e rock galega. Hai algún sobre algunha banda (Heredeiros da Crus ou Os Diplomáticos de Monte-Alto, por exemplo) e temos xa traballos máis serios como o de Fernández Rego 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega. Aínda así hai moi pouca cousa. Pois imaxinemos como era o conto no ano 95 cando se publicou ¿Rock & Grelos?  Efectivamente, non había nada. Este libro foi pioneiro e á súa vez tivo un importante labor divulgativo, moitos descubrimos grazas a el algúns grupos galegos realmente interesantes e descoñecidos. E sobre todo, serviu para que a xente se dese conta de que había unha historia detrás. En plena explosión do bravú e co Xabarín Club bourando, moitos pensabamos que a historia do rock galego eran Os Resentidos e pouco máis. Este libro xa falaba de NHU, de Radio Océano, de Los Cafres, ou de Bromea o qué?, cando ninguén os nomeara antes. É unha obra que serve para establecer o canon, e iso, aínda que moitas veces nos pareza horrible, é moi importante, e máis cando todo e tan pequeno como aquí. Se daquela lelo era case un labor de aprendizaxe, agora é algo tamén moi curioso e divertido.

2. Escribiuno Alberto Casal

Alberto Casal é un dos pais do Xabarín Club, foi guionista do programa desde a súa creación e desde o ano 2002 é o seu director. Ademais é un xornalista de ampla traxectoria. Traballou en La Voz de Galicia, foi colaborador da extinta Radio 4 de RNE, e redactor da mítica revista La Naval e do magacine cultural Compostelán, entre outras. Escribiu ademais outras cousas interesantes como A Diario, unha crónica sobre o desastre do Prestige feita cos seus irmáns Cesar e Inmaculada Casal,  e algunhas obras colectivas como Galicia a través do espello. O prólogo de El gran circo del rock de Xavier Valiño tamén está escrito por el. Pero, sobre todo, Alberto Casal é un melómano, un coleccionista compulsivo de vinilos co que é fácil bater nos concertos e contar un conto. Se o vedes e podedes, falade con el porque sempre se aprende.

Alberto Casal e Tono Arias, os autores. Ese "Alariz"...coidado. © Edicións Lea

3. Ten unhas impresionantes fotografías de Tono Arias

A da portada é unha fotomontaxe que non fai fe. Dentro hai algunha fotografía magnífica que demostra que Tono Arias hai 25 anos xa tiña moita man. Na actualidade é un dos fotógrafos máis interesantes e inquietos do país e xestiona desde A Estrada Dispara: unha libraría virtual e física, galería e laboratorio de proxectos fotográficos e editoriais. A foto que segue de Xurxo Souto é impagable.

Xurxo Souto en modo Magnum PI. © Tono Arias

O bo das fotografías de Tono Arias é que colleu os protagonistas en sitios importantes ou con significado do lugar de onde proceden. E despois, claro, está o seu bo facer como retratista. Aquí Julián Hernández de Siniestro Total no mercado da pedra de Vigo

Julián en modo Macaulay Culkin con esas zapatillas. © Tono Arias

4. Ten entrevistas con todo o mundo

O libro tiña en total 400 páxinas pero finalmente, por cuestións da edición, só entraron 240. Ademais non chegou a publicarse a última versión. A culpa foi dun disquete, ese fiable formato de almacenamento con 1,44 MB de capacidade. Segundo conta Alberto un destes artefactos non chegou a quen debía e polo camiño perdéronse unha listaxe actualizada de grupos e infinidade de cambios. Con todo, neste libro hai un feixe de entrevistas. Algunhas son longas e outras de formato máis breve, pero aquí foi preguntada moita xente. Entre outros aparecen Xurxo Souto, Julián Hernández, X.M. Pereiro, Pedro Granell, Mon Santiso, Nonito Pereira, Jesús Ordovás, Carlos Mariño, ou Suso Iglesias. Xa vemos que todos eran homes, pero entre tanto entrevistado había unha entrevistada (si, só unha), Pilar Comesaña. No ano 95 Pilar xa estaba aí facendo programas e escribindo sobre cine, de feito, este ano vai recibir no Festival de Cans o premio Chimpín de Prata “Premio Divina Campos” polos seus 30 anos de compromiso coa cultura.

5. Sae xente poñendo a andar a outra.

Nunha industria cultural tan pequena como a galega é moi raro que uns falen mal dos outros. É raro que de modo público os escritores, os músicos ou os actores galegos se critiquen entre si. Aquí Alberto Casal incita aos entrevistados a que lle digan quen son os nomes que máis odian do pop e o rock galego. E iso é moi divertido. Julián Hernández dedícalle unhas "amistosas" palabras a Teo Cardalda e ao cantante de Amistades Peligrosas chámalle Alberto "Comelasaña". Sobre este último hai unanimidade entre todos os entrevistados. Co lercheiros que somos todos, vas quedar sen saber o que din del?

6. É de balde

Haberá algunha libraría de vello que o venda pero a opción máis doada é buscar un dos 37 exemplares que hai repartidos pola Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Seguro que tes un cerca da casa.

Contraportada do libro. © Edicións Lea
Matías Tarrío

Matías Tarrío

Redactor de VINTE. Gústanme os discos e as filloas con rixóns.

Telo na biblioteca:

  • Televisión de culto. 5 razóns polas que deberías ler este libro esquecido

    'Televisión de culto' é un libro do ano 1996 escrito por Antonio “Toñito” Blanco. Non aparecerá en ningunha lista dos mellores libros dos 90, e tampouco acostuma citalo ninguén, de feito hai moi poucas referencias a el na rede. Pero nos tempos que vivimos con Netflix, HBO e Amazon Prime, e co furor que teñen agora as series, queremos recomendar esta obra que reivindica a ficción feita para a televisión no século XX. Dámosche 5 razóns para o ler.

    Literatura

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.