O son do Camiño. Media ducia de concertos para non perder nesta edición

Imaxe da primeira edición do festival en 2018. © O son do Camiño

Esta fin de semana é a segunda edición d'O son do Camiño, a cita coa que a Xunta de Galicia quixo poñer Santiago no mapa dos grandes festivais de música, asegurando un Monte do Gozo cheo con entradas a un prezo bastante baixo e un cartel do máis ecléctico. Entre clásicos do rock e artistas revelación da electrónica ou do trap, a nosa recomendación para quen vaia é non perder estes seis. 

 

No día do seu lanzamento, cunha oferta especial para os tres días a 49€ + gastos, os primeiros 25.000 abonos para o festival esgotáronse nunha hora. Tal é a ansia festivaleira da xente (ou a ansia por facer cartos coa revenda) na actualidade que o Xacobeo, xa cunha certa tradición de levar grandes eventos musicais ao Monte do Gozo, aproveita esta moda de consumo e de lecer para quentar motores promocionais de cara ao 2021. Cunha achega institucional de 2,5 millóns de euros para este ano, podemos dicir así ao bruto que cada galego paga algo menos dun euro pola 'fila cero' do festival, vaia ver os concertos ou non. Así que o mínimo é estar atentos ao que acontecerá esta fin de semana en Compostela.  

No que respecta ao musical a axenda para este ano n'O son do Camiño parece que vai de menos a máis. O xoves é o día se cadra máis frouxo e o sábado o máis potente. En xeral un cartel moi variado, con moita electrónica, moito trap, moito pop comercial e tamén algo de rock and roll. Na súa web pódense consultar horarios e programación por días. Nós aquí recomendamos 6 artistas a seguir nesta edición 2019. Velaquí están en orde de actuación.

 

Richard Aschcroft

O que fora líder de The Verve pode vir dar a Santiago ben contento, os Rolling Stones acaban de cederlle por fin os dereitos de Bitter Sweet Symphony  despois de 22 anos. Parece que Jagger e Richards dixeron algo así como “veña, para o rapaz, que ben o merece”, e decidiron cederlle os dereitos do tema amañando por fin unha inxustiza histórica. Se Richard Aschcroft xa era bastante rico, agora éo moito máis. A ver que tal está de voz en Santiago porque segundo o día, ou mellor dito, a noite anterior, faille boa falta. Iso si, o señor Aschcroft é unha auténtica estrela do rock (disque xa o era desde pequeno) que ademais de presumir do legado da súa antiga banda pode facelo dos seus discos en solitario que no Reino Unido foron auténticos superventas. Aquí nun directo recente.

 

Rosalía

A diva catalá volve a Santiago despois do seu espectacular concerto do ano pasado na Quintana. Pasou só 1 ano pero parece que foron 5 porque a carreira de Rosalía vai a unha velocidade que mete medo. Agora xa arrasa sen contemplacións no circuíto máis comercial e proba diso é a súa recente xira por Estados Unidos e a súa canción con J Balvin “Con altura”, que en só 2 meses xa vai polos 300 millóns de reproducións en Youtube. O seu último lanzamento “Aute cuture” é outro gran tema máis para a colección. Sen dúbida a artista con máis seguidores do festival, e sobre todo, a máis influente no público máis novo. Como di un dos comentarios na súa canle de Youtube: “Mi mamá me dio la vida y Rosalía me dio las ganas de vivirla". Aquí o seu último hit:

 

Mordem

A coruñesa Elba Fernández xa levaba anos dando que falar co nome de Jane Joyd, co que gañou o proxecto Demo do Festival Internacional de Benicássim. A partir do 2017 volveu como Mordem e publicou Fragments to Dominate the Silence, un LP no que envolveu a súa voz en instrumentacións trip-hop, ambient e dream-pop. Está moi de actualidade agora por Hierro, a nova serie de Movistar + creada, dirixida e producida por galegos (os irmáns Coira e a produtora Portocabo), que conta cunha excelente banda sonora cantada por ela e feita a medias con Xavi Font, recoñecido compositor audiovisual. Por certo, a música da cabeceira de VINTE tamén foi composta polos dous. Mordem terá a sempre complicada tarefa de abrir un día do festival, o sábado ás 15:40, pero a súa experiencia nos escenarios e a súa excelente voz farán que sexa un dos concertos para non perder.

 

Baiuca

O proxecto de Alex Guillán segue medrando e os seus concertos cóntanse por victorias. A súa mestura de tradicional e electrónica está agradando moito e xunta todo tipo de públicos. No seu recente concerto polas festas da Ascensión de Santiago había modernos, folkies, guiris, e sorprendentemente, moita rapazada. Un directo emocionante que está a ser unha das revelacións deste ano.

 

Iggy Pop

Lou Reed, David Bowie, Leonard Cohen, Tom Petty, Prince…van caendo todos pero Iggy Pop aguanta e con 72 anos volveremos velo por terceira vez no escenario do Monte do Gozo con ese corpo curtido en mil batallas que ten. A primeira vez viñera en solitario cunha banda que parecían os Anxos do Inferno e a segunda viñera cos Stooges cun Ron Asheton con pinta de funcionario da Deputación. Os dous foran excelentes concertos e este pode volver selo. A pouco que o público poña da súa parte Iggy pode armala fina. E se o público está moi quieto xa se encarga el de animalo ou de berrarlle, que nunha das outras veces botáralle a bronca ao respectable porque era moi soso. Aquí o temos coma un buxo nun directo deste sábado en Atenas.

 

Ayax y Prok 

Os xemelgos de Granada rebéntano alá onde van. Co seu rap 90s teñen unha capacidade de convocatoria incrible. Son quen de encher 2 veces seguidas a Razzmatazz de Barcelona, de esgotar en Bos Aires, ou de que un videoclip seu (gravado polo seu pai) chegue aos 26 millóns de reproducións. E todo isto tendo en conta que os irmáns funcionan á marxe das canles tradicionais e baseándose nun espírito DIY. Pero claro, son do barrio do Albaicín, como Enrique Morente ou Yung Beef.

Máis festivais

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.