Histérikas Histórikas. Un videopodcast feminista que foxe da polémica

Co patrocinio de

Histérikas Histórikas é un videopodcast presentado pola politóloga especializada en igualdade Priscila Retamozo, coordinadora do Comando Igualdade xunto coa súa mentora Chis Oliveira. Un programa sen ánimo de lucro que produce Franco Tedesco e que foi ampliando a súa equipa conforme apostaba polas gravacións en directo dos episodios, sempre centrados na persoa convidada e coas seccións das súas colaboradoras.

 

«Tiñamos claro que queriamos ter unha perspectiva feminista sobre temas de actualidade porque non estabamos moi de acordo coa óptica coa que se tratan estes temas. Interesábanos facer un programa desenfadado, divertido, pero tamén con contido feminista e que fora moi claro e moi contundente nese sentido», asegura Priscila Retamozo, quen considera fundamental que as persoas da equipa teñan formación específica en materia de igualdade, como a colaboradora Amara Pérez Davila, que tamén é politóloga especialista en xénero, ou Lucía Salgueiro, viñetista e humorista.

«Todos os contidos do programa, aínda que exista humor e traiamos convidadas de moitas disciplinas distintas, están sempre atravesados pola perspectiva de xénero. Cremos que isto falta nos medios tradicionais porque vemos que si está presente o feminismo, pero como unha sección, non é o que atravesa todo o programa. Para nós isto era moi importante, así como lograr unha coherencia entre o xeito de tratarnos entre nós e aos contidos», engade a presentadora.

A andaina deste programa que se pode ver en vídeo en Youtube, escoitar en Spotify e que comparte os seus contidos en Instagram, Twitter e TikTok comezou no ano 2021 no Café Uf de Vigo e nesta terceira tempada está asentado na cooperativa feminista A Morada. «Buscabamos ter proximidade coa xente e non estar nun estudo pechados e sós. Así podemos ter un feedback no momento e traer a xente de fóra á Morada e que haxa un público agardando, pero á vez estar nun lugar íntimo», apunta Franco Tedesco. O programa fíxose co premio revelación na última gala de Youtubeiras

Para o produtor, a gran vantaxe de Histérikas Histórikas é que «sabes que vas estar nun espazo seguro, que non che van sacar de contexto e non van buscar polémicas». Entre as convidas recentes hai mulleres coñecidas internacionalmente como Sara Hebe, unha artista arxentina referente na escena do Hiphop e na que se inspiraron para o nome do programa, para o que compuxeron unha canción de cabeceira propia entre Franco Tedesco e Roma González Caicoya. Ou como Bea Salazar, activista de El Salvador moi centrada na defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.

A escritora e activista Amelia Tiganus, autora de La revuelta de las putas. De víctima a activista, foi unha das entrevistadas máis especiais para Priscila Retamozo «porque falar da abolición da prostitución é moi importante para o meu activismo e contar con ela para que lle traslade a xente o que significa foi un agasallo». «Conseguimos que veña a xente ensinándolles o que estamos a facer e explicándolles que somos unha equipa facendo activismo por que se escoiten voces diversas e se traballen temas que non acostuman a tratarse», conta. Entre eses temas salienta o urbanismo feminista –que obriga a pensar as cidades desde outro prisma e que sexan máis habitables para as persoas–, a nutrición consciente ou a violencia estética que existe sobre as mulleres.

«Tamén contamos con xente de aquí con proxectos locais súper interesantes que necesitan un sitio onde ser vistas e que ademais, para a nosa sorpresa, tamén teñen moitísimo éxito tanto na rede como en persoa. Poder estar nun espazo no que contar o que fas pola túa cidade ou na Galiza e que se che escoite é importante. Estou pensando na equipa da webserie Pringadas, que agora son finalistas nos premios Mestre Mateo. Que nós xa as teñamos entrevistado para min é un motivo de orgullo», destaca Retamozo.

Priscila Retamozo e Franco Tedesco nos premios Youtubeiras © Histérikas Histórikas

O programa faise de maneira altruísta, pero convidan á xente que asiste como público aos directos a aportar unha ‘entrada inversa’ para poder financiar a parte técnica. Tamén teñen recibido apoios puntuais de persoas seguidoras e, de momento, saen adiante adicándolle moitas horas do seu tempo libre entre todo o equipo, formado por unhas oito persoas en total, que permiten manter unha boa calidade do son e da imaxe durante as gravacións, á parte da preparación dos contidos. 

«Priscila ten talento e sabe ir guiando á xente nas conversas, non está buscando polémica. As persoas que máis seguidores teñen agora en Instagram son as que xeran polémicas... e creo que xa abonda diso. Unha das cousas importantes que aporta o programa é que é un espazo no que non hai clickbait nin polémicas e no que tamén te divirtes», sinala Tedesco. De feito, Retamozo vén de gañar o Premio Emilia Pardo Bazán na categoría de feminismo.

Trátase, no fondo, de «falar de feminismo como falo coas miñas amigas», destaca Retamozo, quen ten unha política clara de non gastar enerxías nas críticas –que algunha houbo– pero ás que non dedican tempo. «Histérikas Histórikas é un espazo seguro e ten que ser de todas, estamos encantadas de recibir propostas para coñecer a máis mulleres interesantes», agrega. O último programa que gravaron foi coa directora do diario Público Virginia Pérez Alonso e nos vindeiros seguirán afondando no tratamento do feminismo por parte dos medios de comunicación con convidadas das revistas Pikara Magazine ou A Movida. Ademais, adiantan que nos vindeiros episodios contarán tamén con música en directo.

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.