#MiradasFIOT. Cando o teatro social é o que mellor conecta coa xente nova

© Teatro Kamikaze

O FIOT de Carballo achégase ao público novo a través de distintas propostas escénicas que poñen o ollo sobre a o feminismo, a xenofobia, as violencias e as identidades diversas.

 

Rodrigo Cuevas, a quen xa entrevistamos hai uns días en VINTE, convocou nos inicios desta edición do FIOT co seu especáculo Trópico de Covadonga a un público ávido de historias das que se adoitan calar, normalmente contadas por mulleres e que reflicten, en primeira persoa, historias tremendas de violencia, como a que se conta en Jauría, ou de transgresión, como Juguetes rotos, ou de empoderamento, como Chicas y chicos. Que o público busque no teatro respostas, ou preguntas diferentes, sobre cuestións sociais de actualidade é unha gran noticia, porque hai moitas creadores e creadores dispostos a abordalas. Fagamos un pequeno repaso por algunhas destas #MiradasFIOT.

Jauría, a exitosa obra baseada na transcrición do xuízo da Manada, protagonizada por María Hervás, Fran Cantos, Álex García, Ignacio Mateos, Raúl Prieto e Martiño Rivas, constrúe unha ficción documental a partir de fragmentos das declaracións dos acusados e da denunciante, un material moi real que nos permite viaxar dentro da mente de víctima e victimarios. Un caso que remove de novo o concepto de masculinidade e a relación co sexo da nosa sociedade. Igual que fixera en Ruz/Bárcenas, o dramaturgo Jordi Casanovas corta e pega as declaracións de todos os protagonistas, pero non engade nin unha soa palabra que non fose dita durante o xuízo. Teatro para facernos pensar sobra nosa propia relación co sexo e cos roles de xénero, que tamén desenvolveu unha guía didáctica para traballar con ela en institutos. 

Os adolescentes de Carballo puideron achegarse desde os seus centroa s ver Dados, de José Padilla, unha historia cun protagonista da súa idade, “X”, que ten un podcast que traballa nunha tenda de banda deseñada e rol.  Cando “Y” entra a mercar un agasallo, o encontro deriva nunha partida de xogos de rol.  O azar  dos dados desvelará un segredo vital para os dous. A través da comedia, Dados narra as dificultades de ser adolescente, dificultades que se incrementan se es trans. Unha viaxe cara ao encontro coa nosa identidade e o noso dereito a ser quen somos, que foi Premio MAX á mellor obra infantil e xuvenil. 

De adolescencia e identidade tamén no fala A.K.A., outro dos fenómenos teatrais da temporas, especialmente entre o público xuvenil. Carlos coñece a Claudia e xuntos vivirán unha historia de amor que ten como trasfondo os prexuízos e o racismo. O protagonista relátanos un período da súa adolescencia no que treman as súas raíces. Carlos é adoptado e os ollos dos demais fanlle cuestionar cal é a súa “verdadeira” identidade. Galardóns como os Pemios Max, Premios Butaca e Premio da Crítica de Barcelona recoñecen o excelente traballo do protagonista, Albert Salazar, que se dirixe aos espectadores desde a proximidade, e que apela ao noso xuízo e á nosa empatía.

En Juguetes Rotos, de Carolina Román, viaxamos ata a España de finais dos anos 60 a través do relato dun transexual que se vai contando, tamén en primeira persoa, a través de pinceladas en branco e negro extraídas de historias reais sobre identidade sexual e de xénero documentadas en múltiples entrevistas. Desde unha poética do cotián Román, unha das dramaturgas da nova xeración máis destacadas de España, dirixe a súa mirada a persoas e colectivos que non teñen voz, que senten que non hai sitio para eles e que queren romper as gaiolas que os aprisionan. Nacho Guerreros, o protagonista desta conmovedora historia, sorpréndenos nun rexistro moi diferente ao dos personaxes televisivos que popularizou en series como Lo que se avecina. El e mais o seu compañeiro de reparto, Kike Guaza, foron finalistas como mellores actores na última edición dos Premios Max.

Outra das dramaturgas máis sobresaíntes do panorama estatal, Lucía Miranda, fai este venres 18 en Carballo a estrea absoluta de Chicos y chicas, unha obra que reflexiona sobre a violencia machista a través do percorrido vital da protagonista. Ela, unha muller que non ten nome porque podería ser calquera, ten un marido, unha filla pequena que pasa o día construíndo cousas e un fillo menor que as destrúe. Enfrontouse aos teitos de cristal, a un traballo ao que non estaba destinada, á conciliación… Podemos perdoar que unha muller teña máis éxito ca os homes? Cal é o prezo a pagar? E os menores, que papel xogan? Esta obra formúlanos preguntas que a sociedade debería facerse sobre a masculinidade, a violencia ou as consecuencias sobre os menores da realidade da violencia de xénero. E faino con dor, humor, tenrura e realidade a partir dun texto do autor británico Dennis Kelly. Conta coa colaboración do FIOT de Carballo na súa produción.

Fragmento do cartel de 'Chicas y chicos'. © Chicas y chicos

 

A 28º edición do Festival Internacional Outono de teatro celébrase en Carballo entre o 27 de setembro e o 1 de novembro. Consulta na súa web toda a programación. 

 

Tamén no FIOT

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.