Convivir Deportivo. O programa de radio que fai país a través do deporte

Cada semana un home pegado a un micrófono percorre Galicia para coñecer, concello a concello, os distintos deportes que se practican neste país, desde a base ata a elite, desde alevíns ata veteráns, desde as emerxentes ata campións lexendarios, ás veces esquecidos. Faino coa ilusión dun cativo aínda que leva máis de 35 anos traballando na Radio Galega. É Alfonso Pardo, á fronte do Convivir Deportivo. 

Estamos na aldea de Igrexario, no concello de Oza-Cesuras. É xa verán pero chove a chuzos, vai frío e máis de 50 persoas están de pé debaixo dunha carpa que pinga por todas as esquinas agardando a que comece o programa especial de Convivir Deportivo dedicado a Xulio Díaz, un dos adestradores máis importantes do fútbol galego, xa retirado. Sentadas hai outra ducia de persoas, familiares e veciños do homenaxeado. Este último Convivir Deportivo da temporada é un especial de dúas horas nas que primeiro se fará un retrato humano do adestrador e do lugar onde naceu, e despois dedicarase a segunda parte a falar da súa traxectoria deportiva, con compañeiros adestradores, directivos e xogadores. 

No medio da carpa vemos un home con cascos e máscara que agarra o micrófono na man dereita e un feixe de folios na esquerda. Ten o programa preparadísimo. Ten os nomes, os datos e os detalles do que quere contar perfectamente estudado. E os nomes son importantes, porque vai falar de persoas e de lugares. Os datos son importantes, porque ante todo quere compartir información valiosa cos oíntes. E nos detalles está a chave, o que lle dá a este programa a calor humana que o fai conectar con moita xente á que a priori se cadra non lle interesan tanto os deportes. 

Cada sábado o programa visita un concello (xa leva 130 concellos e 180 programas), e alí faise a gravación ou emisión ao vivo con público, e coa participación das glorias do deporte local, a xente das federacións, a rapazada que está empezando.

Porque Convivir Deportivo non se emite na franxa nocturna á que adoitan ir relegados os espazos de deportes que resumen a xornada. Vai os sábados a mediodía, despois do programa de cinema da Radio Galega, Sala 5, e antes do informativo das dúas. Hai bastantes anos, ou non tantos, a esa hora na mesma emisora ía outro programa que tamén percorría os concellos galegos, pero facíao a través das festas gastronómicas que empezaron a colonizar o territorio nos anos 90. Esa Galicia que parece que só socializa diante du prato de polbo, churrasco ou a comida típica de cada sitio e que aínda é a principal imaxe que se nos vende no prime-time da TVG e nos anuncios de supermercados. Un estereotipo que cada vez está máis queimado e que cada vez nos dá máis fatiga desde o espello mediático máis popular, ademais de colesterol. Pois ben, desde hai catro anos o programa de Alfonso Pardo móstranos outra cara do país, que non ten por qué ser oposta, pero que a nosa cultura non acaba de incorporar: a dos milleiros de persoas que socializan a través do deporte nas nosas cidades, vilas e aldeas

Así, cada sábado o programa visita un concello (xa leva 130 concellos e 180 programas), e alí faise a gravación ou emisión ao vivo con público, e coa participación das glorias do deporte local, a xente das federacións, a rapazada que está empezando, tamén ás veces alcaldes e alcaldesas ou algún cronista que conte cousas dese lugar. Antes da pandemia chegou a xuntar máis de 300 persoas nun auditorio; agora as condicións son moito máis complicadas pero Convivir Deportivo seguiu viaxando, en formato reducido, alá onde haxa unha práctica deportiva que mereza ser contada. 

