Trilitrate. A gran viaxe transoceánica

Co seu último traballo, Trilitrate levan máis lonxe que nunca a súa perspectiva en cinemascope do folclore galego, o cal mesturan e reimaxinan baixo unha odisea de sons indios, pulsión contemporánea, inflexións avant-garde e toda clase de atmosfera feita coa ambición de achegarse a un obxectivo final: catalizar nun libro de estilo o rico universo do que fan uso en cada unha das súas composicións.

Baixo esta inquedanza xorden elepés como Está de grelo, terceiro dun grupo do que o solista e guitarra desta formación, Rubén Abad, explica os seus antecedentes: «Trilitrate xurdiu en 2012, diría que un pouco en torno a Elena [Vázquez, violín do grupo], que desempeñou o rol de fío unificador. Elena e Marcos [Padrón, acordeón] xa traballaban xuntos na orquestra de improvisación libre O.M.E.Ga. e eu coñecíaa do conservatorio. Tanto ela como Marcos e mais eu tiñamos ganas de facer algo novo a través dos nosos instrumentos acústicos; comezamos facendo impro libre e pouco a pouco fomos xerando material pechado. Desde o comezo da banda, xamais falamos de acoutar estilisticamente a nosa música. Resulta moi pracenteiro traballar en ideas moi distintas que xorden dende o clásico, o jazz, o folk, o metal, a electrónica, o flamenco, etc. Coa adición primeiro de Laura Iturralde e agora con Montse Piñeiro no aspecto visual cremos que Trilitrate é unha experiencia realmente insólita e ao mesmo tempo moi cercana».

© María José Pámpano

A experiencia en directo de Trillitrate é básica para entender o concepto do grupo. Neste sentido a importancia que ten Montse Piñeiro cobra especial importancia na estruturación musical do seu discurso, e ao revés. Tal como explica Rubén: «Un dos punto fortes de Trilitrate é o aspecto acústico. Creo que o ouvinte sente unha cercanía especial na música acústica, sen efectos, sen manipulación sonora, e sempre que se pode pois sen microfonía e amplificación, sen intermediarios, digamos. Toda esta formulación é extrapolable no aspecto visual: Montse non leva un ordenador e dálle a un play a un vídeo, trátase dunha experiencia que realiza en vivo, que sempre cambia de concerto a concerto, que é variable nas partes improvisadas dos temas, tes unha persoa diante que vai creando todo ese material visual que se amplía a través das pantallas. Creo que a parte sonora e a visual aliméntanse desa idea de proximidade, creo que incluso nos momentos mais disonantes, complicados ou tensos segue permanecendo unha sensación de familiaridade».

Nos seus albumes aprézase unha linealidade artística moi natural. Mais que significado ten para eles cada un destes pasos discográficos? «O primeiro disco, Faláchesme na man (2014), foi moi doado. Sen darnos conta xa tiñamos unha boa chea de temas para gravar. Foi froito de moita improvisación e experimentación, é un disco moi orgánico no que tivemos a participación de Xavier Núñez na composición dalgún tema tamén. No segundo disco, Frutal Death (2016), en cambio, comezamos a escribir moito máis e aumentou a complexidade dos temas, eu creo que foi un gran paso porque fixo que a música tornase máis orixinal, froito dun proceso creativo máis elaborado. Neste novo disco, Está de Grelo, creo que nos achegamos máis ca nunca a esa idea inalcanzable de lograr un equilibrio entre a morea de influencias que temos e soar coma se sempre escoitases algo así. Estamos moi contentos co resultado pero xa con ganas de ir un paso máis aló no seguinte».

© Montse Piñeiro

Está de grelo chegou a ser de interese para un selo tan interesante da vangarda musical en España como Gandula e tamén para o selo norteamericán Ropeadope. Só por pertencer a estas dúas grandes familias musicais da heterodoxia vangardista, o foco de interese amplíase tanto como a curiosidade de saber como chegaron a eles. «Pois Chegamos a Gandula a través de Edu Pou, batería de Za!. Xa o coñeciamos incluso dende antes da existencia de Trilitrate, e foi el quen se interesou na nosa música. A nós Gandula parécenos un dos selos mais interesantes de España, no que militan non soamente os grandiosos Za! senón tamén Big Ok ou Sara Fontán, que son dos nosos músicos favoritos do Estado. O caso de Ropeadope foi froito dunha busca concreta. Escudriñamos na web selos que editasen agrupacións de música audaz, imaxinativa ou diferente, por chamarlle dalgunha maneira, e sen pecharse a ningún estilo concreto, en realidade a lista non era moi longa. Ropeadope editou dous dos discos de Tin Hat, que é unha banda que admiramos moitísimo (case que a razón da existencia de Trilitrate), así que para nós é incrible formar parte dun selo que edita a Tin Hat e outros heroes coma Eddie Palmieri», explican.

