Podcast

Café Derby 21. Belén Puime, Pringadas e namorar no autobús 15

O amor aparece, como din aquelas que o teñen, nos lugares máis inesperados. Nos filmes así o amosan, dá igual que agardes por el ou non. O amor chegará onde e cando menos penses que está. Pode que apareza, inclusive, no autobús urbano liña 15 de Santiago de Compostela, o bus das universidades.

 

Con iso fantaseaba Belén Puime, creadora da serie Pringadas e Carballo Interplay baby, cando ía polas mañás a clase. Procuraba entre os asentos ao seu futuro namorado. Porque iso tamén é vida universitaria. Xunto a ela falamos da súa serie, de mulleres creadoras, diso que é a universidade e o que supón ou da Xeración Z e a súa representación.

 

Tamén aproveitamos o décimo aniversario de Girls para analizar o seu impacto en nós e na sociedade, para falar de como a xente moza debe monetizar a súa creación ou do deserto en Galicia para xerar contido fóra do estándar e para a Xen Z.

Créditos

O Café Derby é unha sobremesa cultural e virtual. Con Nicolás Carreira, Carme Domínguez, Adrián Lede e un convidado ou convidada cada semana. 

 

Co patrocinio de PuntoGal e Deleite.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.