Alfonso Pardo no programa dedicado a Xulio Díaz en Igrexario (Oza-Cesuras) CC-BY-SA VINTE

«A idea deste programa é unha auténtica bomba», cóntanos Alfonso Pardo, que é o primeiro que cre no seu produto: «É o programa que necesitan os medios públicos, a Radio Galega e a xente de deportes e dos concellos desde hai moito tempo». Mais, a pesar dos 36 anos que leva o locutor traballando nos Deportes da Radio Galega (desde a súa creación en 1985), a idea non vén de moito atrás senón que foi xurdindo despois de que Gloria Ferreiro, xefa de programas da RG en 2016, lle ofrecese a Pardo unha colaboración dentro do programa Convivir en igualdade, de Clara de Sáa, que facía e fai divulgación sobre temas sociais e familiares. O que ao principio foi unha sección que se dedicaba ao deporte en colectivos diversos axiña colleu vida propia: «O primeiro rapaz que gravei foi a Pablo Quintana,  un de Marín que fora campión español sub-15 de squash, e a segunda foi Irene Blanco Tarela, que hoxe é campioa do mundo de halterofilia. Daquela era unha nena, lembro que fun á súa casa e sorprendina alí coa súa familia, fixemos unha especie de ‘sorpresa sorpresa’. E funcionou moi ben». Tan ben que Convivir Deportivo acabou ocupando máis tempo, unha hora, e acadando o seu propio espazo, primeiro os venres e despois os sábados no horario actual. «Sempre lle estarei agradecido a Gloria Ferreiro por aquel primeiro impulso e visión que tivo, pero tamén a Tania Lombao, a seguinte xefa de programas, que seguiu apostando polo programa», recorda Pardo.

Os oíntes da Radio Galega xa coñecían ben a este locutor, un mítico das retransmisións deportivas, sobre todo do basquet -a día de hoxe aínda retransmite os partidos do Obradoiro- tamén polo programa Galicia Deportiva, que nos anos 90 xa facía algo deste achegamento ao deporte galego de base: «Lembro que cando empezamos lle dixen ao meu xefe: “eu non vou falar do Madrid nin do Barça”. Dicir iso daquela era dicir moito. E chegamos a unha audiencia de 77 mil persoas polas noites». Na súa traxectoria coñeceu a case todos os deportistas e técnicos do país, fixo milleiros de quilómetros cos nosos equipos, seguiu a auténticas lendas e, como no caso de Xulio Díaz, ás veces dedícalles especiais: Álvaro Pino, Fran Teixeira Ramos Misioné… «como é posible que esta xente non tivese programas especiais, se foron todo no deporte galego?». 

«Vin nacer o INEF de Oleiros en 1987, os primeiros estudos de preparación física, antes non había nada disto. E hoxe hai auténticos fenómenos nos concellos, técnicos deportivos super preparados, profesores de educación fisica nos colexios que están facendo un gran labor».

O pensamento a longo prazo está no miolo da creación destes programas. Fainos pensando en crear un contido que trascenda, que quede para a historia nos arquivos da Radio Galega. E con esa visión o que máis o ilusiona é entrevistar talentos moi novos cando están empezando, sabendo que a súa traxectoria poderá ser histórica. Ou non ten por qué selo, pero entrevistando a rapazas e rapaces que practican balonmán, bádminton, petanca ou escalada sabe que está a facer un retrato da mocidade galega que non adoita saír nos medios. Máis alá de medallas e clasificacións, Alfonso Pardo escoita e fainos escoitar as súas historias e o que teñen que contar: como practican, o que fan no seu día a día, o sacrificio de moitos pais e nais para levalos a adestramentos e competicións ou para comprarlles o material, que non é barato. «O outro día en Negreira descubrín un rapaz da Baña de 11 anos que facía karate, impactoume a súa maneira de falar, a madurez que tiña. Ou falando cos nenos que adestran no Basketmi de Ferrol (club de baloncesto en cadeira de rodas)», exemplifica, querendo destacar como esta rapazada «vai educada en valores, no coidado, na educación, na saúde…». Para o xornalista «o deporte é o mellor investimento social».

Por iso se achega aos concellos, que se esforzan cada vez máis en reter a mocidade para que poida practicar deporte sen facer moitos quilómetros, aínda que despois acaben marchando igual para estudar e posiblemente non volvan. Algúns fan acordos con escolas das cidades para que veñan un par de veces á semana dar clase de judo ou de bádminton; outros invisten en infraestruturas: en Pol creouse unha cidade deportiva «que nin Valdebebas». Alfonso Pardo destaca o labor de centos de profesionais que se encargan de dinamizar o deporte de base: «Eu vin nacer o INEF de Oleiros en 1987, os primeiros estudos de preparación física, antes non había nada disto. E hoxe hai auténticos fenómenos nos concellos, técnicos deportivos super preparados, profesores de educación fisica nos colexios que están facendo un gran labor».

