A Tribo. A mocidade galega en risco de pobreza quere ser escoitada

Desde hai varios meses é posible atopar polas rúas de Compostela e concellos da súa área metropolitana imaxes de rapazas e rapaces baixo o lema “De maior quero ser coma ti”. En autobuses, en carteis, en marquesiñas... A Tribo invade as rúas reclamando ser escoitada e ser ela mesma quen poida contar a súa historia.


 

Dúas das súas protagonistas chámanse Ihara Aglione e Gabriela Sánchez, teñen 16 e 17 anos, e as dúas están estudando. Ihara, que fai 4º da ESO, comenta que de maior gustaríalle ser psicóloga porque “paréceme interesante e gústame axudar á xente”. Por outra banda, Gabriela, que se encontra nun bacharelato especializado en artes, afirma que lle encantaría ser “calquera cousa que teña que ver coa faceta artística e coa arte, para poder expresar libremente as miñas ideas”. 

Coas súas primeiras verbas podemos ver que teñen caracteres e personalidades totalmente opostas, pero que se complementan á perfección para súa posta en común: manifestar que queren romper os estigmas que existen arredor delas e de todas as súas compañeiras e compañeiros da Tribo. 

“O proxecto tiña como obxectivo falar de cousas que realmente non se falan da adolescencia, esa etapa que che pintan nas películas e series como a mellor, cando non é así” explica Gabriela. Engade que “moitas veces o que se representa non é a realidade: que é unha etapa difícil”. Así, A Tribo trata temas como as diferentes maneiras nas que se poden afrontar os problemas, as consecuencias das malas decisións ou a importancia das segundas oportunidades nunha etapa na que a rapazada se empeza a cuestionar certos aspectos da súa vida ao encontrarse máis próximos á vida adulta.  

Foron as propias 22 rapazas e rapaces, de entre 14 e 23 anos, quen idearon que querían contar e como querían facelo, e, a partir de aí, sacaron adiante todo o proceso de gravación. “Sacamos temas que nos representan nun encerado e, a partir de aí, a inspiración para facer as curtas” explica Ihara. Dese encerado resultaron tres materiais audiovisuais: A Tribo, Vidas Paralelas e Empezar de Cero. Tres curtas nas que se reflicten, con propios relatos diante da cámara ou a través de personaxes de ficción, as súas personalidades, inquedanzas,  preocupacións ou a responsabilidade que ten o resto da sociedade na solución de conflitos que lles afectan. 

Unha responsabilidade social que ten como base principal escoitar. Desa palabra resulta unha frase que Gabriela afirma que usa moito: “se nos escoitases, quizais...”.  Un mero conxunto de palabras, pero que, segundo ela, “visualiza un pouco a xente nova que estamos en risco de exclusión social demostrando todo o que podemos facer”. Estas mozas e mozos queren loitar contra os estereotipos que parte da sociedade ten aínda por certos, como que a mocidade tutelada estea nun centro de protección por facer algo malo ou que o alumnado con dificultades nos estudos non teña vontade de aprender. Estereotipos que, cando lles afectan a persoas que xa parten dunha situación vulnerable, poden chegar a se converter nun estigma moi doloroso. Por iso, A Tribo quere reverter ese estigma e amosar as enormes capacidades destas mozas e mozos, o seu talento, a súa creatividade e a súa capacidade de esforzo e de análise da realidade.

Estas mozas e mozos queren loitar contra os estereotipos que parte da sociedade ten aínda por certos, como que a mocidade tutelada estea nun centro de protección por facer algo malo ou que o alumnado con dificultades nos estudos non teña vontade de aprender.

 

Unha realidade que lle afecta ao 23% da poboación galega


Segundo o informe EAPN para o ano 2019 o 23% da poboación galega encóntrase en risco de pobreza e/ou exclusión social. E aínda que esta cifra se sitúa catro puntos por debaixo da media nacional, os datos non deixan de ser preocupantes, xa que en termos absolutos, tradúcese nunhas 622.000 persoas residentes en Galicia que se encontran en risco de pobreza e/ou exclusión (10.000 persoas máis que no 2018). 

