Vinte no Camiño. Así será o podcast que faremos desde a praia de Barbeira

Este sábado celébrase a primeira edición do Barbeira SeaSon Fest en Baiona, un festival de música ao pé da praia e do camiño de Santiago no que VINTE estará presente conducindo un especial sobre creación, mar e territorio. Contámosvos quen pasará polos nosos micrófonos. 

O programa comezará ás 12h e rematará a iso das 4 da tarde. Condúceno Manuel Turnes, xornalista, guionista, DJ e colaborador de VINTE, e a directora da revista, María Yáñez, e farase ao vivo sobre o escenario “Plástico 0”, na mesma praia de Barbeira, con entrada libre para quen queira asistir. Serán 4 horas de entrevistas e actuacións musicais en directo con novas creadoras e artistas da contorna ou que traballan en relación co mar, coa paisaxe ou co territorio.  

Comezaremos falando co historiador de Baiona Anxo Rodríguez Lemos, que nos falará do lugar desde onde facemos o podcast, contándonos a historia da praia e do seu tradicional medio de transporte, as gamelas. A seguir, contaremos coa presenza da escultora viguesa Alejandra Sampedro, que traballa con materiais recuperados do mar, as crebas, e co realizador Salvador Pardo, que prepara unha curta documental sobre o faro do Cabo Silleiro, moi perto de Baiona. 

Neste primeiro bloque tamén nos acompañará Jorge Linheira, presidente da asociación Unha gran burla negra, que traballa pola recuperación da memoria do activismo cultural que desencadeou o desastre do Prestige a través da creación dun arquivo, exposicións, un documental e un futuro libro. E a continuación falaremos co cantante de rap Thomas Dylan Harris, metade irlandés metade de Pazos de Borbén, a quen daremos paso para que actúe en directo coa súa formación Thomas Dylan & Balea

No segundo bloque de entrevistas a fotógrafa Tamara de la Fuente e o escritor Diego Giráldez falarán do proxecto que están a desenvolver nos días previos ao festival sobre a etapa do Camiño Portugués da Costa que pasa por Baiona, a xeito de pequena residencia artística. Este proxecto é o piloto dunha serie de residencias artística no Camiño de Santiago que coordina, entre outros, o fotógrafo Iván Nespereira, co que tamén falaremos. 

Contaremos ademais con Xisela Franco, que vive en Baiona, que nos falará da relación da artista coa paisaxe, coa vida íntima, co acto de contemplar e o acto da crianza, conceptos que Franco explorou na súa obra-tríptico-intalación Interior-exterior, durante. Tamén nos fará un avance da crónica que prepara para VINTE sobre a viaxe na que acompañou a Eloy Enciso, Beli Martínez, Óliver Laxe e outros cineastas ao festival de Toronto, cidade na que Xisela Franco residiu. Nesta viaxe puido conectar a estes referentes do Novo Cinema Galego con creadores de cine experimental e de vangarda canadenses, nun chanzo máis da creación cinematográfica galega para conectar con sensibilidades e público de todo o mundo. 

Neste bloque tamén nos acompañará Alejandro Fábregas, que desde Pontevedra puxo en marcha Wakau Atlantic Coast, unha marca de moda surf e de montaña que estará presente no Festival, pois colaborou facendo a camiseta do Barbeira SeaSon Fest. Wakau vende online camisetas, suadoiros e outras prendas que evocan as mellores praias para facer surf de Galicia, Portugal e o País Vaco e terá tamén o seu posto na praia de Barbeira o sábado. 

Pecharemos o programa coa actuación de Zeltia Irevire, unha das últimas revelacións no folk-blues do país. Voz, guitarra e percusión con influencia irlandesa, con letras en galego e en inglés de transfondo político que queren dar a coñecer a loita polo bosque autóctono. 

O Barbeira SeaSon Fest desenvolverase durante o resto do día entre o escenario da praia, gratuíto, que contará coas actuacións de Axolotes Mejicanos, Ale González (Los Árboles), Boyanka Kostova e os DJs Paula Docampo e Manu TF; e o escenario da Horta, no Parador de Baiona, con entradas a 18€ e onde poderemos ver a La Bien Querida, La Habitación Roja, Los Punsetes, Cariño e Cecilio G. Ademais haberá zona gastro e actividades para nenos na praia pola tarde, coa idea de pasar un día ao pé do mar gozando da creación contemporánea e dun contorno natural inmellorable. 

Tedes toda a información na web do festival. Agardamos vervos en Barbeira! 

Máis información

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.