Convivir Deportivo non só trata de visibilizar o deporte, senón tamén de visibilizar o país, por iso cada programa é unha descuberta, tamén para o propio Alfonso: «Eu pensaba que era galego; galego son pero de Galicia sabía catro cousas, e agora estamos descubrindo un país realmente marabilloso que pouca xente coñece. Que hai en Vilariño de Conso? A xente sabe que existe Vilariño de Conso? Ou San Xoán de Río? Pois o programa de Vilariño, no que falamos de barranquismo, foi un dos máis descargados dos últimos tempos. En Salceda de Caselas temos dous rapaces campións do mundo de piraguismo en augas bravas. Maceda é referencia mundial en BTT. En Rubiá teñen un club de montañismo e espeleoloxía. E por certo, en espeleoloxía Mondoñedo é a capital de referencia a nivel estatal. Canta xente sabe estas cousas?» 

«Eu con este programa aprendino todo, e mira que levo enriba máis dun millón douscentos mil quilómetros, máis de 600 voos, trens, viaxes por toda España, Europa, co Dépor… aprendín agora a ver Galicia doutra maneira, a flipar con Galicia. Temos que machacala aínda máis, hai que pateala, como dicía Otero Pedrayo, andala de leste a oeste», confesa Pardo. E segue aprendendo: «A cada concello que vou procuro ir con bastante antelación, 5 ou 6 horas antes, o día que vou facer a produción ando co coche o concello. Hai veces que me perdo, xa metín o coche nalgún sitio do que non daba saído. E descobres cousas impresionantes, á parte dos datos que poidas coñecer buscando en Google. Moitas veces danme as tantas pola noite buscando en internet e nos libros datos dos concellos para preparar o programa». A parte cultural do programa, que dá a coñecer a historia e xeografía do concello, é algo que ao director do Convivir Deportivo lle gustaría ampliar, porque o deporte e a cultura para el van máis da man do que se pensa. «Gústame moito colaborar con compañeiras do Diario Cultural como Ana Romaní ou Belén Regueira, que saben moito máis ca min. Eu non teño tantas lecturas pero encántame a Historia e sempre me documento sobre cada concello antes de ir. Iso permíteme falar con máis xente nos programas, non só cos deportistas, e achegar outros puntos de vista», explica.

«Eu pensaba que era galego, galego son pero de Galicia sabía catro cousas, e agora estamos descubrindo un país realmente marabilloso que pouca xente coñece. Que hai en Vilariño de Conso? A xente sabe que existe Vilariño de Conso, ou San Xoán de Río? 

Cultura e deporte da man nun programa que, insiste Pardo, «é único e ten un potencial tremendo, non só para a radio: isto sería un programa televisivo cen por cen». E é un programa que pola parte dos contidos faino practicamente el só: «Dirixo, produzo, guionizo, locuto… encántame pero gustaríame que no futuro houbese un equipo de xente nova que collese comigo este programa e lle puidese sacar todo o potencial que ten. Mais isto non o fai calquera, ten que gustarche e para min é como un sacerdocio, son incontables as horas que boto facendo isto». O veterano locutor vai camiño dos 60 anos e pensa seguir facendo o Convivir Deportivo todo o tempo que poida. Quédanlle máis da metade dos concellos galegos por percorrer, tamén barrios e federacións en cidades, moitas historias por contar e moito país por descubrir. Facendo radio popular, interesante e rigorosa e demostrándonos que o xornalismo deportivo pode, a pouco que amplíe o seu espazo de nicho habitual e se achegue a lugares coma este de Igrexario, ensinarnos a coñecer doutro xeito este país. 

 


Convivir Deportivo rematou a súa cuarta temporada ata setembro pero pódense escoitar todos os podcast na web da Radio Galega

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.