Fanzine Fest. A música que tamén se mira

O Fanzine Fest da Coruña está moi consolidado na escena electrónica, pero non perde oportunidades para achegar estas músicas a novos públicos. Cunha coidada programación, está a desenvolver esta semana na Coruña propostas de música electrónica na rúa, nas salas e ata no planetario. Música, si, pero acompaña de artistas visuais que despregan as súas creacións en directo.

 

Nun momento no que o audiovisual o enche todo, a música electrónica en directo está cada vez máis relacionada cun espectáculo que che permita centrar a mirada mentres escoitas. Entre a programación do Fanzine Fest centramos o foco nas experiencias únicas –que aínda que se repitan non volverán ser iguais– que terán lugar o sábado 10 de decembro, na última xornada do festival na sala O Túnel, onde comezou todo. Desde as 18:00 horas e ata pasadas as dúas da madrugada haberá oportunidade de asistir á presentación de proxectos especialmente deseñados para esta cita, mais tamén de asistir en directo ás improvisacións de artistas visuais e DJ que se van coñecer alí.

Sesión do Fanzine Fest 2022 coa proxección de videoclips na Domus da Coruña © Xiana Quintas

No Fanzine programaron a xornada FPS-BPM, comisariada pola xestora cultural María Núñez e o creador audiovisual Juan Lesta, coa intención de expoñer abertamente «a estreita e consistente» relación existente entre a música electrónica e mais a creación audiovisual. Por alí pasaron Adrián Canoura, Alarido (Andrés Agulla e Joel Blanco), Camille Hédouin (cantante de Mounqup), Clara Sobrino & Juliette Lizotte, Cris Lores & Xoán-Xil López, Jesús A. Tejada, Judith Adataberna, Marta Verde e Víctor García (Death Whistle).

«Reforzamos a idea de darlle a visibilidade aos creadores de contidos audiovisuais, cando ves un videoclip normalmente buscas ao artista que fai a música, pero quen fixo o vídeo aparece normalmente nos créditos. Aquí convidamos aos que fan a música e aos que fan o vídeo, para coñecer como foi o proceso de creación completo desa obra, como se vinculan os artistas de distintas disciplinas. Cada vez máis é habitual ver artistas sobre o escenario acompañados de visuais e os videoclips levan connosco desde os anos oitenta. Eu son fillo dos videoclips e descubrín novas músicas a través da tele. É bonito poder darlle agora esta relevancia», conta o co-fundador do festival Pablo Cubeiro.

Público na Domus da Coruña © Xiana Quintas

Por primeira vez na súa historia, o Fanzine Fest sairá á rúa. Será este xoves desde o espazo da Fundación Luis Seoane cunha das propostas da programación ao aire libre (como o permita a choiva) na que haberá unha sesión continuada de electrónica con artistas da escena local, como Edgar Cal, Elektrógena, Isaac Peces, Liños e Pablo Ruizgalán, ademais da madrileña Annie Hall. Pola súa banda, a sede da agrupación Musical Albéniz acollerá os diferentes talleres gratuítos que se desenvolverán, no marco do festival, en horario de mañá e tarde.

Pero volvendo ao que suderá o sábado, veremos como debuta no festival o artista visual Baldo, que acompañará ao DJ Bombyx Blow, xuntos teñen creado un proxecto de live AV que desde a organización están expectantes por ver. Eles darán comezo a esta última xornada, a partir das 18:00 horas na sala O Túnel, na que tamén actuará Death Whistle, que se encarga el da música e das visuais, e ademais controla as luces.

Desde 2008 Roi Grobas e Pablo Cubeiro teñen o Fanzine Project, un proxecto no que como produtores apostan pola música electrónica desde A Coruña e no que se enmarca a celebración deste festival. Ambos son DJ e produtores, e ademais Pablo debutou nunha pasada edición como artista visual acompañando a Roi coa súa música. O alter ego de Pablo nesta faceta é The Panic Room, na que bebe da súa formación como fotógrafo e mais da súa paixón polas sesións de música electrónica.

