Campus dixital. A esmorga universitaria de Santiago tamén se fai en internet

Co patrocinio de

Poñemos un ollo nas contas de Instagram e TikTok nas que se move a xente universitaria de Santiago de Compostela, que a pesar das dimensións da cidade atópase máis pola rede que pola rúa. 

 

En Santiago hai un cosmos universitario integrado na cidade, sobre todo no Ensanche. Os xoves é difícil non cruzarse coa rapazada cargada coas bolsas do super anticipando os plans da noite, pero onde van? Calquera festa planifícase na rede. E quen está dentro dese microcosmos sabe a que persoas vai atopar segundo o sitio ao que vaia. «Non vas ver a alguén de Filosofía no Blaster», di Carla Núñez, ex alumna de Comunicación Audiovisual na USC

Sobre como se move a noite compostelá, case a modo de guía para quen chega aos primeiros cursos ou está de Erasmus, falan Carla Núñez e Marcos López nun dos primeiros vídeos da súa canle Todo Mal, coa que están en Youtube, Instagram, Tiktok e agora tamén en Ivoox. «Pensamos que molaba ter un espazo no que poder compartir todas estas parvadas que se nos ocorren. Falamos de novas de actualidade, pero as traemos ata aquí, facendo país. Todos sabemos como se liga en Madrid, pero como se liga nunha verbena? Porque non é o mesmo ligar no espazo aberto da verbena que nunha discoteca», conta Carla.

Dous guionistas do programa Land Rober da TVG que prescinden do guión para estes vídeos que gravan en falso directo e despois someten a unha lixeiriña edición. «Practicamente non editamos nada, e é todo moi espontáneo, non preparamos case nada», apunta Carla, que conta como subiron un primeiro vídeo ao Youtube a finais de agosto por probar e decidiron non contarllo a ninguén para ver ata onde chegaba. «Seguimos unha estratexia un tanto absurda porque Marcos é quen está detrás da conta da Tele Jaita e ten milleiros de seguidores, pero non aproveitamos iso para darnos a coñecer. Dixemos: a ver que pasa se non llo compartimos a ninguén! E a xente foinos preguntando soa. De feito, nas nosas redes aínda o comezamos a compartir hai pouco», engade.

Os seus vídeos xa rulan pola comunidade universitaria porque, ao final, manexan as mesmas referencias. «Se queres ter moitos seguidores tes que falar de cousas que lle importan a moita xente, nós falamos do que lle importa á xente de aquí e ao noso arredor. Gústanos facer comedia, é a nosa forma de desconectar. E vainos ben para o traballo porque a comedia é un músculo e hai que exercitalo», asegura Carla, que se sorprendeu pola boa acollida dos vídeos que subiron ao Tiktok, pois nunha imitación do Dígocho eu acumulan máis de 125.000 visualizacións.

@todomal.gal Estreamos sección co DIS TI! A Version 2.0 do Digocho Eu. E tamén temos Instagram ollo coidao. #galego #galega #galegosdominandotiktok #digochoeu #disti #galicia #humor ♬ sonido original - TODO MAL

O contido que máis lles funciona é o relacionado cos cotilleos, como a recente ruptura entre Shakira e Piqué, coa que aproveitaron para falar de xubilados galegos, pois o futbolista tamén se retira. «Creo que á xente lle gusta ver como se fala de temas xerais nunha linguaxe máis de aquí. Parece que está todo feito, pero sempre se lle pode dar unha voltiñac, salienta Carla, para engadir que as enquisas tamén atraen moito, posto que tiveron moita participación na súa conta de Instagram preguntando polo home vivo máis sexy de Galicia, unha votación na que competían Gayoso e Ortiga.

Carla recoñece que sempre hai que ter un ollo nas redes, pero que ela non as empregaba para saír de festa. «Como sempre vas aos mesmos sitios... Os básicos son o licor café no Pozo, o Avante, o Maycar... Teño amigos que estaban en Económicas que ían a discotecas con música máis moderna. Pero nós os de Audiovisual non nos mesturabamos moito», lembra. E un repaso polas redes demostra esa tendencia a saír de festa coa xente da túa mesma carreira.

«Empregamos o dos pasos de ecuador porque podes comprar entradas para saír cos teus compañeiros, cada un cos da súa carreira», destaca unha alumna de Farmacia, que son un grupo especial dentro do alumnado universitario pois pode que se xunten máis de noite que de día, xa que non teñen un edificio de referencia no campus da USC. «Medicina, Farmacia e Odontoloxía son os que máis xente moven e tamén os que collen as discotecas máis grandes: Ruta, Facultad... O que máis mola é que todos os pasos fan festas pre finde, e diso estamos todos pendentes», agrega.

Pero todo isto comezou alá polo 2018 coa pioneira conta Salseo USC –que xa ten as súas derivadas noutros campus galegos Salseo USC Lugo, UDC Salseo, Salseo Uvigoourense ou Salseo Uvigo– que vai camiño dos 50.000 seguidores en Instagram. As persoas que están detrás desta iniciativa queren manter certo anonimato, pero contan que reciben unha media de sesenta mensaxes diarias en Instagram. Pero ollo, aquí o tema principal non é atopar onde saír de festa, se non quen é esa persoa coa que coincidín agardando polo bus, nun corredor da facultade, na Conchi ou mesmo nun portal. «Non subo todas as mensaxes porque algunhas son moi explícitas, mándanme a foto da persoa ou datos de onde vive, tamén hai algunha mensaxe con comentarios  machistas que non comparto, pero dou grazas porque é nos menos casos», contan desde Salseo USC.

A efectividade deste 'servizo' para atopar xente está demostrada, de feito quen leva a conta destaca que o raro é non identificar á persoa que se busca: «Compartimos as mensaxes e a maxa faise soa, a xente comeza a argallar nos comentarios e sempre hai algún amigo que pon aí o Instagram da persoa que é». O alumnado explica que se queres saber o que pasa alí tes que ter un ollo en Salseo, pois tanto como se perdiches algo como se houbo un lume nalgún punto da cidade, vai estar aí.

Hai que estar continuamente revisando, non vaia ser que che busquen... As mensaxes van desde o «no ximnasio da USC había un chico cunha camiseta de fútbol co número 10, cando me quixen dar conta xa se fora... a ver se mo encontras!» ata o «acábome de namorar dun chico que estaba comendo en Mates ás tres da tarde». De feito, en Salseo USC foron máis alá e fixeron o seu propio 'test de compatibilidade' para a xente, e contan que xa hai casos de xente que ten unha relación seria grazas a isto.

Salseo USC tamén é unha vía de entrada á vida universaria para quen chega a Compostela, como outras contas máis recentes como Becario USC ou Disco Conchi. «Vai por etapas, pero a xente acostumouse a mirar e agora tamén facemos un labor moi últil para quen busca compañeirxs de piso. Compartimos máis de trescentos stories de pisos este verán e diría que o 90% da xente que nos pediu axuda atopou compañeirx», celebran desde Salseo. 

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Máis Vinte

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.