A aclamada serie estadounidense de animación ten unha versión en galego grazas a unha comunidade de internet que dobra os capítulos de xeito altruísta.
Rick é un científico alcólico e tolo. Morty é o seu neto. E Rick e Morty é a serie de animación que conta as aventuras intergalácticas que lles van acontecendo. Emítese na canle estadounidense de animación para adultos Adult Swim, e en España pode verse en TNT e en Netflix. Como sucede con moitas series de éxito, sobre todo coas máis recentes, non existe unha versión en galego. A Televisión de Galicia leva desde hai anos instalada nunha política de redución de dobraxes ao noso idioma en todos os ámbitos. O número de series e películas dobradas ao galego descendeu moito, tal e como denuncian desde hai anos os profesionais da dobraxe. E no sector da animación a cousa non mellora, os contidos en galego son cada vez menos, e xa quedan moi lonxe os tempos de gloria do Xabarín Club.
Neste contexto é onde xorde a iniciativa de tres rapaces de Lugo: Guille, Fran e Samu. Os tres pola volta dos 25 anos, e os tres moi fans das dobraxes en galego de sempre. “As Bolas Máxicas e todo o Xabarín Club de aquela época, películas malas de Steven Seagal ou algunhas como Pulp Fiction, son referencias para nós”, comenta Guille.
Ademais deles tres, contan cun grupo grande de amigos que fan o resto de personaxes secundarios. En total son 15 persoas involucradas na dobraxe que se van organizando para ir completando os capítulos. A idea de empezar con Rick e Morty xurdiu de festa. “Fran fixo unha broma poñendo a voz de Morty e todos os presentes empezamos a rir. Decidimos entón gravar unha carallada coa voz de Morty e a bola foi medrando ata hoxe”.
A idea inicial era facer un capitulo só pero, como eles recoñecen, a cousa fóiselles das mans. E iso que ningún tiña experiencia previa na dobraxe. Para Guille adaptar a serie á nosa realidade social é un dos alicientes do traballo que fan. “Intentamos manter o rigor do capítulo pero inventámonos moitas movidas, sen perder o tema. Por exemplo se falan na serie dun presentador americano nós falamos de Gayoso. Ou se falan do FBI, nós da Xunta”. De feito VINTE aparece xa na boca de Rick e Morty.
Tal e como era previsible tiveron moitos problemas coa propiedade intelectual. Botáronos de canta plataforma hai, a primeira de todas foi Youtube. E así, foron saltando dun sitio en outro, ata que conseguiron certa estabilidade en Mega. Teñen un blog ao que van enlazando os vídeos, chámase PIROLA, que vén sendo Producións Indecentes Relativamente Ofensivas no Límite do Absurdo. Aquí van poñendo todo o que fan, de feito xa están probando con Deadpool e Batman, pero o lugar que aglutina todo o de Rick e Morty é a súa páxina de Facebook, Rick e Morty en galego, que anda xa polos 1000 seguidores.
Un detalle moi interesante destes rapaces é que non son todos galegofalantes, e que se fan isto é porque lles gusta o idioma e como queda nas series e nas películas. Ademais moitas veces o galego de Lugo acaba saíndolles de xeito natural nas dobraxes, e non é difícil escoitar un “naide” na voz de Rick ou un “irmao” na de Morty. Así que, mentres a Televisión de Galicia non faga nada por remedialo, Rick e Morty en galego seguirá sendo cousa destes tres mozos de Lugo.