CLO PLAS - Ao vivo na Gentalha do Pichel

O 14 de maio CLO PLAS presentáronse en concerto na "festa do 17 que se celebra o 14" da Gentalha do Pichel en Compostela. O director de fotografía e cineasta documental Juan Meseguer gravouno nun plano-fixo-secuencia ben poderoso, no que podemos ver a Berio Molina e Xiana Arias performando o seu novo proxecto musical. Así se presenta CLO PLAS desde A Regueifa 2.0:

 

O primeiro traballo de CLO PLAS evidencia a fascinación polo imaxinario libertador de The Last Poets mais o discurso do dúo da Fonsagrada vai máis alá e percorre camiños inéditos que entroncan con pólas tan diversas da cultura galega coma os relato etnobiográficos dos Retrincos de Castelao, o militante vangardismo feito-na-casa da música de Apeiron ou os azos rachadores dos primeiros Resentidos. Nos miúdos estalotes narrativos do adictivo rap lo-fi minimalista que facturan Xiana Arias e Berio Molina (ao que el*s chaman ba-fi) hai espazo para a poesía, o costumismo, a metafisica, o etnográfico e mesmo a carallada, conformando unha proposta radical -no ético mais tenra no estético- inzada de retrousos de instintiva vocación popeira.  

Créditos

Cámara: Juan Meseguer

 

Producido por A Regueifa Plataforma e Urdime

Tamén che interesa

  • Estreamos 'Nosa señora', vídeo do álbum co que debuta Breogán Xague

    O pintor e escultor Breogán Xague (Vigo, 1999) sorpréndenos cun album de debut que non é sinxelo de etiquetar pola súa querencia pola experimentación máis brava. Pode ser que se fechásemos nun local de ensaio a Aphex Twin, a Dj Shadow, ao Hevi e, como non, a Emilio José saise unha proposta semellante a este XAGUE1, o primeiro disco dunha triloxía sobre a emigración no que “a voz que fala volve á súa terra sabendo que vai volver marchar”.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.