Televisión de culto. 5 razóns polas que deberías ler este libro esquecido

'Televisión de culto' é un libro do ano 1996 escrito por Antonio “Toñito” Blanco. Non aparecerá en ningunha lista dos mellores libros dos 90, e tampouco acostuma citalo ninguén, de feito hai moi poucas referencias a el na rede. Pero nos tempos que vivimos con Netflix, HBO e Amazon Prime, e co furor que teñen agora as series, queremos recomendar esta obra que reivindica a ficción feita para a televisión no século XX. Dámosche 5 razóns para o ler:

© Ediciones Glénat SL

1. Escribiuno Antonio Blanco

Este libro é unha magnífica ocasión para afondar na figura de Antonio Blanco. A priori só dirixiu unha película, a célebre La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos, e escribiu un par de libros (o que nos ocupa, e mais Textos de varios tipos, unha recompilación de guións e ideas para curtametraxes). Pero Toñito Blanco ía moito máis alá, era un melómano que tiña a principios dos 90 na súa casa unha colección de comics, libros (moitos deles en inglés) e películas, absolutamente fóra do normal, que a día de hoxe segue causando admiración nas bibliotecas ás que foi doada (Forum Metropolitano e Escola de Imaxe e Son, na Coruña). Blanco tamén foi un dos creadores (con X. M. Pereiro, Antón Losada e Serafín Cordeiro) e actor protagonista da primeira sitcom que se fixo en Galicia, Composteláns, que está este ano de 30 aniversario (están todos os capítulos colgados en Youtube). Pero, sobre todo, Toñito Blanco era un tipo con paixón, moita intelixencia e un fino sentido do humor, que deixou unha pegada importante aló por onde foi. Son moi recordadas as súas hilarantes pezas con John Balan e Wladimir Dragossán cando estaba no departamento de promocións da Televisión de Galicia. No 2013 Nico Campos dirixiu Antonio Blanco, só, perdido e vicioso, un documental ben interesante que repasa a súa vida.

2. Tamén escribiron nel algúns que agora son famosos.

Neste libro saen 100 críticas de series de ficción, todas co inconfundible estilo do seu autor. Pero Toñito Blanco morreu sen rematar o libro, en concreto tiña feitas 70 das 100 previstas. Quen escribiu as outras 30 críticas? Pois varios dos seus colegas da época, que daquela non eran moi coñecidos, pero que hoxe son profesionais famosos nos seus respectivos eidos. Falamos do director e actor Santiago Segura, do director Daniel Monzón, do crítico Jordi Costa ou do escritor Jesús Palacios, entre outros. E a maiores, o prólogo escribiuno Alex de la Iglesia. Case nada. 

 

3. Ten ilustracións de Mauro Entrialgo.

Efectivamente, o autor de Herminio Bolaextra: Cómo convertirse en un hijo de puta, fixo as ilustracións que separan as diferentes seccións do libro. Un luxo.

 

© Mauro Entrialgo

4. Ten citas memorables

Ben tiradas do propio texto, ou ben dos diálogos das series, ou de calquera outra fonte, neste libro atopamos frases absolutamente gloriosas. 

Antonio Blanco escribe sobre os Simpsons: “Son ordinarios, miserables, golosos, feos, sucios, egoístas, zafios, vagos, mezquinos y más bien burros. En resumen, son seres humanos con los que resulta sencillo identificarse. Frente a familias como la de Bill Cosby, que obligan a las madres a mirar a su alrededor y preguntarse entre lágrimas en qué han fallado, los Simpsons son un grupo de personas reales en el que los telespectadores ven un reflejo aumentado y humorísticamente distorsionado de sus propias miserias domésticas”

Sobre Brandon e Brenda, de Sensación de Vivir: “Brandon es un exponente perfecto de esa odiosa clase de individuos que en el colegio se presentan para delegados de clase, una liendre de yuppie, educado, estudioso y republicano, que le da una nueva dimensión a la palabra pijo. Su hermana Brenda es una repolla sentimentaloide e ingenua empeñada en arreglarle la vida al prójimo”

Na reseña de Falcon Crest: “Mi buena madre no duda en considerar mi mayor logro profesional una entrevista que le hice al mayordomo de Falcon Crest, Chao Li, en la que el vetereno actor se quejaba de su pérdida de protagonismo en la serie, a raíz de una serie de cartas llegadas a los estudios en las que telespectadores del medio oeste preguntaban inquisitorialmente que demonios hacía el chino ese tanto tiempo a solas con una señora viuda”

“Si alguno de los candidatos supiese quién disparó a JR Ewing, ese candidato sería vuestro próximo presidente”, palabras de Ronald Reagan durante as eleccións que o levaron á Casa Blanca, a conto da serie Dallas, incluídas na crítica da serie. 

A capacidade de Antonio Blanco para ofrecer frases antolóxicas pódese apreciar neste vídeo doméstico de 1992. Apareceu non hai moito no Youtube, e nel divaga sobre o cine español. Aquí xa cita a Peter Jackson, “el chaval de Bad taste”, que despois triunfaría con O señor dos aneis. Ese era o nivel de coñecemento de Blanco, e recordemos que daquela non había internet.

5. Non che vai custar un peso

Basicamente porque non se pode mercar, está descatalogado. Así que, a non ser que sexades moi fans e vaiades ao mercado de segunda man (nalgunhas webs de coleccionistas si que aparece) podedes acudir a eses lugares chamados bibliotecas públicas, nos que hai libros e permítenche levalos de balde un tempo para a casa. Por exemplo, tédelo no catálogo das bibliotecas municipais da Coruña. Pero buscade, que seguro que o hai en máis, e paga a pena.

© Ediciones Glénat SL
Matías Tarrío

Matías Tarrío

Redactor de VINTE. Gústanme os discos e as filloas con rixóns.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.