'De Córgomo a Fair Oaks'. Raúl Diz (Os amigos dos músicos) musica poemas de Florencio Delgado Gurriarán

Raúl Diz (Xinzo de Limia, 1981) a quen coñecemos por ser segunda voz e guitarra do grupo Os amigos dos músicos, lanza un EP con cinco cancións nas que lle pon música a cinco poemas de Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, 1903 – Fair Oaks, 1987), autor ao que se lle dedica neste 2022 o Día das Letras Galegas. 'De Córgomo a Fair Oaks' é o título baixo o que se presentan unhas cancións que viaxan, como fixo o poeta, dende terras galegas ata América. "Ao reiseñor", a canción que abre o álbum, é un poema de 1923 que permaneceu inédito ata 1999. Os outros catro poemas adaptados: "Liorta", "Miudezas". "Matanza", "Dores do agro" e "Aí vén o maio", pertencen á obra 'Bebedeira', publicada pola Editorial Nós en 1934. O álbum está editado por Todomedre e forma parte do catálogo da plataforma de difusión cultural galega A Regueifa 2.0.

 

«O traballo sobre os poemas comezou como un proxecto para o colexio», conta Raúl Diz, que ademais de músico e compositor exerce de mestre no ensino público. «O que quería era ter unha canción por nivel educativo, de maneira que o alumnado puidese aprender, interpretar e xogar un pouco cos poemas mediante a música. Como proxecto final está a idea de montar un pequeno festival no que os diferentes grupos mostren as súas interpretacións das cancións».  

 

Raúl gravou as cancións na súa casa, nun período de dous días, o que completou un proceso de tres semanas nos que compuxo, arranxou, gravou e mesturou as cancións. Nese proceso sentiu preto ao seu amigo Jaime Mateo, fundador d’Os Amigos dos Músicos e ideólogo de Todomedre, o artefacto cultural baixo o que se publica De Córgomo a Fair Oaks. Jaime, falecido o pasado decembro, foi durante moitos anos un compañeiro inseparable para Raúl; os dous xuntos gravaron infinidade de cancións, algunhas coñecidas e outras, a maioría, inéditas e que forman parte dunha historia compartida e a maior das amizades.

 

Raúl Diz canta e toca todos os instrumentos que se escoitan nestas cancións, pero dende o primeiro momento recibiu o apoio do resto d’Os Amigos dos Músicos: «En canto lles mostrei as cancións, primeiro tocándollelas e despois xa as primeiras gravacións, animáronme moito para que as editase e insistíronme en que non se podían quedar soamente no ámbito do colexio.» Nese momento tamén resultou importante o interese de Noel Feáns, impulsor d’A Regueifa 2.0, que se involucrou tamén no deseño da portada do álbum. Raúl sinala que «tiña dúbidas polo pouco tempo do que dispuña, pois era importante que as cancións se publicasen antes do Día das Letras Galegas, pero ao final conseguímolo.» Aí foi determinante a colaboración de Tomás Ageitos, quen nun tempo récord (en palabras do xefe d’A Ponte dos Concertos, “pódese facer mellor, máis rápido non, Jose”) masterizou as cancións para a súa publicación dixital.

Créditos

Liorta: unha especie de valse no que o pobre ourizo recibe resignado os golpes do vento. 

 

A canción vai acompañada dun vídeo clip que montou Daniel Alonso a partir dunha vella curtametraxe de debuxos animados de acceso libre.

Tamén che interesa

  • Vinte almorzando cos Amigos dos Músicos

    VINTE colabora con Deleite para coñecer e compartir o talento de algúns dos músicos máis interesantes que agroman no panorama galego. Nesta ocasión estivemos almorzando en Ourense con Os Amigos dos Músicos, a quen poderedes ver este verán xirando polo país.

  • A fermosa panxoliña que gravaron Os amigos dos músicos en 2017

    O 2021 despídese coa triste nova do pasamento repentino de Xaime Mateo, vocalista e batería d’Os amigos dos músicos, a banda ourensá que nos trouxo as máis fermosas e melancólicas cancións en galego dos últimos anos. Coa súa sensibilidade pop que remite a certo folk americano, teñen composto e interpretado máis dunha panxoliña por estas datas. Compartimos hoxe esta ‘Panxoliña do poeta’, con moita saudade e agarimo para Os amigos dos músicos e toda a familia do pop galego. Bo Nadal, e todo medre. 

  • 'Non pare a festa'. A nova canción sobre o entroido d'Os Amigos dos Músicos

    Adiantamos en exclusiva a nova canción que Os Amigos dos Músicos lanzarán o vindeiro xoves para acompañar o novo libro sobre o entroido de Ramón Veiga e David Sierra, 'Non pare a festa', editado por Xerais e que sae á venda o 21 de xaneiro. O libro, enfocado ao público infantil, é unha continuación de 'É tempo de entroido' (Xerais, 2018), onde a música a puxera Isabel Fdez. Reviriego (Aries). Desta volta, Os Amigos dos Músicos son os encargados de facer cantar a pequenas e pequenos con mentres van descubrindo os debuxos de David Sierra. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.