Fanzine Project. Por unha escena electrónica na Coruña

Liderado polos produtores Roi e The Panic Room, Fanzine Project é un proxecto emisor de música electrónica galega de proxeción expansiva e divulgadora.

 

Centralizados na Coruña, desde a súa constitución en 2008, Fanzine converteuse nunha marca múltiple, que tanto serve para nomear o seu festival principal de música, que celebrou xa seis edicións, como a súa función como selo discográfico ou tamén á academia de produción musical electrónica, nacida no mesmo momento que se anunciaba o primeiro confinamento pola pandemia da Covid-19.

Tal como o conta Roi, a academia naceu «por necesidade, logo de ver que había ese oco que faltaba por encher. Sabiamos que era un proxecto no que, para sacalo adiante, tiñamos que vincular a xente connosco, e ata que non atopamos a xente adecuada non demos o paso. Concretamente, ata que non atopamos a Lefrenk [produtor de música electrónica taamén coruñés]. E porque vimos que había unha demanda de clases na cidade».

Roi. © Pablo Cubeiro

Pola súa parte Pablo Cubeiro, coñecido como The Panic Room, especifica que «non é un negocio alternativo á pandemia. A pandemia colleunos o día no que íamos abrir, o 13 de marzo. Levamos cinco ou sete anos falando da academia. A nosa misión é facer da Coruña unha cidade recoñecida na escena electrónica. Hai escenas en diferentes partes do mundo e aquí hai talento e material. Chegan artistas de diferentes niveis. Algúns veñen á academia a aportar coñecemento, outros a resolver dúbidas, outros a aprender. Creo que aínda hai moitos proxectos por desenvolver».

Á parte da súa función educativa, Fanzine tamén conta co seu desdobramento como evento central á hora de amosar os novos valores da produción musical electrónica galega. Neste sentido, hai un lustro que o Fanzine Fest xurdíu como forma expresiva da cultura electrónica en Galicia. Edicións nas que puidemos ver propostas tan nutritivas como as de The Horrorist e Levon Vincent ou a Óscar Mulero. Nomes básicos na composición do panorama de vangarda electrónica, ademais dunha canteira galega na que destacan os ourensans Lagoon ou o mencionado Lefrenk, que tamén é mestre de Ableton, un dos softwares máis populares para a produción de música electrónica, na academia creada por Fanzine. 

«Non sabía que había tanta xente facendo música en Galicia. Grazas á escola estou descubrindo moita xente que tamén me está aprendendo a min. Se eu antes era máis pechado de estilo, agora empezo a abrirme máis.»  Lefrenk. 

O propio Lefrenk responde desta maneira á pregunta sobre unha suposta escena musical electrónica galega: «Hai moita xente que quere aprender e que está a facer cousas novas. Non sabía que había tanta xente facendo música en Galicia. Grazas á escola estou descubrindo moita xente que tamén me está aprendendo a min. Se eu antes era máis pechado de estilo, agora empezo a abrirme máis. Así, a nivel creativo, estas persoas fanme medrar moito. En canto á escena, vexo que hai máis do que parece. Que pasa? Non hai medios. Ese é o problema: parece que non hai escena, pero está aí, oculta. Por exemplo, un dos meus alumnos procedía dun foro de Hispasonic, onde algúns rapaces de Ourense lle dixeron que aquí ensinabamos. Non é que se anuncie en todas partes que aquí hai unha escola. Cando todo isto pase, imaxino que medrará aínda máis». A isto Roi engade que «cada vez hai más artistas, más dos que nos decatamos. E cada vez imos descubrindo máis. Hai moito artista, pero falta todo o que é a infraestrutura, que é polo que intentamos loitar, para que a xente se anime a facer máis cousas. Faltan medios de comunicación, faltan escolas, radios. Faltan moitas cousas arredor do que xenera unha escena e que teña máis visibilidade».

Pablo Cubeiro, en primeiro plano. © Cristina Pontanilla

Para poder alcanzar obxectivos como este último, é básico contar cunha actitude a proba de bombas, como a que Roi e Pablo amosaron o ano pasado, cando en pleno decembro, dentro dun contexto moi contrario, decidiron saír adiante cunha nova edición do Fanzine Fest. «Nós tivemos a sorte de poder celebralo», di Pablo. «Estivemos vixiando todo o ano para ver como evolucionaba a pandemia. E puidemos avanzar. Desde o principio tivemos claro que había que facelo. Isto ten que seguir vivo. Hai unha chama e hai que mantela viva custe o que custe. A xente que estivo alí dende o principio estivo aínda máis. Ao final, consegues facer o festival nun ano de merda. Por que o puidemos facer? Por filosofía. Moitos festivais naceron á sombra das subvencións ou que naceron por contratación, cando hai que apretar o cinto... Nós, con menos medios que noutros anos, tivemos moi boa resposta».

Accións tan necesarias como esta son as que proban a condición primaria da cultura como alimento básico de pensamento autónomo na nosa sociedade. Necesidade básica que, nestes tempos de pandemia, foi arrinconada e esquecida baixo a invisibilidade sufrida á sombra dos medios de comunicación xerais, empurrados pola necesidade de subsistir ante a competencia mediante a sobreexposición da psicose, en vez de pregoar a lóxica construtiva de comportamento. Dentro desta lóxica de actuación, as catro xornadas vividas no Fanzine Fest 2020 tamén foron «a demostración de que o festival é incluso sostible nestes tempos, que é o que marca a diferenza», di Roi. «Tiñamos claro que o noso crecemento podería ser moito máis rápido, pero desde o principio sabiamos que tiña que medrar de forma proactiva e sostible, e non como unha burbulla, que é no que se converteron a maioría dos festivais. Cando chega unha situación destas, a burbulla desaparece, o globo cae. Nós fomos máis lentos pero con seguridade».

Dentro desta filosofía de comportamento, a próxima meta co Fanzine Fest é celebralo tamén en 2021, nun ano máis no que a divulgación da cultura volve a estar asociada -de xeito erróneo- co lecer nocturno. Por isto mesmo, Roi cóntanos que «como todos os anos, o noso obxectivo é facelo. Como cada ano, intentar que medre un pouco máis, consolidalo e ir involucrando a máis xente no proxecto».

 

Marcos Blanco Gendre

Marcos Blanco Gendre

Xornalista anti postureos, non son "the voice of my generation"… nin gañas que teño.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.