'Póutega'. Estreamos o novo videoclip de Trilitrate
Os vigueses Trilitrate andan a presentar o seu novo disco, Está de grelo, e hoxe estrean con VINTE o vídeo dunha das súas cancións, Póutega, composición de Pablo Rivero, quen colabora tamén poñendo a voz. «Na súa orixe ía ser instrumental e Pablo engadiulle esta extraordinaria e sombriza letra máis tarde. Pasar da guitarra ao oud e a idea do arranxo instrumental foi probablemente a faísca que prendeu a mecha da nosa creatividade para pechar a peza», explican.
«Para o vídeo realizamos unha gravación en directo en xaneiro de 2021, no Covil das Mouras, coa axuda tamén de Pablo e Adrián Riveiro no son, e con Lucía Estévez e Montse Piñeiro no vídeo. Tamén de Montse, a nosa visualista nos directos, son as animacións e a montaxe. A idea era tentar trasladar a atmosfera onírica que ten a letra á narración visual: no vídeo combínanse imaxes que se van creando en vivo con pequenas pezas que mostran espazos do propio Covil, ou liñas e manchas que aparecen sobre a imaxe gravada a modo de ánimas que seguen o ritmo, cada vez máis intenso, da música.»
«Póutega é o nome galego da Cytinus Hypocistis, unha planta parasita da contorna mediterránea que xera pequenas floriñas. Que incrible sorte temos de poder facer cousas así cun coloso como Pablo!»
Créditos
Música: Trilitrate
Voz e composición: Pablo Rivero
Vídeo: Montse Piñeiro, Lucía Estévez