
8 nomes da música urbana en Galicia que veremos no ‘Sanfroidance’
O San Froilán non é só unha cita co polbo, as gaitas pola rúa dos viños, as encantadoras xentes luguesas e unha chea de concertos gratis para máis ou menos todos os gustos. Tamén é, desde hai uns anos, escaparate da mellor música urbana, negra e electrónica grazas ao Sanfroidance, que este ano por primeira vez compuxo todo o cartel con artistas galegos. Pero hai tantos galegos facendo música deste tipo como para encher un festival? Hainos, tamén en bandas de fóra, e teñen moitos seguidores aínda que o mainstream adoite ignoralos. Aquí chos presentamos.
O San Froilán non é só unha cita co polbo, as gaitas pola rúa dos viños, as encantadoras xentes luguesas e unha chea de concertos gratis para máis ou menos todos os gustos. Tamén é, desde hai uns anos, escaparate da mellor música urbana, negra e electrónica grazas ao Sanfroidance, que este ano por primeira vez compuxo todo o cartel con artistas galegos. Pero hai tantos galegos facendo música deste tipo como para encher un festival? Hainos, tamén en bandas de fóra, e teñen moitos seguidores aínda que o mainstream adoite ignoralos. Aquí chos presentamos.
- 01
Rendi Nue
Rendi Nue é unha rapeira e compositora que reside en Santiago de Compostela. Dende moi nova interésase por estilos musicais coma o rap, triphop, neosoul ou reggae-dub, centrando o seu estilo na música urbana. Comezou a encher cadernos compoñendo raps e combinando outros estilos musicais coma a electrónica. Formou parte como vocalista do grupo de rap-metal La Suite F e desde o 2013 leva adiante a súa carreira en solitario, cun primeiro EP titulado Zero, gravado en La Sombra del Humo Estudio (Lugo) e mesturado e masterizado por KAOS. En 2015 publicou o seu primeiro LP Shiva e en 2018 Atmósfera, un novo EP con ritmos atmosféricos e envolventes, respaldados polo produtor Bleis do selo Creo en mí (Moaña). Outros singles lanzados en 2018 e 2019 son “Déjalo”, “Golpes” e “Bye Bye”, onde se respiran diversos estilos da electrónica.
- 02
Marvin L
Marvin L xoga na casa. O artista lugués leva en activo desde 2006. Tras formar grupo con Ouro e publicar traballos como Rap Daniels (2012) ou Inventio (2013), no ano 2017 lanza a súa primeira referencia en solitario co LP Rashida baixo o selo Fume Records e a produción de La Sombra del Humo.
- 03
Erin
Nacido en Santiago de Compostela no 1988, Erin é un artista de rap, raggamuffin e dancehall e integrante do grupo Comando Katana e o colectivo La Utopia del Norte, Desde hai xa uns cantos anos presenta a súa música en directo en festivais, clubes e festas por toda Europa. Compartíu escenario con alguns dos artistas internacionais máis destacados neste momento como B-Real (Cypress Hill) ou XZBIT, e españois coma o gran Kase O.
- 04
FonKid
FonKid é o patrón de Under The Ball, promotora e programa de radio no que se venera o xénero Disco. Este selector adora a música Disco no seu aspecto máis puro sen descoidar as edicións actuais dos clásicos discoides e tentando nos seus conxuntos acomodar a Italo e Cosmic, sempre cavilando nos segredos da década onde as bólas de espellos dominaron o mundo para facer dos bailes unha mestura de hedonismo e danza salvaxe.
- 05
Bush Doctors
Dos máis veteranos da xornada, Bush Doctors son toda unha institución do reggae en Galicia. A banda fundouse na Coruña no 94 seu recoñecemento chegaría un ano máis tarde coa súa participación no The Bright Miracle Show. Na súa longa traxectoria compartiron escenario con artistas ou bandas internacionais como Burning Spear, Rita Marley, Sista Carol, Hijas del Sol, Alpha Blondy, Culture, Laurel Aitken, Linval Thompson e Julian Marley entre outros.
- 06
Mandruka
Mandruka foi a banda de electrofunk gañadora do primeiro premio de música negra dos respectados Enlace Funk. Mesturan influencias dos oitenta do xénero Prince, Zapp con sons actuais na onda de grupos como Chromeo, Tuxedo o DamFunk. Os temas están producidos por Al Pachyño e as letras compostas por Blanquito Smith. Nas súas cancións mesturan caixas de ritmos con baixos sintetizados, talk box, solos de sintetizadores e de guitarra; todo isto combinado con letras hedonistas e intimistas. Esta mestura resulta ideal para incitar ao baile e facer de cada concerto unha festa única.
- 07
Dj Limbo
Dj Limbo comeza a súa andaina cos vinilos a mediados dos anos 90. Daquela a cidade de Vigo empeza a integrar o hiphop nos clubes de música de culto. Destaca traballando como dj dos grupos DrumDrama, Rack Eterno, Pillo Astuto ou Woyza entre outr@s, a vez de traballar como dj de batallas de break dance e e de MCs, e como DJ session de calquera nos clubes máis reconocidos de música negra en Galicia e outras localidades. Un old school de moito nivel.
- 08
GAMA Djs
Tras moitos anos na música, Mister O decide crear un proxecto audiovisual xunto con Mister T, momento único que persegue o obxectivo de demostrar que a arte do turntablism, a música freestyle e as artes visuais poden mesturarse nun mesmo show, e que teñen aínda moito percorrido no noso país. Estes dous artistas xúntanse agora nun novo proxecto chamado GAMA: siglas das súas respectivas procedencias, Galicia e Madrid, e tamén símbolo da unión dos seus gustos musicais similares. Despois de ter actuado xuntos en varias ocasións decatáronse de que compartían moitas cousas e iso levounos a montar esta formación audiovisual.