«[Trilitrate] é o resultado natural de xuntar a catro persoas que non teñen ningunha clase de límite no que respecta á música. Que podemos escoitar dende flamenco dos anos 40 ata rap, Bach, Aphex Twin, Converge ou coros corsos e canto gutural de Mongolia.»

Non cabe dúbida que en Está de grelo Trilitrate chegan a renovados portos de conexión transoceánica musical. Neste sentido, hai dous temas tan significativos da súa amplitude de miras como “Samizdat” e “Joan Carga”, que simbolizan o seu actual estado de curiosidade. «“Samizdat” foi outro achegamento a través das nosas ferramentas acústicas ao metal (xa o fixéramos con “Frutal Death”). Realmente quixemos facer algo similar ao que fan Inhumankind, dúo barcelonés de contrabaixo e frauta traveseira que fan black metal (recoméndoos moitísimo). As pasaxes cantadas do tema teñen texto en latín extraído do libro das revelacións do Novo Testamento. Creo que o resultado foi coma unha mestura entre canto gregoriano, folk nórdico, metal e improvisación libre. É un dos temas mais divertidos de tocar pero recoñezo que tamén un dos máis densos», conta Rubén, que engade que «“Joan Carga” é probablemente o meu tema favorito do disco. Trátase dunha auténtica montaña rusa de emocións, con mais de seis minutos de duración e unha harmonía que semella moi impresionista. Diría que resume moi ben a esencia do disco. A mini letra que se repite un par de veces no tema fai referencia a unha frase que sempre dicía o meu pai e que entendín mal durante anos e anos, sempre a dixen mal porque a entendera mal (risas). E moi parvo pero faime graza, é unha bonita lembranza».

Neste traballo Rubén e os seus conseguen irmandar frontes estilísticas e temporais moi diversas. Neste sentido, percíbese unha intención máis marcada que nunca por romper barreiras. O cal «é o resultado natural de xuntar a catro persoas que non teñen ningunha clase de límite no que respecta á música. Que podemos escoitar dende flamenco dos anos 40 ata rap, Bach, Aphex Twin, Converge ou coros corsos e canto gutural de Mongolia. Creo que a maior limitación son as nosas ferramentas, os nosos instrumentos. Resulta moi doado escoitar unha guitarra española, un violín e un acordeón e pensar en tango, en jazz manuche, en música klezmer, en folk. Todo iso está xenial pero nós pretendemos chegar mais aló».

Mentres definen as súas ambicións artísticas, as portas do seu futuro ábrense máis ca nunca: «Estamos a pechar moitos concertos, temos unha minixira en Francia na que presentaremos, á parte do novo disco, unha banda sonora que fixemos para un documental de producción gala. Despois de verán publicaranse dous discos nos que participamos como arreglistas e executantes, un co gran Fajardo e o outro co titán Capitán Bazofia. Así que esperamos estar ocupados durante un tempo antes de comezar a pensar nunha nova aventura discográfica».  

Marcos Blanco Gendre

Marcos Blanco Gendre

Xornalista anti postureos, non son "the voice of my generation"… nin gañas que teño.

Tamén che interesa

  • 'Póutega'. Estreamos o novo videoclip de Trilitrate

    Os vigueses Trilitrate andan a presentar o seu novo disco, Está de grelo, e hoxe estrean con VINTE o vídeo dunha das súas cancións, Póutega, composición de Pablo Rivero, quen colabora tamén poñendo a voz. «Na súa orixe ía ser instrumental e Pablo engadiulle esta extraordinaria e sombriza letra máis tarde. Pasar da guitarra ao oud e a idea do arranxo instrumental foi probablemente a faísca que prendeu a mecha da nosa creatividade para pechar a peza», explican. «Póutega é o nome galego da Cytinus Hypocistis, unha planta parasita da contorna mediterránea que xera pequenas floriñas. Que incrible sorte temos de poder facer cousas así cun coloso como Pablo!»

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.