'Non pare a festa'. A nova canción sobre o entroido d'Os Amigos dos Músicos

Adiantamos en exclusiva a nova canción que Os Amigos dos Músicos lanzarán o vindeiro xoves para acompañar o novo libro sobre o entroido de Ramón Veiga e David Sierra, 'Non pare a festa', editado por Xerais e que sae á venda o 21 de xaneiro. O libro, enfocado ao público infantil, é unha continuación de 'É tempo de entroido' (Xerais, 2018), onde a música a puxera Isabel Fdez. Reviriego (Aries). Desta volta, Os Amigos dos Músicos son os encargados de facer cantar a pequenas e pequenos con mentres van descubrindo os debuxos de David Sierra. 

 

A canción é un percorrido polos diferentes personaxes e lugares do entroido galego. A letra de Ramón Veiga vai presentando unha comitiva na que o boteiro, a madama ou o chocalleiro se xuntan co boi, a gárgola ou a marela para festexar o final do inverno e o comezo da primavera. Unha viaxe polo entroiro de Riós, Boborás, Viana, Celanova, Esgos, A Veiga ou Buxán na que as crianzas se poderán mergullar no universo do carnaval galego, nun ano que fará moi difícil que se poida celebrar nas condicións habituais.
 

Créditos

A canción foi gravada o pasado verán nos estudios A Ponte dos Concertos xunto a Tomás Ageitos e masterizada en Ultramarinos por Victor Garcia. A letra é de Ramón D. Veiga e a música compuxérona Os Amigos dos Músicos. A voz é a de Daniel Alonso. O vídeo está realizado por Siradella Films a partir das ilustracións de David Sierra. 

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.