Vinte no camiño. Preparamos un podcast ao vivo no Barbeira SeaSon Fest

© Barbeira SeaSon Fest

O verán está próximo a rematar e en VINTE queremos despedilo como merece, para darlle tamén a benvida a seguinte temporada, chea de novidades. E queremos que nos acompañes. Será no Barbeira SeaSon Fest, en Baiona, o sábado 21 de setembro. 

Ese día o Barbeira SeaSon celebra a súa primeira edición levando a Baiona artistas do panorama indie e trap en dous escenarios, un dos cales, o da praia de Barbeira, estará ocupado por artistas galegos como Thomas Dylan & Balea, Zeltia Irevire, Ale González (Los Árboles), Boyanka Kostova e os DJs Paula Docampo e ManuTf. Será na sesión vermú cando VINTE se faga con este escenario para presentar un podcast ao vivo polo que pasarán distintas creadoras e creadores que traballan vinculados ao territorio, ao mar e á sustentabilidade. E tamén ao camiño de Santiago, pois o camiño portugués da costa, que sae da cidade do Porto, pasa por Baiona na súa etapa entre Mougás e a Ramallosa. 

Así, baixo o título de Vinte no camiño, o podcast será un formato contedor para entrevistas e actuacións en directo, alí na mesma praia, conducido por Manu Turnes e María Yáñez. Tamén se presentarán as primeiras imaxes e textos resultado dunha micro-residencia artística que organizamos para a ocasión na que a fotógrafa Tamara de la Fuente dará a súa particular ollada desta etapa do Camiño, xunto co escritor Diego Giráldez

© Barbeira SeaSon Fest

No segundo escenario do Barbeira SeaSon Fest, na horta do Parador de Baiona, poderemos ver pola tarde a clásicos do indie estatal como La Bien Querida, La Habitación Roja ou Los Punsetes, revelacións millenial como Cariño ou o cantante de trap Cecilio G.. Os horarios, como vemos no cartel, estarán marcados polas mareas, e a entrada para os concertos deste escenario custa 18€. Para as actividades da praia, incluído o noso podcast, a entrada será de acceso libre. 


As socias e socios de VINTE xa tiveron a primicia desta colaboración hai unhas semanas, cando na newsletter anunciamos o festival e un sorteo de entradas para socias. As persoas gañadoras de invitacións dobres para o festival recibirán hoxe un correo de confirmación. 

Esta temporada en VINTE queremos ofrecer máis ventaxas deste e doutro tipo para socias e socios. Lembra que facéndote socia fas posible que sigamos a facer contidos de maneira sustentable. Se non o es aínda, aproveita a ocasión e Faite de VINTE

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.