A quinta edición de ‘Escenas do cambio’ acontece do 7 ao 16 de febreiro en Santiago de Compostela. O festival de inverno de teatro, danza e arte proxecta desde o Gaiás outra vez unha maneira diferente de entender a escena. O abraiante das súas propostas é un segredo que cada vez máis xente coñece así que correde, que as entradas voan.
Escenas do cambio estase a consolidar como unha das citas máis estimulantes e imperdibles da axenda escénica a nivel estatal. A súa aposta por ser un festival diferente nótase nas propias palabras do seu director artístico Pablo Fidalgo: “Rachamos, cada vez máis, coa noción de escena pechada, coa idea do teatro e da danza. (…) Concentrámonos nun formato cada vez máis performativo, de cubo branco e de museo. (…) Teatro pobre, poesía radical”.
Seguindo esta liña, para este ano o festival contará coa presencia de dúas das máximas figuras da vangarda española, os dous Premio Nacional de Artes Plásticas de España. Trátase de Esther Ferrer e Isidoro Valcárcel Medina, que a pesar de seren os dous octoxenarios, continúan na actualidade como referentes na arte plástica española.
Dentro da programación tamén haberá espazo para propostas galegas. Neste caso a da nova compañía A Quinta do Cuadrante, de Melania Cruz e Tito Asorey, con O empapelado amarelo. Esta peza parte do relato autobiográfico de 1891 da escritora Charlotte Perkins Gilman. O empapelado amarelo está considerada unha obra fundamental da literatura feminista e conta como era a actitude do heteropatriarcado cara ás mulleres e cara á súa saúde no século XIX.
Neste relato a autora fala das desastrosas consecuencias dun tratamento médico que lle fora receitado pola depresión que tivo ao nacer a súa filla. O tratamento consistía en eliminar a actividade intelectual e creativa, un encerro no seu fogar, que acabaría converténdose nun cárcere para ela, e a obediencia total ao seu marido. Co transcurso da historia vemos o descenso aos infernos e á loucura da protagonista.
A Quinta do Cuadrante escolleron este relato para a creación dun espectáculo que reflexiona sobre a necesidade de continuar, case 150 anos despois, coa loita pola liberdade e a defensa da creatividade como elementos para a construción dunha personalidade completa. Melania Cruz, como actriz, desenvolve nunha peza de 60 minutos de duración unha interpretación moi física, onde a palabra, a iluminación e o son moi importantes. Á dirección está Tito Asorey. E na imaxe e como axudante de dirección temos a Lucía Estévez, de quen xa temos falado en VINTE.
Completan a presenza galega neste Escenas do cambio A casa vella, novo proxecto de Nuria Sotelo e Cris Sánchez; A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez, de Celso Fernández Sanmartín e O inevitable do Colectivo Marciano Balboa (Diego Anido e Borja Fernández).
Pola parte galega taméns se presentan novas creacións como A casa vella, onde Nuria Sotelo, Rubén Vilanova, Cris Vilariño e Caterina Varela comparten o proceso de creación dun espazo de creación e acción social en Amiadoso, Allariz. Ou A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez, arredor da que Celso Fernández Sanmartín constrúe un relato que tamén o trasladou a papel coa editorial Apiario. O inevitable é a carta de presentación do Colectivo Marciano Balboa, composto polos actores Diego Anido e Borja Fernández, a música de Pablo Rega e a composición visual de Laura Iturralde. E, tal como explican, é “unha acumulación de escenas baseadas nos efectos secundarios da fe católica, os remakes turcos de Rambo e os momentos máis íntimos da vida dun lobo solitario chamado Antonio, un tipo que fai miragres.
A disidencia, que xa fora a idea central de Escenas do Cambio no ano 2018, volve ser o eixo desta edición. Así como O empapelado amarelo, no programa hai pezas que dunha ou outra maneira foxen do convencional. Temos obras con persoas xordas e oíntes en Os voy a contar mi vida de Esther Ferrer, con adolescentes en Gatillo da felicidade (Trigger of happiness) de Ana Borralho e João Galante, e con nenos e nenas en Ifeel4 de Marco Berrettini. Nesta última Berrettini contará coa axuda do coro infantil de Estudio Escola de Música de Santiago de Compostela, para rememorar nesta peza as súas raíces como campión alemán de baile disco en 1978.
No festival tamén haberá pezas históricas da danza e do teatro como os Tres solos de Vera Mantero ou Sans titre de Tino Sehgal. MDLSX, de Motus ou Minor Matter de Ligia Lewis, son obras que profundarán nunha visión feminista da realidade actual. Así como Jinete Último Reino, María Salgado e MM Cabeza de Vaca, a proposta poética e performativa que se presenta este mesmo venres 8 e que, segundo expresa o programa de Escenas do cambio, “son unha explosión de linguaxe e son, un traballo único que se cruza con voces como a de María Arnal ou Rosalía, un canto suave e duro, unha forma de estar e dicir o mundo que vén, e que non se parece a nada”. Unha ocasión única para ver esta parella músico-poética en Galicia.
A actividade de Escenas do Cambio centrarase na Cidade da Cultura, utilizando como escenarios o Museo Centro Gaiás e a Biblioteca e Arquivo de Galicia. Pero tamén na propia cidade de Santiago haberá programación, en concreto no Teatro Principal, no Museo do Pobo Galego e no Salón Teatro. Pode consultarse toda a información na súa web.