«O meu traballo é basicamente fotografía adaptada a vídeo. Eu non gravo vídeos, fago unha especie de secuencias de fotos como nun stop motion e a partir de aí fago clips de catro ou cinco segundos. Despois, sobre iso, traballo con tres ou catro capas creando texturas e buscando unha distorsión das imaxes reais», explica Pablo. Nesta ocasión colabora co DJ coruñés Lefrenk, impulsor e referente da escena local, que tamén conta co seu propio selo como produtor, Deep Different, xunto a Ikke Alra. «Trátase de contar unha historia vinculada coa música de Lefrenk, tanto as texturas como as imaxes teñen que ter unha concordancia co directo. Levamos preparándoo todo o ano, fomos armando peza a peza, tema a tema. Ten as súas mensaxes ocultas para que cada un o interprete á súa maneira», engade.

Un directo nesta edición do Fanzine Fest © Xiana Quintas

Pablo procesa unhas 12.000 fotografías para ter unha hora de vídeo. «Agora xa aprendín a traballar por lotes, pero ao principio ía unha a unha», lembra. Ao final, non deixa de ser un proxecto artesanal, pois en directo intervén as imaxes desde catro capas á vez, sumando texturas e formas xeométricas, polo que o resultado nunca é o mesmo. Trátase diso, de deixarse levar no momento, de que tanto o DJ como o artista visual que o acompaña sobre o escenario poidan improvisar no directo. «Temos que ser flexibles e ir vendo como reacciona o público que temos diante», apunta.

Entre as imaxes que vai empregar para a sesión con Lefrenk hai desde pezas de Lego do seu fillo a caixas de parafusos, pasando por paredes de formigón ou flores do campo. «Transformamos tanto a imaxe que nunca sabes para o que che vai valer, pero a busca é constante, eu vou coa cámara e saco fotos do que me parece. Pero tamén falamos e Lefrenk me conta o que lle inspira a el para a música, se me conta que pensa nunha fábrica eu busco algo que encaixe aí. O bo de traballar con fotos é que consegues algo totalmente único porque a cadencia da imaxe nunca vai ser perfecta, por iso ten unha estética tan peculiar. Eu quero que se vexa que non é un vídeo», salienta Pablo.

Fanzine Fest na Domus © Xiana Quintas

«Moitas veces somos a cara oculta do rock and roll, estamos detrás dunha pantalla. Pero cada vez máis estamos no escenario cos músicos, se é un show conxunto estamos todos no escenario para visibilizar que somos dous artistas. Anos atrás nos festivais os artistas visuais eran como mera decoración, non aparecían case nin nos créditos. Gústame ir a festivais como o Fanzine Fest porque coidan igual ao artista visual que ao musical, e iso non sucede sempre así», detalla Juanjo Fernández, recoñecido internacionalmente baixo o seu alter ego Gnomalab

Gnomalab estará no Fanzine xunto aos DJ Komatssu e Truncate, aos que neste caso non coñece en persoa, polo que o primeiro para prepararse a sesión é empaparse da música que fan e da súa estética, para poder crear visuais que acompañen en harmonía e non choquen coa música: «Cando preparo as sesións en directo traballo coa música de fondo todo o tempo, intento integrar moi ben as visuais para que encaixen. O que pasa en directo é todo en tempo real, non hai nada gravado, pero hai pequenos clips de vídeo que poden estar feitos previamente. Pero as imaxes son audiorectivas e se crean ao momento. É como unha banda de jazz, eu teño un estándar e toco moitas pezas pero non as improviso, sei o que vou facer porque previamente xa o levo todo ensaiado. O concepto o levo comigo xa. E se un día o pincho outra vez, verás o mesmo pero non, nunca se pode repetir nada. Iso é o bonito do directo». 

Horarios do Fanzine Fest sala O Túnel

Sábado 10 de decembro

Entradas

 

18:00 - BOMBYX BLOW & BALDO

19:00 - ACOUSTIC TRAUMA + VJ CASKBEL

20:30 - KOMATSSU + VJ GNOMALAB

21:30 - LEFRENK & THE PANIC ROOM

22:30 - REKA + VJ CASKBEL

00:15 - DEATH WHISTLE

01:15 - TRUNCATE + VJ GNOMALAB 

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Máis Vinte

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.