Unha ducia de agasallos polo día dos namorados

VINTE

Non, nós tampouco cremos no amor romántico. Si, si que pensamos que o 14 de febreiro é unha parvada e unha excusa para vender cousas. En todo caso aquí tamén aproveitamos a parvada como excusa para volver recomendar uns cantos produtos locais que podes agasallar por San Valentín, xa de quererlle mercar un detalle á persoa que amas. Ou persoas. Que o poliamor está moi ben pero nestas datas pode que saia algo caro. 

Non, nós tampouco cremos no amor romántico. Si, si que pensamos que o 14 de febreiro é unha parvada e unha excusa para vender cousas. En todo caso aquí tamén aproveitamos a parvada como excusa para volver recomendar uns cantos produtos locais que podes agasallar por San Valentín, xa de quererlle mercar un detalle á persoa que amas. Ou persoas. Que o poliamor está moi ben pero nestas datas pode que saia algo caro. 

  • 01

    Chocolates Carmiña

    Se hai unha emoción máis poderosa que o amor esa é a nostalxia. Pensando nalgo tan básico como agasallar bombóns, os primeiros que nos viñeron á cabeza foron os Chocolates Carmiña, que durante décadas se elaboraron nunha pequena fábrica do centro de Lugo. E cando atopamos á venda esta lata de bombóns non nos puidemos resistir. Mentres se sigan comercializando, Carmiña seguirá nos nosos corazóns. Mercar

  • 02

    Licor do Dr. Zas

    Non tardou nin dous agasallos en aparecer o concepto ‘picante’ para esta data sinalada. O licor do Dr. Zas fabrícase e véndese desde Sarandón (Vedra) a supermercados de todo o país, cun orixinal marketing que conta a historia dunha suposta receita tradicional feita a base de pementos de Padron “dos que sempre pican”, trasladada a través dos séculos neste licor que, segundo contan os seus fabricantes, “á boca é irresistible, divertida e sen complexos". Sen dúbida non che deixará indiferente a sensación picante, orixinal e atrevida”. Ver.

  • 03

    Crema hidratante Sálvora

    Non entramos en se é de mal gusto regalar unha crema anti-idade á túa parella, pero o certo é que a cosmética, como produto non barato que é, é unha opción para agasallar, e máis se é un produto tan especial coma estas cremas da marca Sálvora Cosmetics con efecto antioxidante, hidratante e anti-idade feitas con algas das Illas Atlánticas, de maneira natural, ecolóxica e sustentable. Ver

  • 04

    ám@me. Pensar o amor no século XXI

    Chis Oliveira e Amada Traba son dúas das expertas que máis e mellor teñen traballado en Galicia as cuestións da sexualidade e a educación emocional na mocidade no noso país, a necesidade de reflexionar arredor das relacións amorosas e a aprendizaxe do amor. Porque a amar apréndese, din as autoras, nun libro imprescindible que disecciona o amor romántico e o concepto de “normalidade” no que ao sexo e o amor se refire. Para agasallar a parellas, a fillos, a sobriñas, a amigos, a nais… Mercar.

  • 05

    Pendentes do desamor

    Tamén é bo día para reivindicar a ausencia de amor. Non querer a alguén e telo claro é un avance na vida e estes pendentes da firma viguesa Bimba & Lola non poden ser máis elocuentes. Inspíranse no desamor e homenaxean o ano novo chinés porque entre ti e mais eu un porco rosa é para sempre, ou para nunca. Mercar.

  • 06

    Calzóns de folla de carballo

    Roupa interior sexy. Outro clásico. Haberá a quen lle parezan sexys estes gallumbos de folla de Carballo?  De todo hai nesta vida con tal de facer país, e estes son os menos horteras que atopamos. Ollo que no catálogo de Nikis o produto chámase "Calzón Follas". Acabamos de caer en que gual aí está a graza. Mercar.

  • 07

    Pixama vermello

    Na tenda online doutra empresa da zona sur, a porriñesa Selmark, teñen por suposto varias ofertas por San Valentín de lencería con moitísimo encaixe e con pinta de ser moi cómoda. Nós inclinámonos máis polos pixamas, que a estas alturas do inverno aínda quedan varias nevaradas e tendo un bo pixama de raso e manga longa quen quere un picardías. Mercar

  • 08

    Suadoiro vermello do CD Lugo

    Máis avío aínda nos fai este suadoiro que teñen estes días de oferta por San Valentín na tenda online do Club Deportivo Lugo. Se queres que o teu mozo luza como un futbolista e estea quentiño como se tivese que adestrar unha mañá de xaneiro no Anxo Carro, este agasallo é todo un acto de amor especialmente dirixido a seareiros albivermellos. Mercar.

  • 09

    Conserva de lamprea

    Estamos no tempo da lamprea, un manxar que levanta paixóns: ou o amas ou o odias. Se estás empezando cun novo amante e queres poñer a proba o seu amor, ou a súa sinceridade, podes levalo a calquera dos bos restaurantes que a preparan no Ulla ou no Baixo Miño. Ou probar con estas conservas gourmet, que son algo menos pesadas para unha cea romántica. Mercar.

  • 10

    Dillo con grelos

    E xa que comeza a temporada, algo máis barato e menos arriscado que a lamprea: os grelos, cimos ou cimós son un clásico atemporal e son o máis honesto acto de amor que unha persoa che pode facer chegar en forma de ramo, mañuzo, mando, brazada… podes poñerlles un lazo ou unha tarxeta na que declares o teu amor, pero non é preciso moito máis, tal como proclamaban en 2004 os Aduaneiros Sem Fronteiras con esta imaxe. Tes grelos á venda nas prazas de abastos, nas feiras que organizan na Pontes ou en Monfero, e tamén ao pé da estrada N-550. 

  • 11

    Todo isto antes era noite

    Lucía Aldao podería escribir os versos máis tristes esta noite pero non o fai porque é Lucía Aldao e non Pablo Neruda, e menos mal. Os mellores poemas de amor posibles fan deste seu primeiro libro, editado por Apiario, un dos mellores agasallos posibles. Mercar.

    Querer así

    parécese bastante a alguén que ama máis a alguén por como pronuncia o «s»

    ou a alguén que amaría máis a alguén

    se non fixese un círculo en vez dun punto enriba da letra «i».

  • 12

    Bachata do país

    Precisaba a lingua galega chegar a todos os estilos musicais, incluído o que popularizou por aquí Romeo Santos?  Falta o que se di falta tampouco facía, pero por se acaso xa temos aquí a bachata do país, interpretada por Los jinetes del trópico. Contan que namoraron dunha pulpeira, pois sendo en galego non ían namorar dunha anestesista ou dunha azafata de congresos. O 14 de febreiro estrean o videoclip desta canción, que se suma a un repertorio de máis ritmos latinos urbanos na nosa lingua, como Cadeleo, un reggaetón con gaitas. Podes regalarlle á túa parella unha entrada para algún dos próximos concertos que darán no Carballiño, en Vigo, en Ourense, en Carballo ou en Pontevedra.  Ver.

Tamén podes agasallar

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.