#OCasinoSomosTodxs. Horas decisivas para o emblemático espazo cultural de Carballo

Tal e como comenta a xente que deu nova vida a este lugar emblemático, a especulación pon en xaque a un dos poucos edificios históricos que quedan en pé na localidade: un xuízo este martes decide o seu futuro. Non en balde, o Casino de Carballo é un dos últimos inmobles históricos que sobreviven na capital de Bergantiños. Unha vila que medrou ao abeiro do desordenado crecemento urbanístico dos anos 60 e 70, e na que o cemento está espallado polas rúas como as árbores nun monte. De novo, a especulación inmobiliaria está a piques de acabar cun símbolo. 

 

Un pequeno edificio en aparencia, pero que, ademais do seu valor patrimonial, é o motor dunha entidade social e cultural que leva en activo desde o século XIX e que ten a súa sede nel dende hai preto de 100 anos. Un xuízo –que ten lugar o día 12– decidirá se segue sendo un espazo para o desenvolvemento cultural e social da vila e un dos poucos símbolos urbanísticos que lle quedan a Carballo, ou se é derrubado para edificar un moderno bloque de edificios máis, similar a calquera outro dos que xa hai na vila. Con todo, a loita para defender o Casino non acabou. Remóntase varios anos atrás e conta co apoio de toda a poboación, que se uniu cun obxectivo común e que se mantén unida para defender o patrimonio histórico e social carballés.

Celebración no Casino de Carballo © Casino de Carballo

Os inicios da Sociedade Cultural e Recreativa Bergantiños remóntanse a 1889, aínda que foi no 1925 cando a asociación primixenia se trasladou ao emprazamento actual como arrendataria deste inmoble. Ao longo da súa historia, con altos e baixos e pasando polas distintas circunstancias sociais e políticas que foron evolucionando xunto coa sociedade carballesa, ten sido un edificio sempre ligado á actividade sociocultural. Avanzado o século XXI, logo de varios cambios na directiva, foi en 2018 cando un grupo de persoas se uniu para darlle un novo pulo e acadar que seguise sendo o que sempre foi: un dos centros neurálxicos da cultura da vila. Agora, con máis forza ca nunca. Un lugar aberto ao pobo.

Precisamente aí foi cando xurdiron as dificultades. Poucos meses despois de que a nova directiva botara a andar –en agosto de 2018– cando toda a cidadanía está de vacacións e as xestións administrativas e xudiciais son case imposibles, saíu por primeira vez á luz que o edificio fora adquirido en 2005 por unha sociedade inmobiliaria denominada Horta do Casino SL por un importe de 70.000 euros, un feito que nunca antes fora comunicado de forma fiable. Como a lei permite que os arrendatarios dun edificio exerzan a súa opción preferente de adquisición fronte a outros posibles compradores a través do dereito de retracto, a directiva do Casino decidiu poñerse en marcha inmediatamente para exercer ese dereito que lle fora denegado no 2005. Así, comezou unha campaña para reunir os 70.000 euros nos que estaba escriturado o edificio.

Un chamado á acción para a cidadanía da vila © Casino de Carballo

A resposta da sociedade carballesa non ten precedentes. Nun prazo récord, socios, socias e veciñanza en xeral uniron forzas para conseguir os cartos necesarios para exercer o dereito de retracto. Dende a directiva elaborouse un sistema de doazóns e préstamos a través do que cada persoa achegou a cantidade que puido ou quixo, dos 5 aos 4.000 euros. En tan só dez días superáronse os 70.000 euros precisos.

Porén, cando parecía que a situación estaba controlada, unha nova notificación dos propietarios, Horta do Casino SL, informaba de que o importe sinalado na escritura de compra fora un «erro», e que o prezo do inmoble era, en realidade, de 360.000 euros. Xustifican que esa «confusión» foi provocada polo cambio de pesetas a euros que tivo lugar en decembro de 2002, xa que, aínda que as escrituras datan de 2005, o primeiro acordo de venda cos anteriores donos foi redactado en 2003 como un acordo privado. En todo caso, dito acordo tivo lugar máis de ano e medio despois de terse producido ese cambio de moeda. Ademais, hai constancia ante notario de que, polo de agora, non se ten achegado ningún xustificante de pago que valide o novo prezo.

Á parte de rebater o prezo do inmoble que eles mesmos achegaron nun principio, a sociedade inmobiliaria Horta do Casino SL ten presentado numerosas notificacións para presuntamente dificultar o desenvolvemento da actividade da Sociedade Cultural e Recreativa Bergantiños. Por exemplo, a pesar de que a entidade social leva desenvolvendo a súa actividade polo menos dende hai un século, con contrato firme e vixente dende 1956 –feito recoñecido polas dúas partes–a inmobiliaria asegurou no momento da escritura en 2005 que o edificio estaba libre de cargas. Algo difícil de crer cando sempre foi de coñecemento público e notorio por parte de toda a veciñanza que a Sociedade Cultural e Recreativa Bergantiños tiña alí a súa sede.

Dende a sociedade inmobiliaria tamén poñen obxeccións ás obras de reforma realizadas para arranxar certos elementos do edificio que permitiron que puidera continuar coa a súa actividade, como a mellora do ambigú. Aseguran que esas obras non podían realizarse porque toda modificación estrutural debe contar coa aprobación dos arrendadores. Aínda quecalquera pode visitar o edificio e comprobar que non hai modificación estrutural algunha e que as melloras realizadas están permitidas por contrato. Por outra banda, alegan que descoñecían a existencia do alugueiro do local de hostaleríacoñecido popularmente como ‘O bar do Casino’, que se vén producindo –tal como acredita a Sociedade Cultural e coñecetodo o pobo– dende moitos anos antes da compra en 2005.

Interior do espazo do Casino en Carballo © Casino de Carballo

Estes son só algúns dos asuntos que deberán dirimirse nun litixio xudicial cuxa tramitación se foi atrasando por causa da pandemia da COVID-19, pero que chegará este martes –por fin– ao Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Carballo. Será unha data clave para rematar con este absurdo que pode afogar a acción cultural carballesa.

Marcos Blanco Gendre

Marcos Blanco Gendre

Xornalista anti postureos, non son "the voice of my generation"… nin gañas que teño.

Tamén che interesa

  • Esquío. Cuestionar o pop para seguir facendo pop

    Constituír unha escena pop alternativa, casada co contexto actual, pero que tamén o cuestione, abrindo outras realidades para o público. Estes son os obxectivos do proxecto Esquío, que lidera o xornalista Marcos Blanco Gendre e xa conta con cincuenta artistas e bandas na súa rede

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.