Miudiño Sessions: Chicharrón

Chega unha nova entrega das Miudiño Sessions, desta volta con Chicharrón na compaña de Rosalía Fernández Rial nunha localización que resultou ser ben especial, a galería de arte de Manolo Eirín en Carballo.

 

Baixo a lánguida ollada de Lois Pereiro retratado por Vari Caramés e arrodeadxs polas pezas dunha exposición perfectamente acaída, artellada en torno ao conflito, atoparon sen buscalo un espazo cunha acústica espectacular. Unha reverb natural que deu perfecto abrigo á manchea de emoción, maxia e intensidade dos tres temas que interpretaron. Unha das cancións é precisamente "A vitoria", unha peza nova e inédita e que verá a luz nas vindeiras semanas nun split single en 7" compartido coa banda lucense-valenciana A Veces Ciclón da man do selo Acuarela Discos. Un magnífico petisco do que poderemos desfrutar esta semana no seu concerto deste venres 16 no Playa Club da Coruña no seo do Tandem Festival.

Créditos

Seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque, os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana ou os pioneiros acústicos da MTV dos 90s, A Regueifa 2.0 estrea as Miudiño Sessions, unha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegxs en formato mínimo gravados en localizacións singulares.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.