Escoita en exclusiva o novo EP de Moura: 'Fume santo de Loureiro', raizame experimental para a curta 'Nai'

Estreamos en exclusiva o novo traballo de Moura, Fume santo de loureiro, un EP experimental e de raizame composto como banda sonora da curtametraxe Nai. O grupo galego publicará o seu novo traballo este venres, 31, en todas as plataformas, cunha coidada edición á venda en disco compacto e vinilo. 

Fume santo de loureiro foi concibido como banda sonora da curtametraxe Nai, dirixida polo cineasta Tito Refoxo, quen tamén estivo detrás do guión xunto a Brais do Rei, actual batería da banda.

Este novo EP componse de tres cancións principais, acompañadas dunha introdución e pequenos cortes de música incidental que nos presentan o perfil máis experimental da banda. 

Tras o seu debut homónimo, o sinxelo "Muiñeira da Maruxaina" e o seu segundo álbum Axexan, espreitan, a banda Moura, fiel ao seu compromiso coa exploración e preservación das tradicións do país, aposta por este proxecto que conta a historia dunha familia da aldea de Rois na Coruña, que se ve involucrada nunha traxedia como é a desaparición da máis pequena da casa. A curta foi estreada na última edición do Festival de Cans. A súa protagonista, Andrea Vilariño, obtivo o premio AISGE como mellor actriz.

Trátase dun traballo escuro, onde voces e percusións tradicionais guían no proceso da perda; "esconxuros" de aires progresivos crean un mantra hipnótico ante os males de ollo; e os arrolos convértense en queixumes fantasmagóricos, segundo explican desde a discográfica.

Trátase dun traballo escuro, onde voces e percusións tradicionais guían no proceso da perda; "esconxuros" de aires progresivos crean un mantra hipnótico ante os males de ollo; e os arrolos convértense en queixumes fantasmagóricos

Gravado e mesturado en Hertzcontrol Studio de Seixas (Portugal) polo produtor e enxeñeiro Marco Lima, Fume santo de loureiro conta coa masterización de Álvaro Gallego, quen xa participou en anteriores traballos de Moura.

Fume santo de loureiro estará dispoñible desde mañá, 31 de maio, en todas as plataformas de streaming, así como en disco compacto e vinilo. Este último chega como parte das 'Trippy Series' de Spinda Records nunha edición limitada e numerada á man de 500 copias en vinilo transparente e serigrafiado nunha das súas caras. O deseño artístico é responsabilidade de Hugo Santeiro, guitarrista da banda.

Desde a produtora explican polo miúdo o significado de cada un dos temas que compoñen este EP e que axudan a comprender e interpretar mellor un son evocador e profundo.

Agoiro/Pranto

É unha balada eléctrica na que o presaxio da morte (representado pola figura mitolóxica galaica da "raposa do aire" e o cheiro a caravel) lévanos ao inevitable desenlace e o posterior "pranto" pola perda (representada na "coda" da canción mediante voces e percusións tradicionais).

Contra os males de aireada

Na cultura galaica existen múltiples xeitos para referirse ao "mal de ollo" e, segundo a súa tipoloxía, denomínase de formas diversas: ter o aire, enganido, aire de morto, mal do aire, etc. Neste "esconxuro" de aires progresivos, Moura emprega varios ensalmos combinados, froito da súa habitual procura da inspiración en estudios antropolóxicos, para crear un mantra hipnótico e curativo.

Canto de berce

Este tradicional "arrolo" foi recollido a Erminda Miramontes de Ponte Grixoa (Santiago de Compostela) polo grupo Leilía, pioneiras na recuperación e posta en valor das pandeireteiras. A banda adáptaa ao seu formato eléctrico a modo de lamento fantasmagórico.

Tamén che interesa

  • Novo vídeo de Moura: "Romance de Andrés d'Orois"

    A banda coruñesa saca o segundo single de adianto do seu próximo LP,  'Asexan, espreitan', que verá a luz o 27 de maio da man de Spinda Records. Diego Veiga, vocalista e compositor, cóntanos que este tema é unha «balada a modo de romance de cego na que conto a historia do meu bisavó materno Andrés, tratante de gando e natural da parroquia de Orois (Melide) que foi asasinado a comezos do século XX por dous ladróns na carballeira de Ribadiso (Arzúa) cando voltaba da feira.»

    Música
  • "Baile do dentón". Primeiro single do novo traballo de Moura

    Os coruñeses MOURA, dous anos despois do lanzamento do seu debut homónimo e logo de sacar o single "Muiñeira da Maruxaina" en 2021, volven co seu esperado segundo traballo de estudio no que se adentran aínda máis na tradición galega, tanto a nivel lírico como instrumental. 'Axexan, espreitan' ten programada a súa saída para o próximo 27 de maio co selo Spinda Records, mais desde hoxe podemos gozar dun primeiro single titulado "Baile do dentón", tema a medio camiño entre a neo-psychedelia e o kraut-rock que trata sobre a historia do comercio do este fungo do centeo, a partir do que se sintetizou posteriormente o LSD, e os delirios e alucinacións que causaba entre os labregos cando cocían o pan.

  • Muiñeira da Maruxaina, o novo videoclip de Moura

    O selo andaluz Spinda Records está a piques de lanzar unha caixa recompilatoria titulada 'Grados. Minutos. Segundos.' que durante o vindeiro ano publicará 12 vinilos de 7' con temas inéditos de 24 bandas que representan o underground das micro-escenas que máis ferven en distintos territorios do Estado. Teñen en común seren bandas «que rachan co establecido e/ou van contra as modas e tendencias do mercado» e unha das participacións galegas é a de Moura, a banda que sorprendeu o ano pasado co seu primeiro álbum que mesturando psicodelia e rock progresivo co folk tradicional galego. O primeiro deste recompilatorio lanzouse esta semana con este videoclip da "Muiñeira da Maruxaina" gravado nos estudios Mans da Coruña. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.