FaCeLa Fest. Ilusións renovadas para o circuíto independente desde Lugo

Volve á primavera lucense o FaCeLa Fest para que a música independente resoe na cidade do 12 ao 14 de maio con Triángulo de Amor Bizarro á cabeza do cartel e as actuacións de Los Punsetes, The Wedding Present, The Wave Pictures, Hinds e Filophóbicas, entre outros

 

O FaCeLa Fest volve os días 12, 13 e 14 de maio a Lugo con propostas de bandas do circuíto independente. Xa sen cadeiras e sen distancia social, o festival comeza o xoves no Club Clavicémbalo e celébrase venres e sábado no exterior do Auditorio Gustavo Freire, con sesión vermú no mediodía do sábado desde a Praza da Milagrosa.

«Supón unha ledicia enorme sacar adiante outra edición máis», conta un dos tres organizadores do festival, Suso Rielo, quen recoñece que non é doado manter un proxecto coma este dende a absoluta independencia, «pola programación máis arriscada, pola falta de repercusión en medios máis xeralistas, polo investimento en publicidade e un longo etcétera».

Triángulo de Amor Bizarro, Los Punsetes, The Wedding Present, The Wave Pictures, Hinds, The Mastersons, Lie Detectors, Stay, Bang 74, Kike ganso, Eigreen, Cosmen, Nebra, Terror erótico adolescente e Filophóbicas estarán na sexta edición do FaCeLa Fest.

«A escolla do cartel é sempre cousas dos tres que estamos na organización. Cada un propón bandas, póñense en consenso e se pasan o filtro de Celes, o de Iván e mais o meu pregúntase por elas. E se é posible péchanse. En definitiva, son bandas que nos gustan, non hai moita máis historia», sinala Suso Rielo. 

Con todo, algunha directriz hai polo medio desas escollas: «Queremos que sempre toquen bandas locais no festi, se non lle damos a oportunidade a bandas da nosa cidade non sabemos onde llela van a dar. Tamén queremos sempre representación galega e internacional, pero todo isto sempre pasa o filtro do noso gusto».

O FaCeLa recupera as súas datas orixinais despois dunha edición especial en 2021, na que se celebrou no mes de maio porque foi un formato ao aire libre, pero con cadeiras para respectar as medidas de seguridade da pandemia. Aínda que a edición do festival de 2020 tivo que ser cancelada, en setembro organizaron un ciclo de catro concertos. «Estamos moi orgullosos de non ter parado nunca. Este maio voltamos á normalidade do festival, en datas e en todo, polo que estamos moi ilusionados», salienta Rielo.

«A dificultade que vemos este ano é que parece que todo o que non se programou en dous anos estase a facer agora, polo que a oferta é grandísima e a xente non pode ir a todo. Intentamos facer o mellor cartel posible, dentro das nosas limitacións, para que se decidan por nós», engade.

Desde a organización celebran que a venda de entradas se está recuperando con forza nos últimos días previos ao festival. «Según imos vendo esta tempada cos concertos que facemos durante o ano, vemos que a pandemia cambiou a forma de mercar. A xente non o fai ata moi cerca da data por se non pode asistir por un posible contaxio, ou por se a situación do momento empeora, ou incluso por medo a cancelacións», explica Suso Rielo.

«Como asociación cultural tamén programamos música casi mensualmente no Club Clavicémbalo, onde nos tratan de luxo», lembra Suso Rielo. De feito, na fin de semana seguinte ao FaCeLa programan alí a «unha das bandas máis en forma do garaxe»: The Schizophonics. Un grupo que xa tiñan anunciado para a edición do festival de 2020, que tivo que ser cancelada por mor da pandemia da COVID. «Cremos que a cultura cremos non pode centralizarse exclusivamente nunha fin de semana», defende. 

 

Tamén che interesa

  • Vinte cancións para os últimos vinte anos

    Que son tamén os primeiros 20 deste século, por iso é unha listaxe significativa. Alá vai unha quinta parte do XXI e, igual que fixemos o ano pasado cos libros, este ano quixemos facer unha consulta sobre cales foron os vinte mellores temas musicais en galego publicados entre o 2001 e o 2020. Preguntámoslles a 20 mulleres e 20 homes que se dedicaron nestas dúas décadas ao xornalismo ou difusión musical en Galicia. Velaquí o resultado. 

    Música
  • Café Derby 21: Triángulo de Amor Bizarro, bandas de rock e o Gran Hermano galego

    Para rachar coa idea de clásicos e de lendas do rock esta semana contamos con Isa Cea, membro de Triángulo de Amor Bizarro, unha banda definitoria no rock e música alternativa en Galicia e no panorama español. Falounos da súa traxectoria e os inicios, desas guitarras golpeadas sen tino e da pouca fe na súa contorna sobre o futuro da banda. Tamén nos desvela a Los Jíbaros, ese estado previo a Triángulo que puido ser e non foi.

    Podcast

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.