A Regueifa presenta 'Cartografías: un mapa videopoético' de Theresa P. Lousame
A realidade dunha pandemia foi detonante e pretexto perfecto para que Theresa P. Lousame se armara con papel e cinta, xestando nun intervalo de dous anos catro pezas de videopoesía que agora apresenta en forma de "libro", unha antoloxía que ve a luz ao abeiro de A Regueifa Plataforma 2.0 baixo o título de "Cartografías: mapa videopoético".
Cunha estética próxima ao documental ou ensaio doméstico, e servíndose de recursos cotiás da vida no rural e os espazos (físicos e emocionais) que habita, autoproduce unha serie de obras breves que mesturan escrita, imaxe e son nun exercicio de exploración persoal a modo terapéutico.
No moi persoal itinerario que a barbanzá transita vai debullando unha viaxe fiada por conceptos como a memoria, as ausencias, a nostalxia crónica, a reincidencia necesaria dos erros, a procura dunha mesma e tamén a esperanza que resiste o curso da vida. En conxunto, estas videocreacións poden entenderse coma un mapa, un trazado natural e íntimo que a creadora vai definindo para poder atoparse. Así xorden as “Cartografías”.
Créditos
Theresa P. Lousame – Cartografías: mapa videopoético (2022, VP)
- A casa vella (inverno, 2020) - Pampillo (primavera, 2020)
- Apnea (verán, 2020)
- Senseno (outono, 2021)
Publicado ao abeiro de A Regueifa Plataforma.
Theresa P. Lousame (Lousame, 1994) é graduadda en Comunicación Audiovisual e alén da súa faceta coma videocreadora, artista visual e poeta xestiona a súa propia tenda de arte miúda, Pampillo Store, onde abrolla salvaxe o seu moi persoal universo creativo.