Considéranse persoas en risco de pobreza e/ou exclusión social aquelas que cumpren algún destes tres criterios: vive nun fogar cunha renda inferior ao limiar da pobreza (o limiar da pobreza defínese como o valor que corresponde ao 60% da media da renda nacional equivalente en unidades de consumo), está en privación material severa (é dicir, vive nun fogar no que os seus integrantes non poden permitirse ao menos catro dos nove conceptos ou ítems de consumo básico definidos a nivel europeo) ou vive nun fogar con baixa intensidade de emprego, por debaixo do 0.2 (a intensidade de traballo por fogar defínese como a relación entre o número de meses traballados por todos os seus membros e o número total de meses que en teoría poderían traballar como máximo todas as persoas do fogar en idade de traballar). As persoas que se encontren entre algún dos anteriores criterios son denominadas ERPE (persoas En Risco de Pobreza e Exclusión) ou AROPE (At Risk Of Poverty and/or Exclusion) polas súas siglas en inglés. 

O ciclo da pobreza pasa de xeración a xeración


A isto hai que engadirlle que a exclusión social é un ciclo que desafortunadamente, se transmite de pais/nais aos seus fillos/as, e pode ter consecuencias paralelas. O 70% do alumnado máis desfavorecido abandona as aulas de maneira prematura, polo que resulta indispensable xerar unha conciencia social sobre a necesidade de incorporar políticas e modelos de equidade educativa que permitan compensar as desvantaxes que afronta unha parte moi importante das nenas e nenos na etapa escolar.

Esta circunstancia, pode pasar desapercibida nos centros de ensino. Gabriela, nun arranque de sinceridade, narra como se sente dentro dun sistema educativo que, segundo ela, non a representa: “chegas, tomas asento, colles notas, chapas, escribes información en papeis doutros papeis para facer un exame e saes de alí cunha mala experiencia... é un ambiente terrible”. Unha situación que podería mellorar con máis sistemas de avaliación ao alumnado ou, tal como engade posteriormente Gabriela “simplemente que o profesorado sexa capaz de transmitir o seu amor pola materia e loite por un clima de respecto mutuo na clase”. 

O persoal educativo convértese, xunto cos compañeiros e compañeiras de aula, en peza crave para facer visible e reflexionar sobre as dificultades extraordinarias que afrontan estas mozas e mozos. Gabriela, falando de persoal educativo, admite que “entendo que eles tampouco poden decatarse de todo, pero poden tratar á clase en xeral mellor e eu xa estou a gusto”. E engade que “se hai respecto mutuo e bo ambiente, xa está... non pido máis”. Algo co que está de acordo Ihara, que comenta que se encontra moito máis a gusto na clase deste ano e que para ela “saber dar unha clase implica que ademais de explicar ben, che axuden e se tomen en serio as cousas”. 

O longo camiño cara á equidade


Desta maneira, combatendo as desigualdades que existen ante estas rapazas e rapaces, é necesario traballar con políticas de equidade. Nesta tarefa insistiu e seguirá insistindo o proxecto A Tribo, incluíndo reforzo escolar e obradoiros de educomunicación nos centros de ensino aos que asisten. Unha intervención integral deseñada polas ONGs galegas AGARESO e IGAXES, co apoio de Obra Social “La Caixa”, para fortalecer as capacidades das e dos mozos en risco de exclusión, tanto dende o ámbito educativo como o psicosocial. 

O proxecto parece que conseguindo os seus obxectivos. Ihara admite que “axudounos a expresarnos, a transmitir as nosas ideas á xente” , ao que Gabriela engade que “a min axudoume a traballar en equipo, a falar diante dunha cámara... son cousas ás que non estou habituada e que non farían antes por medo á xente, polo que me axudou un montón”.

Durante os últimos minutos de entrevista, Gabriela e Ihara comentan experiencias que están vivindo despois de expoñer o proxecto. “Dámonos conta de que a xente está vendo a campaña e non quedou en algo que se fixo e xa está, realmente si que se fixan e che preguntan sobre de que vai” comenta Gabriela. Ambas teñen as cousas claras, non dubidan en facer crítica e propoñen outras opcións que elas engadirían ás accións realizadas, como por exemplo, expoñer máis a campaña nas súas propias aulas. Estas presentacións nos seus centros de ensino engadiranse nas próximas datas ás xa realizadas o pasado 7 de xuño no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela ou o pasado 18 de setembro no Concello de Santiago. Ademais, afirman que elas mesmas se comprometen a desenvolver as presentacións do proxecto en cadansúas aulas. Non cabe dúbida de que A Tribo ten cada vez máis forza

Cinthya Martínez

Cinthya Martínez

Recentemente graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, Cinthya Martínez combina unha bolsa FEUGA co seu interese pola comunicación social. Despois de formarse a través de dous seminarios impartidos por AGARESO na súa andaina universitaria, agora mesmo segue aprendendo e mellorando como voluntaria da ONG.

Máis reportaxes en colaboración con AGARESO

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.