Dentro da gran colleita pop que está a dar Portugal nestes últimos anos, un dos proxectos máis rechamantes e persoais é o de Beautify Junkyards, autores de The Invisible World Of Beautify Junkyards (2018) e Cosmorama (2021), dous dos traballos máis relevantes do pop hipnagóxico mundial.
Formados en Lisboa hai unha década, a súa traxectoria vén marcada por un desexo inquebrantable de evolución en modo cinemascope, cun ángulo de movemento que percorre diferentes áreas estilísticas, como o folk británico dos anos sesenta ou o krautpop en modo electrónico, herdado da rica tradición xermana dos setenta, encabezada por Can, Neu! e Kraftwerk.
Pero como xorde a fórmula musical de Beautify Junkyards e como funciona un grupo con seis cabezas pensantes? «Á hora de crear novas cancións pasan diferentes etapas. Nun primeiro achegamento, hai sesións de improvisación e gravación con toda a banda. Despois escollemos as mellores ideas e as comezamos a desenvolver nun ambiente máis de laboratorio, traballando en subgrupos as melodías, os ritmos, as texturas sonoras e os arranxos», comenta Joao Branco Kyron, portavoz principal da banda.
«Non hai unha fórmula concreta, senón máis vontade de explorar novos camiños. Ao mesmo tempo de utilizar a nosa bagaxe, sendo amantes da música como somos, tamén estamos infundindo eses elementos de paixón na nosa música, como nun fluxo constante, conectando pasado e futuro», engade.
Esta metodoloxía pódese palpar coa escoita do seu penúltimo LP, publicado en 2018, co que xa entraron a formar parte de Ghost Box, o selo discográfico británico no que tamén militan algunhas das voces máis orixinais dentro do que se denomina como retro pop sci-fi, con The Advisory Circle, Belbury Poly ou Headcarriers como algúns dos seus integrantes máis destacados.
A pertenza de Beautify Junkyards a unha discográfica deste tipo supuxo un apoio de gran importancia para un grupo sobre o que, entre The Invisible World Of Beautify Junkyards e Cosmorama, existían moitas expectativas para comprobar se eran capaces de manter a chama da inspiración. Neste sentido, aínda que no seu derradeiro LP non hai arrebatos pop tan directos como a inmortal “Sybil’s Dream” ou “Aquarius”, si ampliaron as dimensións do seu son, xa de por si calidoscópico.
A magnética atmosfera hipnagóxica de tons melancólicos que impregna cada poro deste traballo ratifica a prórroga na súa alianza coas musas. A colección de ritmos tropicalistas, os oníricos brotes de psicodelia folk pastoral, o empuxe motorik [un beat asociado ao krautpop] colorista en cortes como “The Sphinx” e a súa capacidade para xogar na mesma liga cos fabulosos Vanishing Twin fan deste álbum unha nova escusa para deixarse arrastrar absolutamente ata o seu cromático caudal de texturas.
No mesmo, podemos atopar a súa conexión con Vashti Bunyan, o krautfolk de Catherine Ribeiro + Alpes ou o sunshine pop barroco de Saggitarius. Ecos cristalizados nunha colección de cancións ebrias de imaxinación, xa sea na doce ambientación selvática de “Vali” como nas estruturas jazzys cariocas que conforman o esqueleto de “Deep Green”.
Mención especial merece o poder de atracción que irradia “The Collector”, pop inmersivo de altos voos, a través do que selan un catálogo tan vibrante de grandes probas da excepcionalidade da que xa viñan advertindo desde o notable The Beast Shouted Love (2017).
Cal foi a evolución entre estas dúas obras e cal será o concepto á hora de concibir o seu próximo LP? A respecto disto, Joao comenta que «The Invisible World Of Beautify Junkyards ten un ambiente máis pastoral e místico, explorando elementos do folk de novas formas e en Cosmorama temos máis elementos electrónicos e tamén unha sección rítmica máis rica. No tocante ás influencias, Cosmorama conta cunha gama máis ampla, kosmische, tropicalia, electrónica antiga e contemporánea, en gran parte debido ao concepto das "Cosmorama Rooms", que desde a Inglaterra vitoriana funcionaban como portais a outras épocas e lugares do país».
A banda atópase inmersa no seu próximo disco. «Agora comezamos a recoller e gravar algún material. Tamén temos algunhas cancións novas que incorporamos ao noso directo. Estamos moi ilusionados co novo disco, esta fase de creación é unha das nosas favoritas no ciclo da banda», salientan.
Hai unhas semanas, os lisboetas agasalláronnos co single “Verde pino”, unha versión dun tema orixinal de Nuno Rodrigues de 1971, co que volven demostrar a súa sorprendente capacidade de metamorfosearse en diferentes versións de si mesmos.
Non en balde, o grupo portugués é un xerador innato de experiencias únicas, como a que tamén se nos ofrece en Cosmorama Moving Images, filme ambientado en diferentes concertos producido entre finais de 2021 e principios de 2022. Escenario no que se utiliza para abordar a reclusión pandémica desde unha perspectiva que documenta o seu estado de fertilidade creativa.
Neste ronsel visual tamén está A Viagem do Rei, banda sonora coa que a banda pon música á película do mesmo título, inspirada na vida do poeta e músico da banda da GNR Rui Reininho.
«Desde o principio estamos profundamente conectados co mundo visual, coas as proxeccións que utilizamos directamente, os videoclips, a fotografía (traballando con Lois Gray), pero tamén traballando para películas. Fixemos algunha recreación para o Planeta Sauvage, que presentamos en festivais de cine dende hai uns anos. Recentemente compuxemos a banda sonora de A Viagem do Rei, unha película sobre Rui Reininho, cantante e poeta portugués. A película foi dirixida por João Moreira, que é o guitarrista e teclista da banda, polo que a intimidade entre imaxes e música chegou a un nivel máis profundo. Traballar co cine é algo que nos encanta e queremos seguir facendo», afirma Joao Branco, quen pon voz en moitas cancións dunha formación que funciona como unha entidade cromática de diferentes personalidades, e da que tamén xorde un proxecto de perfil máis electrónico: Hidden Horse. Pero esa é outra historia que ben merece unha revisión máis profunda noutra ocasión.