"Fórmula". Presentamos en primicia o novo videoclip de Peña

Nos tempos da alta definición, o individual e as présas, Peña publican este vídeo repousado, colectivo e gravado cos seus teléfonos e os de moita xente achegada. O vídeo segue o espíritu da canción: un canto ás persoas, animais, cousas e actividades que amamos, cadaquén ao seu xeito. Así o define o vocalista, Toño:  «suponse que no tema hai un sentimento de compromiso e de pertenza a un proceso externo ou 'universal'. Sen apelar á relixión, si que quería destacar iso do compromiso emocional, a corresponsabilidade emocional, un punto de vista máis ben 'maduro' ou 'sosegado'». 

 

Peña é un proxecto conformado por Toño Magariños (diola, Unicornibot), Rubén Abad (Cró!, Trilitrate) e Elena Vázquez (Trilitrate). Estes tres músicos do sur de Galicia experimentan coas tradicións do pop, o folk e a música electrónica para perfilar un proxecto que xira en torno ao amor en todas as súas formas.

 

As súas cancións de moldes sinxelos e arranxos imposibles preséntanse nun EP de tres cancións que se distribúe en casete e que poderedes escoitar nas redes a partir do 17 de xullo.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.